PROFESORA E CRÍTICA LITERARIA
Dolores Vilavedra
02-04-2007
Existe discriminación machista no campo da crítica literaria?
En principio, nin máis nin menos que noutros ámbitos laborais. O que si detecto é que, por tratarse a crítica dunha práctica onde impera unha forte rivalidade, a esta se lle sobrepón a miúdo a cuestión de xénero. É dicir, cando unha muller logra algo, os homes tenden a atribuír ese logro á súa condición feminina, non á súa excelencia profesional, pero nunca fan o contrario, e falo por experiencia propia. O problema da crítica é que se trata dun campo relativamente restrinxido onde a posición que ocupa un axente non pode ser ocupada por outro, e esas posicións levan aparellado un valor xerárquico.
Practícase unha crítica literaria feminina específica?
Non unha crítica feminina, senón unha crítica feminista que poderiamos definir como, por unha banda, aquela que mantén un certo compromiso de contribuír por medio do discurso crítico a facer visíbeis os produtos literarios escritos por mulleres, exercendo unha sorte de discriminación positiva que compense o papel secundario ao que se viron historicamente relegadas as creadoras; por outra banda, a crítica feminista caracterízase, en Galicia e en todas partes, por aplicar ferramentas de análise textual, discursiva, etc., ben elaboradas polo pensamento feminista ou ben influídas por el.
Pode contribuír a crítica literaria á emancipación feminina?
Por desgraza, non. Cando menos eu non o formularía dun xeito tan taxativo. A crítica pode facer visíbel o traballo das autoras, pode procurar que ocupe o lugar que merece no canon.
Imprimir