'Adiós ríos, adiós fontes
13-02-2007
[tres escollas]
Adiós ríos, adiós fontes,
adiós regatos pequenos,
adiós vista dos meus ollos
non sei cando nos veremos.
Miña terra, miña terra,
terra donde m'eu criei,
hortiña que quero tanto,
figueiriñas que prantei,
Prados, ríos, arboredas,
pinares que move o vento,
paxariños piadores,
casiña do meu contento.
Muíño dos castañares,
noites craras de luar;
campaniñas trimbadoras
da igrexiña do lugar.
Amoriñas das silveiras
que eu lle daba ó meu amor,
Camiñiños antr'o millo,
¡adiós para sempr'adiós!
¡Adiós groria!, ¡adiós contento!
deixo a casa onde nacín,
¡deixo a aldea que conoço,
por un mundo que non vin!
Deixo amigos po estraños,
deixo a veiga polo mar,
deixo, en fin, canto ben quero...
¡que pudera non deixar!...
Mais son prob'e, mal pecado,
a miña terra n'é miña,
qu'hastra lle dan de prestado
a veira por que camiña
ó que naceu desdichado.
Téñovos pois que deixar,
hortiña que tanto amei,
fogueiriña do meu lar,
arboriños que prantei,
fontiña do cabañar.
Adiós, adiós que me vou,
herbiñas do camposanto,
donde meu pais s'enterrou,
herbiñas que biquei tanto,
terriña que vos criou.
Adiós, Virxe d'Asunción,
branca com0un serafín,
lévovos no corazón:
pedídelle a Dios por min,
miña Virxe d'Asunción.
Xa s'oien lonxe, moi lonxe,
as campanas do Pomar,
para min ¡ai! coitadiño,
nunca máis han de tocar.
Xa s'oien lonxe, máis lonxe...
cada balada é un dolor,
voume soio, sin arrimo...
Miña terra, ¡adiós!, ¡adiós!
Adiós tamén, queridiña...
adiós por sempre quizais!...
Dígoch'este adiós chorando
desd'a beiriña do mar.
Non m'olvides, queridiña,
si morro de soidás...
tantas légoas mar adentro...
¡Miña casiña! meu lar!
Imprimir