DÚAS MULLERES
Rosalía de Castro e María Mariño
11-02-2007
A escritora e profesora lucense Carmen Blanco é poeta, nar radora e ensaísta. En Vermella con lobos (2004) reúne contos libertarios. Como ensaísta tratou o tema feminista en Mulleres e independencia (1995) ou O contradiscurso das mulleres (1995) e o tema literario en Literatura galega da muller (1991) e Sexo e lugar (2006), obras en que fai unhas interpretacións renovadoras de Rosalía de Castro e María Mariño.
Rosalía de Castro e María Mariño son autoras moi distintas mais é posible ver nelas profundas afinidades. Rosalía foi unha escritora de orixe fidalga, vencellada desde nova á intelectualidade galega e integrada na vangarda posrománticosimbolista da segunda metade do XIX: iniciadora e consolidadora poética do Rexurdimento con Cantares gallegos (1863) e Follas novas (1880); pioneira da prosa galega; avanzada da poesía, da narrativa e do ensaio casteláns; e intelectual progresista, galeguista e feminista. A súa poesía galega achegou unha profunda voz de muller universalizadora dun saber étnico, íntimo, existencial, filosófico e social nunha innovadora linguaxe popular, coloquial, clara e sinxela.
María Mariño foi unha escritora de orixe humilde que traballou desde moza como costureira ata que casou co mestre Roberto Posse Carballido. En 1947 vai vivir a Parada do Courel, onde inicia a súa amizade co poeta Uxío Novoneyra que a levará a escribir en galego e a relacionarse cun pequeno número de intelectuais. Os seus dous poemarios galegos, Palabra no Tempo (1963) e Verba que comenza (1990, 1994, escrito entre 1966 e1967), fan dela unha persoal poeta da posguerra dos cincuenta e dos sesenta que achega unha voz de muller popular galaica cantora dunha extrema experiencia mística intimista, sensorial, agónica e aberta á materialidade da natureza que manda no eu dela e sobre a que manda El Señor. Así crea un misterioso mundo luminosamente escuro mediante unha linguaxe rupturista que expresa a súa inefabilidade.
Máis alá do feito de que María Mariño lese a Rosalía e reproduza certos ecos rosalianos (os motivos do tecer, da noite, da sombra ou das campás), se nos fixamos na súa biografía, na súa cultura e no seu status de escritoras atopamos nelas unha fonda comunidade que non é allea ao feito de ser mulleres. En primeiro lugar comparten un profundo coñecemento vivencial da cultura popular galaica que levan á obra, Rosalía por terse criado na aldea do Castro de Ortoño e María pola súa procedencia humilde e o seu oficio de costureira. Isto, unido á súa educación no contexto da subcultura feminina, deulles unha grande competencia lingüística oral de faladoras e contadoras e un profundo coñecemento da vida privada que as levou á renovación da lingua poética coa utilización dun código informalista cheo de popularismos, dialectalismos e coloquialismos, propios da real lingua falada polas mulleres e polas clases populares. Esta liberdade lingüística foi a que levou a Rosalía á innovación retórica e métrica e a María a dinamitar o sistema da lingua para expresar ambas o que sentían e sabían, que non fora nunca dito.
En segundo lugar, ambas contaron con dous mestres e mentores que as asesoraron, que as introduciron no mundo literario e que foron os seus primeiros e uns dos seus mellores críticos e propagandistas: Manuel Murguía, líder rexionalista e marido de Rosalía; e Uxío Novoneyra, o poeta do Courel e da liberdade.
En terceiro lugar ambas se apartan do androcentrismo e do logocentrismo patriarcais no pracer da disolución mística (ocasional en Rosalía e omnipresente en María), ao igual que no feminismo rosaliano e na voz subversiva da nena que fala mariñá, e así como na liberdade antisistema que as inspira.
E en cuarto lugar, as dúas comparten unha temática centrada na saudade, na dor, no tempo e na morte. E participan tamén da vivencia amparadora da natureza, do canto do amor materno e da vida pobre, da apertura na conceptuación do suxeito (feminino) e do tema da propia escritura.
Por moitas destas cousas Novoneyra dixo de María Mariño que era "a nova Rosalía". Non lle faltaban razóns, mais isto tamén foi dito doutras poetas.
Imprimir