LEI DO LIBRO
Actuacións difusoras

Cartel do Día das Bibliotecas
01-10-2007
A Lei do libro que entrou en vigor no inicio de 2007 presentouse como normativa destinada a aumentar os índices de lectura. No plan de actuación que fixa a lei, as bibliotecas públicas adquiren rango de cruciais. O posterior Plan de Lectura, aprobado en xuño logo do visto e prace da Mesa do Libro, guiará os pasos das políticas bibliotecarias e de fomento da lectura para o futuro inmediato. Dende o sector profesional, as medidas vense con certo optimismo: Isabel Blanco, presidenta de ANABAD- Galicia, opina que "aínda que estritamente non responde á estrutura dun plan, si podemos dicir que é un plan de lectura porque recolle uns obxectivos arredor desta e ten unha memoria económica detrás cunha dotación importante".
Ademais, Blanco observa que o documento ten o valor de contar co consenso de todos os axentes implicados na cadea do libro: autores, editores, libreiros, bibliotecarios, etc. Isto é, considera, "o primeiro elo da cadea para construír un país lector".
Ata o de agora, as actuacións da Consellería de Cultura seguiron varias vías: por unha banda, procedeuse á mellora das coleccións e dos equipamentos, á vez que se implementaron os contidos e as posibilidades da biblioteca electrónica. No apartado da xestión, modernizáronse as ferramentas e centralizáronse os catálogos para favorecer o traballo en común e optimizar o servizo. Os programas de formación e mais a introdución de instrumentos de avaliación desexan crear conciencia no servizo bibliotecario, con vistas a mellorar a calidade e a eficiencia. Ademais, iniciáronse campañas de fomento para a promoción de clubs de lectura e de eventos de animación, como o proxecto Letras Vivas. A programación preparada para o Día das bibliotecas, que se celebra o 24 de outubro, espallará actos e sesións de animación polos centros de todo o país.
Imprimir