NO ENSINO
Bibliotecas escolares
01-10-2007
O outro piar básico da rede pública de lectura, as bibliotecas escolares, vive tamén un momento de transformacións. Seguen faltando espazo, materiais e, sobre todo, recursos humanos: depéndese do voluntarismo do profesorado. Así e todo, Cristina Novoa, docente e asesora de bibliotecas escolares da Consellería de Educación, afirma que o "activo" máis importante das bibliotecas escolares galegas é "o profesorado que as puxo en marcha e as segue a facer posíbeis". Alén dos recursos dos que se dispoña, "alí onde o equipo docente presenta un perfil innovador ou achegado á renovación pedagóxica, a biblioteca escolar funciona", apunta.
Un recente estudo da Federación de Gremios de Editores de España tirou os primeiros datos sobre hábitos de lectura da poboación estatal menor de trece anos. A mostra é reducida e non hai datos territoriais, mais os resultados son positivos: o 64% dos cativos len por propia iniciativa. Desa porcentaxe, case tres cuartas partes afirman ser fillos de pais lectores e nove de cada dez gozan de actividades de animación á lectura na biblioteca do seu colexio.
Na franxa de 14 a 24, porén, a proporción descende ata o 53%. Cristina Novoa cre que "cando na familia hai ambiente lector e cando no instituto se seguen a realizar actividades que chamen aos rapaces á lectura, os mozos seguen a ler", aínda que menos porque "os intereses mudan, a oferta de estímulos é maior e estase a descubrir o mundo, que é algo fascinante pero leva o seu tempo".
Dende os primeiros anos noventa, moitos foron os centros galegos que apostaron por redefinir o concepto dos seus espazos de lectura. O Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares que iniciou en 2005 a Consellería de Educación baseouse nestas experiencias. O programa pretende instalar un novo modelo de biblioteca de centro: para se poderen acoller a el, os claustros deben definir a situación actual, as prioridades, o equipo de traballo e, sobre todo, o tipo de servizo que a biblioteca vai dar: perséguese o éxito da man dunha clara definición dos obxectivos. No curso pasado, dous centros acollidos ao Plan de Mellora –os IES Ramón María Aller Ulloa, de Lalín, e Leliadoura, de Ribeira– obtiveron un segundo e un terceiro premio no concurso de boas prácticas bibliotecarias do Ministerio de Cultura. Na presente convocatoria entraron no plan un total de 160 centros de entre máis de 400 solicitudes. Cristina Novoa observou que "a situación mudou a mellor, aínda naqueles centros que non resultan seleccionados: unha vez realizado o proxecto e vistas as posibilidades da biblioteca, esta comeza a andar aínda que os recursos sexan menores".
A existencia dun bo mapa de bibliotecas escolares axuda a que as públicas funcionen mellor. É aínda habitual que estas veñan suplir as deficiencias das primeiras en espazo e en fondos. As melloras nos centros de ensino tamén poden ser decisivas no rural e nos núcleos dispersos, xa que son os únicos á man para moitos escolares. E non só: en moitos lugares do país, a biblioteca do colexio conta entre os seus usuarios con ex alumnos, pais e mesmo veciños sen relación co centro.
Imprimir