Reportaxes

BIO-BIBLIOGRAFÍA

Vida e letras de Rosalía

Rosalía
13-02-2007 A literatura galega contemporánea constrúese tendo como figura fundacional e referente simbólico a Rosalía de Castro, a autora con máis recoñecemento entre nós. Mais acompañouna tamén unha certa esquematización do seu universo creativo que a acouta pola banda da sentimentalidade romántica, do pranto, da escasa formación literaria matizada pola comuñón coa alma do pobo. O presente monográfico quere falar da insuficiencia deses esquemas para a achega a unha escritora de radical contemporaneidade
Os primeiros anos da vida, os que pasa no val da Amaía, marcan para Rosalía o contacto e coñecemento da lingua galega e da cultura popular, así como unha fonda solidariedade coa situación do campesiñado. Verbo das razóns da súa marcha a Madrid no ano 1856, as hipóteses que os estudos aluden adoito son a súa vontade de iniciar unha carreira literaria ou a necesidade de arredarse do círculo provincialista que organizara o Banquete de Conxo, convivencia destes intelectuais marcados polo socialismo utópico con proletariado da cidade.

O feito de casar con Manuel Murguía, líder do rexionalismo, condicionará a vida da escritora tamén no material, dada a inestabilidade laboral e económica motivada polos avatares políticos dunha época de revoltas e alternancia no goberno do Estado.

Por eses mesmos anos publicou as súas primeiras obras: o libro de poemas La Flor e a novela La hija del mar. Tamén vivirá en distintos lugares: Madrid, Simancas ou, xa en Galicia, A Coruña, Compostela ou Padrón, onde definitivamente ficará na década dos 70 do século XIX.

Boa parte da obra de Rosalía está en castelán; así os poemarios de mocidade e as novelas, neste caso un xénero impensábel dado o precario status que tiña daquela o galego. Son as súas dúas obra poéticas, Cantares gallegos e Follas novas, as que a converten na autora de noso máis coñecida. Mais a canda este recoñecemento van tamén os estereotipos que nola mostran como matriarca, chorona, santiña, alma do pobo, e outras visións tópicas e reducionistas para unha escritora de difícil encadramento e na que non podemos obviar a súa dimensión de compromiso social e de xénero ou a reflexión metaliteraria.

1837
Naceu María Rosalía Rita de Castro o 24 de febreiro en Santiago de Compostela, filla dun crego e dunha fidalga vida a menos.

1840-1850
Segundo algúns testemuños viviu antes de outubro de 1842 ao coidado de dúas tías paternas na parroquia de Ortoño. A finais de 1842 residía xa con súa nai en Padrón.

1851-1855
Vive coa nai en Compostela. Participa nas actividades culturais do Liceo de la Juventud, onde coñece a Aurelio Aguirre e a Eduardo Pondal e en 1854 protagoniza Rosamunda de Gil y Zárate. En 1855 retorna a Padrón.

1856-1858
Viaxa a Madrid en 1856. En 1857 publica o seu primeiro libro, o poemario La Flor, no xornal La Iberia, e no 58 'Lieders', meditación en prosa, en El Álbum del Miño (Vigo). Casa con Manuel Murguía, quen fixera unha eloxiosa crítica do seu poemario.

1859
Publica a novela La hija del mar e nace a súa primeira filla, Alexandra, en Compostela.

1860-1870
No 61 mora algún tempo en Madrid, dá ao prelo o primeiro poema en galego, o que glosa o cantar "Adiós ríos, adiós fontes" e mais a segunda novela, Flavio. No 63 volve a Compostela e publica A mi madre e Cantares gallegos, en Vigo, na imprenta de Juan Compañel.

No 65 sae no Almanaque de Galicia de Lugo "Las literatas. Carta a Eduarda", artigo en que achega unha visión da condición feminina. Sae no 66 Ruínas, novela publicada por entregas e no seguinte ano El caballero de las botas
azules
na imprenta de Soto Freire de Lugo. Nace en Santiago María Aurora, a súa segunda filla, en 1868, e nos seguintes dous anos vivirá en Simancas onde escribe parte de Follas Novas.

1871-1880
En 1871 vive en Madrid, onde coñece a Gustavo Adolfo Bécquer. Ata 1874 reside na Coruña e en Lestrove nacen os seus fillos xemelgos, Gala e Ovidio. En 1872 reedita, con catro poemas engadidos, Cantares gallegos.

Nos seguintes anos desta década perde dous fillos, vive entre Santiago e Lestrove. En 1880 ve a luz Follas novas, poemario que se publicou fóra (Madrid-A Habana, La Ilustración Gallega y Asturiana-La Propaganda Literaria) e libro que pecha a súa produción poética en galego.

1880-1885
En 1881 publica "Padrón y las inundaciones" e mais "Costumbres gallegas" en Los Lunes del Imparcial e El primer loco. Cuento extraño, en Madrid. Desde o 1883 vive no lugar da Matanza, en Padrón, na vivenda que desde 1972 é a súa Casa- museo. Entre o 1882 e o 1883 publica un bo feixe de poemas en La Ilustración Cantábrica (Madrid) e en La Nación Española (Bos Aires) que no ano seguinte aparecerán recollidos no poemario En las orillas del Sar (Madrid. Tipografía de Ricardo Fe).

1885
Morre o 15 de xullo, con 48 anos de idade, e é soterrada no cemiterio de Adina, en Iria Flavia. En 1891 os seus restos son trasladados ao mausoleo do actual Panteón de Galegos Ilustres, na igrexa de San Domingos de Bonaval. Atribúeselle tamén a súa autoría ao 'Conto gallego' aparecido en 1923 no denominado Almanaque Gallego, editado en Bos Aires e posteriormente en Cuadernos de Estudios Gallegos II en Compostela, no ano 1956.

Imprimir

Relacións:

Libros relacionados:

Dosieres relacionados:

Galería:

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |