Reportaxes

Animación á lectura

En pixama na biblioteca

Noite na Biblioteca en Gondomar
24-06-2008

Espazo Lectura organizou en Gondomar unha noite na biblioteca na que ficaron a durmir, rodeados de contos, 26 cativos.

Foi esta unha iniciativa nova no noso contexto, para a que os integrantes de Espazo Lectura tomaron a idea de experiencias semellantes en dúas vilas portuguesas aínda que “adaptando o programa, con actividades propias, e coa diferenza de que alí quedaban a durmir tamén as familias”, segundo nos conta Concha Costas, presidenta deste colectivo que leva máis de dous anos traballando na dinamización da lectura no Val Miñor, tempo en que desenvolveu actividades que van desde a constitución de clubs de lectura até o bookcrossing.

Integrado por unha directiva de oito persoas, os socios fundacionais, e cunha rede de colaboradores de arredor de vinte, o colectivo Espazo Lectura constituíuse formalmente como asociación a inicios do 2008. O que era ao comezo unha iniciativa dunha asociación de nais e pais de alumnos foi estendendo o seu labor a partir dunha actividade inicial chamada Contomar, integrada por sesións semanais de contacontos para nenos e nenas de 3 a 8 anos ás que asisten tamén as familias. Neste tempo contaron co financiamento puntual dos concellos da zona para organizar a súa actividade e tiraron tamén, dinos Concha Costas, “uns bonos axuda para participar no sorteo de cinco lotes de libros asinados polos autores e autoras”.

Para esta Noite na Biblioteca, que contou con actividades previas como animación de rúa coa sección xuvenil de Vichelocrego Teatro ou a actuación do grupo de música infantil Mamá Cabra, recibiron 50 solicitudes de cativos e cativas que querían ficar a durmir, o dobre das prazas con que contaban. Finalmente, dinos a presidenta da asociación, participaron “26 cativos, 8 adolescentes e 10 adultos, integrantes de Espazo Lectura”. Costas fala da satisfacción que supuxo ver a acollida e “un desenvolvemento moi bo, tranquilo, agradábel, cun comportamento espontáneo moi interesante” tanto nos contacontos coma no recital de poesía. Logo os cativos “tiveron un momento de lectura eles sós, antes de durmir, para o que ían escoller un conto, algo que repetiron os primeiros en espertar a mañá seguinte”.

No relativo ao interese mediático que levou a que esta experiencia tivese un espazo nos informativos da Televisión de Galicia, Costas alude a que “forma parte da novidade dunha iniciativa que non se fixera aquí” e ao interese de que contidos deste tipo, de menos impacto ou menos visíbeis, teñan un lugar, algo podo que se amosan “agradecidos, tamén pola ilusión que lles fixo aos nenos”.

Canto ao camiño de futuro que a asociación pensa emprender, a súa presidenta fálanos dunha xuntanza de avaliación o sábado vindeiro en que contan seguir traballando “para darlles continuidade ao Contomar, o Lendo contigo e a esta Noite na biblioteca” así como o deseño de actividades novas como “a creación dun club de lectura para nenos de 8 anos, outro para adultos e un para a terceira idade, en colaboración coa residencia”.

Tamén agardan ter para o mes de novembro unhas xornadas sobre a lectura cos pais “dado o interese do que nos falan as familias en que lles vaimos descubrindo o que hai publicado en literatura galega” e á necesidade, di Concha Costas, “dun labor de formación para as familias no fomento da lectura e de asesoramento en canto a publicacións ou coleccións”. Así mesmo, alude á satisfacción que supón para os integrantes de Espazo Lectura o feito de contribuír a facer da Biblioteca Pública de Gondomar “un lugar que os nenos sintan como vivo”, outros dos obxectivos que marcaran no comezo.


Imprimir

Novas relacionadas:

Le comigo:

Galería:

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |