RESPONSABLE DE OQO
Marisa Núñez
06-04-2007
Na edición de libros infantís, cal é a situación da muller?
Actualmente hai mulleres ocupando postos de dirección de arte, dirección literaria, deseño gráfico, aínda que as mulleres seguimos sendo minoría neste campo.
E no mundo editorial, en xeral?
Asistir á Cea da Edición confirma a presenza maioritaria masculina, sobre todo nos sectores de idade que se corresponden con longas andainas editoriais. É evidente que durante moitos anos os referentes da edición en Galiza foron maioritariamente homes. Agora hai máis coidado, e unha tendencia xeral a que a presenza feminina aumente.
Existen diferenzas por sexo, nos receptores, na literatura infantil?
Hai quen di que a literatura non ten sexo. En moitos casos é así, pero as vivencias e a experiencia dunha muller poden tamén dar como froito unha literatura cunha pegada de xénero. Só que non se pode considerar algo pechado, nin limitado a un público particular. E por suposto non falo dunha literatura militante e panfletaria, de simple inversión de estereotipos. Digamos que a voz feminina encontra palabras, personaxes, identidades femininas. No caso da literatura infantil, polo papel que desempeña no desenvolvemento, na aprendizaxe, e no descubrimento da realidade, produce un forte impacto psicolóxico nos lectores e unha identificación cos personaxes.
Imprimir