Reportaxes

REDE DE BIBLIOTECAS DE GALICIA

A un paso da biblioteca dixital

Biblioteca
10-04-2007 A Rede de Bibliotecas de Galicia está de estrea. O Servizo de Bibliotecas presenta un novo portal dirixido aos profesionais e aos usuarios do sistema bibliotecario público galego. Este portal nace co desexo de colocar a Rede de Bibliotecas nun espazo visible en internet, e tamén de chegar a ser unha ferramenta cómoda, útil, moderna e indispensable para usuarios e profesionais do mundo da biblioteconomía e da documentación.
Na portada da web conviven os contidos dirixidos aos profesionais, nos que se poderá atopar información actualizada sobre axudas, subvencións, cursos, lexislación, normativas, e a actualidade do mundo da biblioteca e das actividades realizadas pola Rede Galega de Bibliotecas, cos contidos dirixidos a calquera usuario do sistema público galego de bibliotecas, que desde un único espazo virtual poderá acceder a todos os fondos das bibliotecas galegas do sistema e a un gran número de recursos en liña.

Un portal con contidos dinámicos e actualizados, no que o usuario accede a un conxunto de recursos en liña de calidade –escollidos por bibliotecarios e expertos nas distintas áreas do coñecemento– de todo o sistema bibliotecario galego. A ferramenta para acceder a todo este material é o metabuscador, que interroga en liña máis de 500 bibliotecas públicas e escolares galegas, ás que se incorporarán nos vindeiros meses as bibliotecas universitarias, as de arquivos e museos e as municipais de Ferrol, entre outras. Este metabuscador permite navegar polos recursos atopados na busca, e ampliar e complementar a información atopada enlazando bibliotecas virtuais ou repositorios de recursos web. Un destes recursos é Ocenet, unha base de datos en liña con máis de 200.000 documentos sobre todas as áreas do coñecemento; outro destes recursos é Sitios web recomendados, unha selección de webs de calidade, sobre todo de webs para nenos e mozos, avaliados por un equipo de bibliotecarios e profesorado.

O desexo do Servizo de Bibliotecas nesta nova etapa é mellorar a visibilidade de todas as bibliotecas do sistema galego, de aí a incorporación á base de datos das bibliotecas escolares, fundamentais no fomento do hábito lector, e que achegan unha cantidade de recursos que non poden ser deixadas de lado polo portal da Rede Galega de Bibliotecas
de Galicia.

Este portal é unha das actuacións do Servizo de Bibliotecas desta nova etapa, que entre outras accións visíbeis está a desenvolver os traballos para a elaboración dunha nova lei de bibliotecas e o regulamento sobre o uso das públicas, a carta de servizos para os usuarios; as actuacións de mellora das coleccións, en convenio co Ministerio de Cultura, e a achega da Biblioteca electrónica e dos servizos en liña para os usuarios, que contribuirán a darlles visibilidade, a dar a coñecer e revalorizar o seu papel mediador no acceso á información, á formación e á cultura, e a convocatoria pública do plano de formación co obxectivo de potenciar a cualificación do persoal que desenvolve nelas o seu traballo.

Imprimir

Novas relacionadas:

Dosieres relacionados:

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |