FOMENTO DA LECTURA
Á procura da biblioteca dinámica
01-10-2007
A metade da poboación galega non le habitualmente. A boa saúde da nosa literatura e o avance do sector editorial seguen sen se corresponder cuns índices de lectura que tamén medran, pero fano a un ritmo aínda moi lento. Galicia segue á cola do Estado e continúa arredada da media europea. É posíbel, así e todo, albiscar indicios de cambio: hoxe existe debate público, vívese un auxe internacional das políticas de fomento, medra o asociacionismo profesional e a cuestión da lectura está presente na axenda dos medios.
As carencias actuais teñen moito que ver coa ausencia histórica dunha verdadeira política bibliotecaria e de promoción da lectura. O dereito cidadán á lectura non foi abordado en termos de servizo público na medida que lle corresponde. Á marxe dos investimentos realizados, o que si faltou foi un plan. Por iso a dotación de recursos é necesaria de agora en diante, pero limitarse a iso sería de novo unha mala política.
Trátase, en troques, de dar unha resposta distinta á seguinte pregunta: como ten que ser unha biblioteca pública? A imaxe herdada fala dun centro estático, illado e orientado ao estudo que, no mellor dos casos, funciona para o préstamo a domicilio e, no peor, estáncase na simple acumulación de volumes. A tarefa é trocar este modelo por outro que entende a biblioteca pública como un centro cultural integral, un centro que ofrece recursos para a información e a aprendizaxe e mantén procesos dinámicos de intercambio e de fomento da lectura.
A ausencia dunha cultura da avaliación impediu que haxa un corpus estatístico in extenso sobre o estado da rede bibliotecaria galega. O pasado ano, a Consellería de Cultura iniciou a procura da calidade estatística, que permitirá elaborar o Mapa de bibliotecas en 2008 e, antes do remate da lexislatura, o Plan de Bibliotecas Públicas de Galicia. Malia que o directorio oficial fala de 281 unidades administrativas e 400 puntos de servizo, no 2006 só cubriron as estatísticas 185 unidades e 283 puntos. Destes últimos, o 64% contaban cun espazo inferior aos 100 m2 e cun equipamento deficiente. A maioría estaban pensados como salas de estudo.
De acordo cos datos 2004 do Ministerio de Cultura, Galicia sitúase na media estatal de documentos por habitante (1,24), aínda que a media europea lle queda moi lonxe (1,92 en 2002). Mais acontece que os fondos galegos están obsoletos e a penas hai documentos que non sexan libros. En canto ás visitas ás bibliotecas, a media galega é de 1,4 por habitante e ano, mentres que a estatal é de 1,9 e a europea marcha ata o 4,8. Para introducir melloras, as políticas bibliotecarias pasan pola acción coordinada. Isto non é doado, xa que todas as administracións teñen implicacións na materia. O grao de cooperación é exiguo mesmo na Coruña, que ten a única rede adaptada ao seu número de habitantes. Tal é a opinión de Isabel Blanco, directora das bibliotecas municipais da cidade e presidenta da Asociación Galega de Bibliotecarios, Arquiveiros e Documentalistas (ANABADGalicia): "Non podemos falar dun auténtico sistema de bibliotecas públicas a nivel de cidade porque tres administracións –Xunta, Deputación e Concello– teñen centros bibliotecarios propios sen relación entre eles". O obxectivo a medio prazo é crear "un verdadeiro sistema urbano de bibliotecas públicas que traballe de forma coordinada e cooperativa".
As cidades galegas teñen unha realidade desigual: mentres A Coruña ten unha ratio de 2,13 préstamos anuais por habitante, só Ourense e Lugo superan o 1 e, no fondo da lista, Santiago e Vigo rexistran un 0,15 e 0,14, respectivamente. É certo que só A Coruña conta cunha rede de bibliotecas municipais de barrio, ademais da provincial e a nodal; Santiago nin sequera dispón dunha nodal en condicións –aínda que a terá axiña– e Vigo mesmo carece dela. Isabel Blanco cre que será crucial "o compromiso dos profesionais" porque "iso é o único que non se resolve con orzamentos". Así e todo, outra grande eiva está na escaseza e na pouca cualificación do persoal laboral, a consecuencia da "falta de recoñecemento social" da profesión. "Con frecuencia encontrámonos con persoas, con poder de decisión nas administracións e nas empresas, que pensan que para ser bibliotecario non tes necesidade de ter estudos universitarios e que calquera serve para este traballo", sinala Blanco.
Ademais, os cambios nos últimos anos chegados coas novas tecnoloxías mudaron a natureza do traballo profesional. Nas poboacións pequenas, a chegada de internet fixo das bibliotecas auténticos centros sociais e deu pé a novos usos e actividades. "No tempo que levamos de extensión do uso da rede, os cambios maiores viñeron da man da tecnoloxía, tanto para labores de catalogación como de cara ao usuario", afirma Xesús Rodríguez Parada, bibliotecario da Municipal de Moaña. Ánxela López, traballadora da Biblioteca Municipal de Melide, di que medraron "a nosa responsabilidade, préstamos, catalogación, actividades, e agora os usuarios están máis afeitos a ir á biblioteca e demandar calquera información”. O número de usuarios novos medra a razón de 200 por ano nun municipio con menos de 8.000 habitantes que non deixa de perder poboación.
No caso das municipais, a dependencia dos presupostos do concello e a habitual febleza destes supón un problema engadido na xestión da biblioteca: Julia Fernández Garza, bibliotecaria municipal de Sober, apunta que "para conseguir que as bibliotecas sexan auténticas dinamizadoras culturais necesitamos mellorar a xestión para ofrecer novos servizos", de maneira que "a biblioteca necesita contar con recursos económicos propios". De todos estes cambios agromou outra necesidade: a reciclaxe profesional.
"Coa chegada da rede tivemos que irnos formando ás présas, porque ao comezo só o 2% dos usuarios podía manexarse un pouco con esa tecnoloxía", explica Ánxela López dende Melide. Xesús Rodríguez, en Moaña, apunta que "o desafío é traballar de cara á adquisición das habilidades precisas para a sociedade da información, coa que o libro ten que compartir protagonismo, en non quedarmos no analfabetismo dixital". Os co nvenios que a Consellería de Cultura subscribiu co Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e mais coa Escola Galega de Administración Pública (EGAP) deron orixe a amplos programas de formación, a maioría dos cales pode realizarse en liña.
No debate actual adoita abrollar a cuestión de como combinar a rede de bibliotecas coa elevada dispersión poboacional do país. Certas voces apuntaron a unha excesiva atomización e demandaron menos bibliotecas, pero máis fortes. Con todo, para o xefe do Servizo do Libro e Bibliotecas, Henrique Quintáns, a solución está na adaptación ás características da comunidade: "Non podes dar o mesmo servizo nun núcleo de 5.000 habitantes con poboación dispersa ca noutro de 30.000 con poboación concentrada", senón que sería preciso "procurar que cada punto de servizo teña en conta as situacións locais, as súas fortalezas e as súas debilidades". Considera verbo disto que as prioridades deberían basearse no coñecemento dos locais así com "na situación da automatización dos fondos e servizos, no número e cualificación do persoal e na poboación que se vai atender", en función da súa diversidade e necesidades.
Ademais, "tampouco temos que pensar en que cada usuario visite a biblioteca a diario: se vas cinco veces ao ano e colles cinco libros, xa estás no limiar de lectura pública". Entón, Quintáns propón a implementación dun servizo atractivo "que ofreza actividades, renove as coleccións" e no que cada biblioteca sexa ademais "un punto de acceso aos servizos da Rede de bibliotecas". "Precisamos", conclúe, "un modelo global de biblioteca pública e un modelo local".
Outra medida para favorecer o acceso é a de levar a biblioteca ás casas. A Consellería de Cultura está a construír unha biblioteca electrónica con recursos para a información, a aprendizaxe e o fomento da lectura. Isto viría apoiar as actividades da biblioteca física, estreitando a relación con esta. Neste sentido, é importante que os concellos fagan por facilitar o acceso á rede alí onde as opcións de conexión sexan reducidas.
As vías cooperativas están a fornecerse: o sector profesional está a traballar polo asociacionismo creando espazos de contacto, tanto físicos como virtuais; pola súa banda, as administracións apostan polo cofinanciamento como forma básica de colaboración. Este ano, o Plan de Mellora de fondos documentais contou coa achega do Estado (1,3 millóns), da Xunta (900 mil) e dos concellos (700 mil euros).
Imprimir