Reportaxes

EN SEIS MESES

Compostela terá biblioteca nodal

Biblioteca Nodal en Compostela
01-10-2007 En termos de infraestruturas bibliotecarias, a Biblioteca Pública do Estado en Santiago é o proxecto recente de maior envergadura. Coa súa próxima apertura, a cidade contará finalmente cunha verdadeira biblioteca nodal, visto que a antiga sede das Ánimas deixou hai ben tempo de dar un servizo adaptado á poboación compostelá (posuía menos de vinte mil volumes, uns quince mil deles obsoletos). Entre outras cousas, a nova localización disporá da biblioteca infantil e xuvenil da que carecía a vella sede.
O novo edificio andará polos cen mil documentos. Aínda que unha das prioridades será o préstamo a domicilio, o director en funcións da biblioteca, Daniel Buján, cre que "cada vez é máis importante que a biblioteca sexa un centro cultural de atracción para a sociedade á que pertence, e que xa non volva ser un lugar morto, limitado ao préstamo".

Para iso, o edificio "contará con espazos para a celebración de exposicións, recitais ou concertos, é dicir, actividades que funcionen como dinamizadores culturais reais, e mais daquelas orientadas especificamente á animación á lectura: concursos, obradoiros, presentación de libros, sesións de lectura, etcétera", afirma Buján. O proxecto é froito dun convenio a tres bandas entre Estado, Xunta e Concello. Este último cedeu o terreo da Avenida Xoán XXIII para a construción do proxecto que o Ministerio de Cultura, propietario deste e primeiro investidor, outorgou ao arquitecto Andrés Perea. Da xestión, por último, levará conta a Xunta –como sucede con todas as bibliotecas públicas do Estado en Galicia dende 1989–, que conformou un equipo de 37 profesionais e tamén achegou fondos. O director do centro amósase satisfeito coas capacidades que o edificio amosa de partida. "Unha biblioteca nova adoita ter problemas de circulación, normalmente non é todo o áxil e flexíbel que debera", apunta. "A min o proxecto gústame e paréceme operativo, as salas están ben estruturadas e os núcleos centrais permiten un bo control do espazo", engade, malia que "aínda é cedo para saber como vai resultar".

O edificio sitúase na zona vella, nun contorno de escasa densidade de poboación, afastado das áreas máis poboadas da cidade. Isto pode ameazar a afluencia de público, nomeadamente a xente máis nova. "O fundamental é que se pode ir camiñando á biblioteca", considera Daniel Buján. "É certo que nesta zona non hai tanta vivenda como pode haber no Ensanche, pero non se pode pedir todo: os nosos requisitos en tanto que biblioteca pública están cubertos". O horario será de luns a venres en horario continuado e mais o sábado de mañá. As obras están rematadas e a súa recepción por parte do persoal da Xunta é inminente. As previsións realistas colocan a inauguración no vindeiro mes de abril. Por outra banda, en datas próximas agárdanse noticias dende Vigo: o pasado mes de agosto, o ministro de Cultura, César Antonio Molina, comprometeu a construción da tanto tempo agardada biblioteca nodal viguesa. O proxecto debe comezar andar en canto o Concello tome unha decisión sobre onde situala.

Imprimir

Reportaxes:

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |