Reportaxes

EN FEMININO

Letras de mulleres

As literatas
05-05-2007 Nestes últimos anos, apareceron no mercado editorial unha serie de traducións e mais de recuperacións de textos de autoría feminina, así como biografías ou libros de memorias, ben formando parte dunha colección, ben como volumes inseridos en colección xerais de narrativa. Textos clásicos do pensamento feminista ou narrativa escrita por mulleres doutras linguas e lugares, tanto contemporánea coma histórica, foron acadando visibilidade en Sotelo Blanco, Xerais, Galaxia e A Nosa Terra.
A colección 'As Letras das mulleres' ten vontade de recuperar textos escritos en tempo pasado que non recibiron a atención que deberan por motivos que, ás veces, van alén de estaren escritos por mulleres. O seu obxectivo é o de divulgar obras fundamentais de autoría feminina, tanto de ficción como ensaísticas, e fomentar o recoñecemento do labor intelectual co que as mulleres levan contribuído á conformación da cultura. Estas obras ven a luz como froito da colaboración do Servizo Galego de Igualdade e a editorial Sotelo Blanco.

Polo de agora levan publicados un total de oito volumes, o máis recente deles Escritos políticos e literarios (2007), da autora francesa da ilustración Olympe de Gouges. Xunta a este, traducións de títulos clásicos do feminismo como Un cuarto de seu de Virxinia Woolf (no 2005) ou Vindicación dos dereitos da muller de Mary Wollstonecraft (2004). E tamén utoras do romanticismo con obra en castelán, neste caso en lingua orixinal, como Emilia Pardo Bazán, narrativa en castelán de Rosalía de Castro (El caballero de las botas azules. Lieders. Las literatas. 2006) ou unha antoloxía con cinco obras en galego de Concepción Arenal.

A colección 'As Literatas', de Edicións Xerais e dirixida pola escritora María Xosé Queizán, leva publicados, até agora, catorce títulos e preséntase co lema "unha aposta pola tradución e pola literatura escrita por mulleres". Con motivo do último Día Internacional da Muller, Xerais puxo na rúa dous novos títulos. A voda, da escritora estadounidense, Carson McCullers. Nela o soño da androxinia aparece como a vía de escape dunha feminidade definida en termos restritivos: sexualidade pasiva e submisa, a maternidade sacrificada que implica renuncia aos privilexios masculinos. E Ancho mar de argazo da autora xamaicana Jean Rhys. Preséntanos unha personaxe feminina esgazadora, caracterizada desde a oposición de identidades (homes contra mulleres, negros contra brancos, Europa contra América, novos contra vellos, ricos contra pobres, etc.). Conta a historia de Antoinette, desde que era unha nena na Xamaica de principios do século XIX até os días derradeiros da Inglaterra vitoriana onde vive internada, cunha enfermidade mental incurábel.

Fan parte da colección tamén outros títulos como a novela breve Ana Soror, de Margarite Youcenar ou a colección de relatos de Ánxela Carter titulada Venus negra, por onde andan Edgard Allan Poe, Baudelaire ou personaxes de Shakespeare.

A editorial Galaxia achegounos tamén nos últimos anos tradución de literatura escrita por mulleres. As obras gañadoras do Premio Novela Europea Casino de Santiago, A Mennulara da italiana Sigmonetta Agnello Hornby, relato en espiral arredor da figura da criada dunha familia de terratenentes italianos, ou a obra da autora francesa Anna Gavalda Xuntos e mais nada, onde prima a cinematografía e o diálogo, o mundo de catro personaxes que deambulan ao pé da torre Eiffel, viron a luz recentemente, a canda As ondas de Virxinia Woolf ou Tres Vidas de Gertrude Stein.

Desde finais dos 90 a editora A Nosa Terra leva publicados media ducia de títulos da colección Mulleres. O primeiro deles, unha biografía da actriz María Casares, tirada no 1999, xunto coa da artista Maruja Mallo. Do 2000 son os Diarios de Syra Alonso, crónica e memoria verbo da represión franquista. A biografía de Carolina Otero realizada por Marga do Val, Tres tempos e a esperanza de Mariví Villaverde, libro de memorias, e unha biografía da militante comunista Mercedes Núñez completan até o de agora esta serie.

Imprimir

Reportaxes:

Galería:

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |