A DERRADEIRA VIVENDA
O mundo da Casa da Matanza
11-02-2007
O terreo, que antes acollía horta familiar, agora é un agradábel xardín de trazos indianos. Da época de Rosalía de Castro apenas sobreviven unha figueira e un loureiro romano. No medio das árbores, unha balconada de laxe rústica anuncia a edificación que a poeta da Follas novas pasou os seus últimos anos de vida. Dende o 15 de xullo de 1971, 86 cabodano da escritora, a Casa da Matanza, en Padrón, funciona como Casa Museo de Rosalía de Castro. Por Daniel Salgado.
Rosalía de Castro viviu en moitas casas e, no entanto, nunca tivo casa de seu; se cadra por iso escribiu aquel verso "quen casa ten de seu". Dá as explicacións Helena Villar Janeiro, escritora e presidenta da Fundación Rosalía de Castro, que se encarga da xestión d’A Matanza. Rosalía viviu en Padrón entre 1879 e 1885. Entre as paredes da súa derradeira vivenda recibiu a publicación de Follas novas e de En las orillas del Sar. "É probábel que moitos dos poemas de Follas novas os escribise na súa emigración a Castela", aclara Villar Janeiro, "aínda que cando o libro sae á luz, xa vivía en Padrón".
Rosalía de Castro naceu en Santiago de Compostela. "No Camiño Novo", puntualiza Helena Villar. As angustias económicas que pasou en existencia chegaron até o tempo final, aquel en que residiu na Casa da Matanza xunta Manuel Murguía, o seu home, e os cinco fillos que rematou de criar, dous xemelgos e tres rapazas. "A casa non se atopaba en propiedade deles e aquí só pasaron seis anos", asegura Villar Janeiro, "pero ten o mérito, e a min encántame, de ser aceptada como 'a casa de Rosalía' ». Unha subscrición popular durante os anos cincuenta permitiu evitar a especulación do anterior propietario e a transformación d'A Matanza en museo.
O labor da Casa Museo Rosalía de Castro excede a propia figura da escritora. Entre as funcións que figuran nos seus estatutos aparece a obriga de "difundir a vida e a obra" da familia de Rosalía. "Alexandra Murguía, a filla maior, foi extremadamente importante no ámbito familiar", indica Villar Janeiro. Fóra do seu traballo plástico –"con Alexandra comeza a nacionalización da pintura galega; é unha das primeiras en pintar un hórreo", afirma Helena Villar–, Alexandra tamén corrixía probas de imprenta ou ilustraba os libros dos seus pais. "Deixou a pintura cando morreu a súa nai", relata Villar Janeiro, "pero un dos obxectivos da fundación é reivindicar a súa figura".
Aínda que agora semelle incríbel, en vida, Rosalía de Castro e a súa obra poética resultaron escurecidas pola sombra do seu marido, o historiador Manuel Murguía. A silueta emancipadora de Rosalía non era aceptábel nas sociedades furibundamente patriarcais da. Galicia do século XIX. "Velaquí o gran despacho de Manuel Murguía", sinala Villar Janeiro ao entrar nunha fermosa e ampla estancia d'A Matanza. E continúa: "Rosalía escribía nun pequeno escritorio, nun recunchiño do cuarto de durmir". O moble consérvase, pero este ano amósase ao público n’A Coruña, dentro da exposición que celebra o centenario da Real Academia Galega.
Pola Casa da Matanza pasan arredor de 40.000 persoas cada ano. Esta cifra non conta cos menores de doce anos, que entran ao museo sen rexistrar. "O noso reto actual", di a presidenta da fundación, "está en transformar A Matanza nunha casa pedagóxica". Segundo Villar Janeiro, "hai unha descontinuidade xeracional no amor por Rosalía e queremos evitala". "Pero o que importa", segue, "é ler a Rosalía; a Rosalía santa non nos interesa". As actividades programadas en 2007 pola Casa Museo encamíñanse nas direccións apuntadas. "Imos editar o poema 'Vente, rapasa', de Cantares gallegos, nun libro para cativos", comenta Helena Villar, "e neste 170 aniversario do nacemento, a celebración centrarase nos meniños".
A saga que iniciaron Rosalía e Murguía detívose na seguinte xeración. Dos sete pequenos que Rosalía deu a luz, un aceu morto e outro faleceu antes de cumprir un ano en accidente doméstico. Os cinco fillos que sacaron adiante –morta Rosalía, Murguía trasladouse a Madrid cos rapaces– non tiveron descendencia. Aquela fotografía perante a figueira d'A Matanza, coa familia De Castro Murguía enteira e con expresión de acougo, encerra a última Rosalía, o mundo da Casa da Matanza. : Rosalía letras
Imprimir