'Castellanos de Castilla'
13-02-2007
[tres escollas]
Castellanos de Castilla,
Tratade ben ós gallegos;
Cando van, van como rosas,
Cando vén, vén como negros.
Cando foi, iba sorrindo;
cando veu, viña morrendo;
a luciña dos meus ollos,
o amantiño do meu peito.
Aquel máis que neve branco,
aquel de doçuras cheio,
aquel por quen eu vivía
e sin quen vivir non quero.
Foi a Castilla por pan,
e saramagos lle deron,
déronlle fel, por bebida,
peniñas por alimento.
Déronlle en fin, canto amargo
ten a vida no seu seo...
¡Castellanos, castellanos!
tendes corazón de ferro.
¡Ai! no meu corazonciño,
xa non pode haber contento,
qu'está de dolor ferido,
qu'está de loito cuberto.
Morreu aquel qu'eu quería,
e, para min n'hai consuelo:
sólo hai para min, Castilla,
a mala lei que che teño.
Premita Dios, castellanos,
castellanos que aborreço,
qu'antes os gallegos morran,
qu'ir a pedirvos sustento;
pois tan mal corazón tendes
secos fillos do deserto,
que si amargo pan vos ganan
dádesllo envolto en veneno.
Aló van, malpocadiños,
todos d'esperanzas cheios,
e volven ¡ai! sin ventura,
con un caudal de despreços.
Van probes, e tornan probes,
van sans, e tornan enfermos,
qu'anqu'eles son como rosas,
tratádelos coma negros.
¡Castellanos de Castilla,
tendes corazón d'aceiro,
alma como as penas dura,
e sin entrañas o peito!
En trós de palla sentados,
sin fundamentos, soberbos,
pensás qu'os nosos filliños,
para servirvos naceron.
E nunca tan torpe idea,
tan criminal pensamento
coupa en máis fatuas cabezas
nin en máis fátuos sentimentos.
Que Castilla e Castellanos,
todos nun montón, a eito,
non valen o que unha herbiña
destes nosos campos frescos.
Solo peçoñosas charcas
detidas no ardente suelo,
tes, Castilla, que humedezan
esos teus labios sedentos.
Que o mar deixoute olvidada
e lonxe de ti correron,
as brandas auguas que traen,
de prantas cen semilleiros.
Nin arbres que che den sombra,
nin sombra que preste alento...
llanura e sempre llanura,
deserto e sempre deserto...
Esto che tocou coitada,
por herencia no universo,
¡miserable fanfarrona!
triste herencia foi por certo.
En verdad non hai, Castilla,
nada como ti tan feio,
qu'aínda mellor que Castilla,
valera decir inferno.
¿Por que aló foches, meu ben?
nunca tal houberas feito,
trocar campiños frolidos
por tristes campos sin rego;
trocar tan craras fontiñas,
ríosto tan murmuradeiros,
por seco polvo que nunca,
mollan as bágoas do ceo.
Mais ¡ai!, d'onde a min te foches
sin dor meu sentimento,
i aló a vida che quitaron,
aló a mortiña che deron.
Morreches, meu quiridiño,
e para min n'hai consuelo,
que ond'antes te vía, agora
xa sólo unha tomba vexo.
Triste com'a mesma noite,
farto de dolor o peito,
pídolle a Dios que me mate,
por que xa vivir non quero.
Mais en tanto no me mata,
castellanos que aborreço,
hei, para vergonza vosa,
heivos de cantar xemendo:
¡castellanos de Castilla
tratade ben ós gallegos;
cando van, van como rosas
cando vén, vén como negros!
Imprimir