SIGNIFICADO
Rosalía, símbolo universal do país
10-02-2007
Iolanda Galanes é doutora en Filoloxía Galega e profesora do Departamento de Tradución e Lingüística da Universidade de Vigo. Dende 2004 participa como investigadora do proxecto financiado polo Ministerio de Cultura "Biblioteca dixital da tradución literaria en Galicia (1980-2005)". Recibiu o premio de tradución Plácido Castro na súa Vª edición en 2006.
Este ano conmemórase o 170 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, a poeta galega universal. Universal no tempo, mais tamén no espazo, con edicións, estudos e, sobre todo, grazas á tradución da súa obra.
A propia Rosalía, asemade figura de dous sistemas literarios: galego e español, traduciu varios fragmentos de Follas novas cara ao castelán. A súa obra galega, moi superior cualitativamente, deuse a coñecer fóra de Galicia primeiro a través das autotraducións e despois polas traducións a outras linguas que non cesan de agromar.
As dúas principais compoñentes da súa obra, a patriótica e a feminista, forxaron a grande figura literaria galega, mais tamén son os engados que atraeron estudosos de todo o mundo que universalizaron a súa produción. O seu dobre valor serviu de atractivo para outras culturas que axiña a trasladan a outros idiomas, para tamén venerala.
Salientamos as temperás traducións dos seus poemas editadas en publicacións periódicas suecas e catalás nos anos 1895, 1897 e 1898, da man dos tradutores Göran Bjökman e Joseph Aladerm, respectivamente. Mais a súa maior proxección internacional ten lugar no século XX. A primeira tradución dos seus poemas ao castelán (alén das traducións parciais da propia autora) datan de 1908. Varias traducións inglesas dos seus poemas aparecen en 1909 en revistas periódicas. A vía do estudo é a que dá a lume as primeiras traducións italianas en 1936. Pola súa banda, en 1957 publícase a primeira antoloxía rosaliana en francés e do ano seguinte son as primeiras translacións e adaptacións ao portugués. O primeiro poema rosaliano en éuscaro aparece na publicación periódica Olerti en 1964. No que se refire ás traducións alemás, documentámolas por primeira vez no ano 1970, sendo especialmente significativas as sucesivas entregas da tradutora Elisabeth Schaible dos anos 90. No ano 1977 Gueléskul traduce unha selección de poemas de Cantares gallegos ao ruso, como tamén fixo Boris Dubin. A súa incidencia na prensa universal é notábel como tamén o son as publicacións en formato monografía ben sexa da súa obra completa, ben dunha das súas obras galegas, Cantares gallegos ou Follas novas, ben dunha selección, escolma ou antoloxía como as máis recentes achegas para o xaponés de Takekazu Asaka (Garisia to uta Cantares Gallegos) ou de Shozo Nakinishi.
Non faltan tampouco as edicións bilingües, trilingües e mesmo polilingües nas que a nosa lingua figura á mesma altura có inglés, o alemán ou o italiano, por pór algúns exemplos. De especial relevancia son aquelas edicións de combinacións lingüísticas alófonas (portugués e holandés) nas que a súa obra é ponte de relación de dúas comunidades culturais. Nese sentido é moi representativa a publicación no ano 1985 do volume A Rosalía desde Granada, no que se recollen poemas da nosa literata universal en 23 idiomas: árabe, bable, catalán, grego, chinés, ruso, xaponés, hebreo, etc.
Se o sentimento patriótico é o que move ás primeiras traducións catalás en prensa, é o valor poético da súa obra o que atrae figuras destacadas da poesía española, como é o caso de Juan Ramón Jiménez ou José Hierro que tamén traducen a obra rosaliana. De entre os estudosos patrios e alófonos que traduciron a Rosalía podemos citar a Franck Meyer, Basilio Losada, Ricardo Carballo Calero, Benito Varela Jácome, Arcadio López Casanova, Luis Alonso Girgado, Xesús Rábade Paredes, Helena Villar Janeiro, Kathleen March, Guerra da Cal, Claude Poullain, Ecléa Bosi, etc. Todos eles se achegan intelectualmente a Rosalía, estudan a súa obra e, por medio da tradución, tentan comunicar noutra lingua as mesmas emocións que a súa obra lles produce.
En definitiva, Rosalía é a nosa poeta nacional universal cunha obra coñecida na península e no contorno europeo, mais tamén editada en México, Arxentina, Cuba, Chile, Brasil, Berkeley, Os Ánxeles, Nova York, Illinois, Toquio, Upsala, Estocolmo, etc. A continuidade da tradución é signo da vixencia da súa poesía galega fóra do país, mais tamén o son as máis recentes traducións da obra castelá ao galego (O cabaleiro das botas azuis, A filla do mar traducidas por Olga Patiño e publicadas no país en 2001 ambas).
Rosalía, símbolo da galeguidade no Rexurdimento, converteuse século e medio despois no símbolo universal do país.
Imprimir