Reportaxes

Día de Rosalía 08

Cando era tempo de inverno

Día de Rosalía
22-02-2008

O 24 de febreiro de 1837 nacía a autora de Cantares gallegos nunha casa do compostelán Camiño Novo, hoxe rúa Rosalía de Castro. A figura fundacional e referente simbólico da literatura galega contemporánea segue a ser hoxe a nosa escritora con máis recoñecemento.

Neste 24 de febreiro de 2008 a autora volve a Cuba o lugar que viu aparecer, en 1880, ao mesmo tempo ca desta banda do océano, Follas novas, obra determinante na historia da literatura galega onde figura a achega crítica, mostra da profunda reflexión económica e social da autora a propósito da emigración, que contén o poema ‘¡Pra Habana!’. Alí, na Feira Internacional do Libro, coñecemos da existencia dunha publicación realizada na illa, Mi amigo el invierno -poesías escogidas- de Rosalía de Castro, unha antoloxía da autora e estrearase, o sábado 23, no Teatro Mella, o espectáculo poético-musical Rosalía XXI.


Rosalía XXI

O grupo de Abe Rábade ponlle a música a este espectáculo con dez novas composicións con influencias cubanas creadas especificamente para este proxecto sobre os poemas de Rosalía. Estes temas xa forman parte dun disco, que se presentará o próximo 9 de marzo, a canda un libro con achegas á autora feito por diversas voces do campo da crítica e do ensaio.

Coa idea de "ofrecer unha visión renovada de Rosalía de Castro" tomou a dirección do proxecto o escritor e profesor Anxo Angueira hai xa un ano, cando se empezou a xestar Rosalía XXI. Seguindo varios eixos temáticos como a terra, a casa, a emigración, a muller, a sombra, os excluídos ou a alborada en relación coa poeta, técese este espectáculo multiartístico. Lonxe dos tópicos que rodean á autora, Angueira quería ofrecer "unha nova figura da nosa poeta nacional e abrila con novos textos e unha música jazzística emerxente baixo unha nova estética".

A actualidade de Rosalía

Tras a selección de textos consensuada con Abe Rábade, o compositor e pianista comezou a traballar na creación de temas que fuxisen da tristeza coa que moitos identifican a obra de Rosalía. Para este artista o obxectivo "era actualizar a imaxe de Rosalía desde a música" creando temas completamente distintos entre si, "cada un é un universo", afirma.

Rábade destaca poemas como ‘Negra sombra’ que foron todo un reto para el porque que xa contaba cunha melodía de Xoán Montes e era difícil ofrecer unha nova perspectiva musical. Por iso "optamos por unha reharmonización, un xogo escénico entre a voz de Angueira e o saxo de Jesús Santandreu" explica o compositor. Outro dos desafíos foi ‘Alborada’ con letra de Rosalía, que xa conta cunha reconstrución musical feita por varios musicólogos. E sobre o poema ‘Tecín soia a miña tea’, a cantante Guadi Galego encargouse de musicalizar este tema que tamén interpreta.

Mentres o jazz de Abe Rábade Quartet, formado por Rábade ao piano, Jesús Santandreu co saxo, Nelson Cascais co contrabaixo e Bruno Pedroso coa batería, soa a Galiza e Cuba, Anxo Angueira recita os versos da poeta. A partir da voz do poeta, Rábade atreveuse a experimentar co seu grupo e trasncribiron melodicamente o recitado, adaptándoo ao piano e ao saxo.

A autora na palabra dos escritores de hoxe

En canto ao libro, contén achegas de Vitoria Álvarez Ruiz de Ojeda, de escritores como Xosé Luís Méndez Ferrín, María do Cebreiro, Xabier Cordal, María Reimóndez, Daniel Salgado ou o propio Angueira, da historiadora Nancy Pérez ou de estudosos da literatura como María López Sández, Iago Castro ou Iria Sobrino. Con este libro cóbrense todas as dimensións que perseguía este proxecto "a literaria, a musical e a visual", explica Angueira.


Imprimir

Relacións:

Libros relacionados:

Reportaxes:

Ligazóns:

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |