Reportaxes

DENDE FÓRA

Rosalía e os asuntos exteriores

Ilustración de Miguel Anxo Prado
17-02-2007 Helena González Fernández é profesora de literatura galega na Universidade de Barcelona e investigadora do Centre Dona i Literatura. Publicou monografías sobre literatura galega de mulleres, poesía galega e literatura contemporánea como Elas e o paraugas totalizador. Escritoras, xénero e nación (2005). Colabora como crítica literaria no Diario Cultural da Radio Galega, e nas revistas Grial, Lectora e Anuario de Estudos Literarios Galegos.
En 1917 o político Francesc Cambó e o arquitecto Josep Puig i Cadafalch viaxan a Compostela para establecer relacións co nacionalismo galego. O obxectivo era espallar a idea do iberismo como fórmula de recoñecemento a todas as nacións da Península. Levan un agasallo singular e coidadísimo: un libro a dúas tintas cunha escolma de poemas de Rosalía de Castro, editada en Barcelona para a ocasión, coa idea de distribuílo polas bibliotecas populares de Galicia. Recoñecíase así o papel singular da escritora que abre as letras contemporáneas na única literatura que ten como primeira das súas clásicas a unha muller. Ese mesmo ano Joan Martí i Trenchs, que se cadra vai pasar á historia por tradutor de Rosalía antes que por literato, edita un libriño con moitas traducións de Cantares gallegos (fazaña aínda hoxe non superada en catalán!). Latexaban nestes dous libros o encontro coa paisaxe, o orgullo nacional e a defensa da lingua. Xa que logo, líase a Rosalía como o corpo da nación. Mais Rosalía interesou fóra tamén por outras razóns: como poeta existencial e paisaxística, como denunciadora das inxustizas, como poeta relixiosa ou como poeta da saudade, ese trazo galaicoportugués que desde dentro nos explicaba e desde fóra nos diferenciaba. Por fin, e non hai tanto, Rosalía foi lida en violeta, sen outro veo, como escritora singular e combativa nun século que conta con rexas literatas. Se cadra por iso se ten dito que Rosalía no espello do inglés sería unha sorte de Emily Dickinson galega (a idea é acertada, malia as moitas diferenzas). Pero Rosalía xa participaba desde había moito nos asuntos exteriores. Follas novas publícase grazas ao apoio da Galicia habaneira, e os seus versos lidos, cantados ou recitados de memoria ían e viñan canda as maletas de cartón da emigración. "Cando penso que te fuches / negra sombra / que me asombras…" cántase con acentos diversos e forma parte dos repertorios corais e de autor en moitos lugares do mundo.

Os asuntos exteriores, coma os mercados máis antigos, baséanse no troco, así que o reto consiste en atravesar as aduanas das linguas e abrir diálogo con outras xentes. Con ela conversaron, escribíndolle poemas ou libros, García Lorca, Espriu, Teixeira de Pascoaes, Unamuno, Ana Harthely ou Maria-Mercè Marçal e Teresa Pàmies, recoñecendo así que ten un lugar entre os clásicos de occidente. Hoxe podémola ler en croata, árabe, inglés, vasco, alemán, xaponés, bable, polaco, catalán ou chinés. Traducírona o poeta español José Hierro ou o palestino Mahmud Sobh, o bancario Shozo Nakinishi ou a investigadora feminista Kathleen N. March, por exemplo. Traducións magníficas, pero insuficientes para a relevancia e actualidade de Rosalía, unha escritora adiantada e combativa que escribiu sen pseudónimo e en galego en tempos nos que as mulleres só estaban autorizadas a cantar ás pombas e as flores. Ninguén prevera a forza violeta, feminista, de Rosalía, nin tampouco que ía escribir sobre os temas que hoxe nos interesan: o papel das mulleres, a xustiza, a dor, a soidade ou a emigración (troquen A Habana por Europa, poñan un caiuco e…).

Rosalía forma parte da nosa valixa diplomática porque o papel de quen escriben é crear territorios de encontro e emoción e ofrecelos en agasallo, traspasando fronteiras e tempos. Un territorio que só existe cando se le, en calquera lingua, en calquera momento. Só hai que tirarlle os veos resesos do loito e ler nela con ollos novos.

Imprimir

Dosieres relacionados:

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |