Reportaxes

O TEATRO

Un país desde as táboas 1882-2007

Cartel Feira das Artes Escénicas
01-10-2007 A fonte do xuramento, obra de Francisco María de la Iglesia, estreouse o 13 de agosto de 1882 no Liceo Brigantino da Coruña na que foi a primeira representación rexistrada dun "drama escrito en dialeuto gallego".
Coincidindo co número de anos da primeira representación desta peza desenvolvéronse por todo o país funcións até un número de 125. Vinte e cinco compañías galegas percorreron 40 localidades de toda Galicia coa intención de achegar o teatro a públicos novos e darlle unha maior presenza social. Por este motivo, boa parte da programación desenvolveuse en espazos non convencionais (lugares ao aire libre, hospitais, praias, lonxas, etc.) e foi complementada con outras intervencións de intención dinamizadora.

Ao longo deste 2007, e vinculadas á celebración dos 125 anos do teatro, estanse desenvolvendo accións e eventos que reforzan o traballo e os obxectivos marcados por ela. Así, puxéronse en marcha novos elementos de comunicación, entre os que salientan a revista Paraíso e a web galescena, unha axenda virtual e tamén o espazo de comunicación que vai ser o principal instrumento de traballo dos programadores e compañías en relación coas programacións do IGAEM.

Exposición itinerante
Nestes 125 anos a dramaturxia revelouse como unha arte cunha importante función cultural, social e económica; como factor de identidade colectiva, de coñecemento da nosa historia e da nosa literatura e manifestación da nosa capacidade creadora. Un país desde as táboas recolle a historia do teatro en galego. A mostra inclúe os grandes períodos da escena galega: o teatro popular, o nacemento da dramaturxia galega, as tentativas modernizadoras na procura dun teatro para todos e todas, o esmorecemento da actividade teatral coa ditadura, a refundación dos anos sesenta e setenta do século XX e a consolidación do sistema teatral vivida nas últimas décadas. Xunto aos paneis explicativos, a exposición conta con material audiovisual de gran valor histórico. Rescatados dos arquivos ou cedidos expresamente polos propios protagonistas, algúns destes testemuños ven a luz por primeira vez nesta exposición. Entre o material figuran testemuños da estrea d'Os vellos non deben de namorarse, de Castelao, ou entrevistas a Blanco Amor e a Álvaro Cunqueiro.
 
A mostra, que comezou o seu itinerario en Ribadavia e A Coruña, estivo a seguir en Cee, O Carballiño, Vigo, O Barco e Carballo, e continuará a súa andaina en Compostela, Lugo e Pontevedra entre os meses de outubro e decembro.

Plan Galego das Artes Escénicas
A partir da diagnose do sector e coas a chegas das diversas mesas de traballo abertas á participación dos diferentes axentes institucionais, sociais e culturais estase elaborando o Plan Galego das Artes Escénicas, encamiñado a dinamizar o potencial que o discurso escénico ten como canle privilexiada de expresión e difusión da nosa cultura. Entre as medidas concretas figuran a ampliación da rede de espazos escénicos, mellorando as súas capacidades técnicas e fomentando a colaboración entre eles, nomeadamente nos asociados co CDG. Co obxectivo de achegar as artes escénicas a toda a sociedade, tamén se estabelecerán proxectos piloto de animación socio-cultural dirixidos a colectivos con risco de exclusión social e incidirase entre a xente máis nova, cun programa cultural específico no eido escolar para habituar o alumnado ao teatro e á danza. En canto ao fomento da creatividade, inclúe residencias temporais para compañías privadas e para novos creadores e creadoras individuais.

Ao longo do outono está previsto que se aprobe definitivamente o Plan que conteña un marco xeral para promover a difusión social das artes escénicas, reforzar a estabilidade das empresas, fomentar a creatividade e promover a proxección exterior do sector.

A Feira Galega das Artes Escénicas
Entre o 23 e o 27 de outubro vaise desenvolver en Compostela, con sede principal na fundación Torrente Ballester, esta actividade na que se amosará unha parte importante da nova produción escénica galega e dos países de lingua portuguesa, e na que se quere dar servizo aos programadores, circuítos e redes de programación de cara á contratación de espectáculos para a temporada seguinte.

25 compañías, catro delas de Portugal, Brasil e Cabo Verde, estarán presentes na Feira Galega das Artes Escénicas. As de Sarabela, Teatro do Noroeste, os Monicreques de Kukas, Nut Teatro, Talía, Pista Catro ou Matarile serán algunhas das diversas e plurais propostas escénicas presentes, seleccionadas desta volta nun 50% en función da súa maior distribución na Rede Galega de Teatros e Auditorios, e na outra metade conforme a criterios artísticos.

En definitiva, a Feira quere servir tamén de elemento de promoción e difusión social das artes escénicas entre o conxunto da cidadanía, propiciar o encontro e debate entre o conxunto dos axentes e profesionais do sector, contribuír á súa vertebración profesional e proximar e promover a relación das artes escénicas galegas con outras culturas, nomeadamente a dos países que se expresan en lingua portuguesa.

Imprimir

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |