Reportaxes

'A gaita gallega' (Resposta)

13-02-2007
[dous escollas]

Ao eminente poeta D. Ventura Ruiz de Aguilera

I
Cand'este cantar, poeta,
na lira xemendo entonas,
non sei o que por min pasa
qu'as lagrimiñas m'afogan;
qu'ante de min cruzar vexo
a Virgen-martir qu'invocas,
cos pés cravados d'espiñas
cas mans cubertas de rosas.
En vano a gaita tocando
unh'alborada de groria
sons polos aires espalla
que cán nas tembrantes ondas.
En vano baila contenta
nas eiras a turba louca,
qu'aqueles sons, tal m'afrixen,
cousas tan tristes me contan,
qu'eu podo decirche
non canta, que chora.


II
Vexo contigo estos ceos,
vexo estas brancas auroras,
vexo estes campos froridos
donde s'arrullan as pombas,
i estas montañas xigantes
qu'aló cas nubes se tocan
cubertas de verdes pinos
e de froliñas cheirosas.
Vexo esta terra bendita
dond'o ben de Dios rebota
e dond'anxiños hermosos
tecen brillantes coroas.
Mais ¡ai! como tamén vexo
pasar macilentas sombrar
grilos de ferro arrastrando
antre sorrisas de mofa,
anque mimosa gaitiña
toqu'alborada de groria,
eu podo decirche
non canta que chora.


III
Falas, i o meu pensamento
mira pasar temerosas
as sombras deses cen portos
qu'ó pé das ondiñas moran.
E pouco a pouco marchando
fráxiles, tristes e soias,
vagar as naves soberbas
aló nunha mar traidora.
I ¡ai!, como nelas navegan
os fillos d'as nosas costas
con rumbo á América infanda
qu'a morte co pan lles dona,
desnudos pedindo en vano
á patria misericordia,
anque contenta a gaitiña
o probe gaiteiro toca,
eu podo decirche
non canta, que chora.


IV
Pobe Galicia, non debes
chamarte nunca española,
qu'España de ti s'olvida
cando era ¡ai! tan hermosa.
Cal si na infamia naceras
torpe, de ti s'avergonza,
i a nai qu'un fillo despreça
nai sin coraçon se noma.
Naide proque te levantes
ch'alarga a man bondadosa.
Naide os teus prantos enxuga,
i homilde choras e choras.
Galicia, ti non tés patria,
ti vives no mundo soia,
i a prole fecunda túa
s'espalla en errantes hordas,
mentras trist'e solitaria
tendida na verde alfombra
ó mar esperanzas pides
de Dios á esperanza imploras,
por eso anqu'en son de festa
alegre á gaitiña s'oia
eu podo decirche
non canta, que chora.


V
"Espera, Galicia espera;"
¡Canto este grito consola!
Páguecho Dios, bon poeta,
mais é unha esperanza louca
qu'antes de qu'os tempos cheguen
de dicha tan venturosa
antes que Galicia suba
ca cruz qu'o seu lombo agobia
aquel difícil camiño
qu'ó pé dos abismos toca,
quisais cansada e sedente,
quisais que d'angustias morra.
Págueche Dios, bon poeta,
esa esperanza de groria,
que de teu peito surxindo
a Virgen-martir coroa,
i esta a reocmpensa sea
d'amargas penas tan fondas.
Paguech'este cantar triste
qu'as nosas tristezas conta,
que soio ti... ¡ti entre tantos!
das nosas magoas s'acorda.
¡Dina voluntad dun xenio,
alma pura e xenerosa!
E cando a gaita gallega
aló nas Castillas oias,
ó teu corazon pregunta,
verás que che di en resposta
qu'a gaita gallega
non canta, que chora.

Imprimir

Relacións:

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |