Reportaxes

A MULLER NO MUNDO DO LIBRO

O lento camiño cara á igualdade

Imaxe dunha oficina
01-04-2007 A literatura galega moderna, sinalaba hai uns meses a escritora brasileira Nélida Piñon, é unha das escasas no mundo que ten como figura fundacional a unha muller.
Rosalía de Castro determina as orixes da escrita en galego desde o século XIX. Pero a historia literaria nunca viviu exenta das contradicións da historia social. O campo do libro en Galicia segue a presentar, nesta altura, un réxime de desigualdade entre sexos e un panorama incerto no que respecta á súa superación.

A xornalista e directora do Diario Cultural da Radio Galega, Ana Romaní, resume a chave do problema. "A situación [no xornalismo] reflicte o que acontece noutros ámbitos do mundo laboral", afirma. Na mesma opinión instálase a crítica Dolores Vilavedra: "Na crítica literaria non existe nin máis nin menos discriminación machista que noutros ámbitos laborais". Para a responsábel de relacións públicas de Edicións Xerais de Galicia, Celia Torres, "a presenza da muller nos cargos directivos [das editoras] resultan anecdóticos e concéntranse, sobre todo, na literatura infantil e xuvenil ou na edición de libros de texto". A xerenta de Galaxia, Pilar Sampil, coincide en apuntar a escaseza de mulleres "nos altos cargos ou nos consellos de administración". Marisa Núñez, da editorial infantil OQO, puntualiza: "As mulleres seguimos a ser minoría e a tendencia xeral a que aumenten o número de mulleres pode dar unha imaxe ficticia dunha realidade en que o repartimento de responsabilidades é desigual". Con todo, recoñece que a literatura para cativos traballa intensamente co mundo da plástica, no que "a presenza feminina é máis notábel ca noutras áreas".

Celia Torres lembra que o número de mulleres no eido creativo medra nos últimos anos. Amais do relativo bum da poesía feminina na década dos noventa, Torres fala de autoras como Teresa Moure, María Reimóndez ou Rosa Aneiros. "Reforzan unha presenza feminina que, até o de agora, estaba basicamente centrada na literatura infantil e xuvenil". Os chanzos avanzados cara a unha normalización da tradución literaria e a posibilidade de cursar estes estudos na Universidade de Vigo abriu o campo a unha importante cantidade de tradutoras profesionais. Pero Ana Romaní vai alén do concepto de discriminación machista. "Non se trata só de discriminación", asegura, "senón de dereito a crear ou a cambiar o mundo". Romaní refírese a crear ou mudar os relatos dun mundo en que a regra é o patriarcado. "Tamén os relatos xornalísticos, claro", concreta. Dolores Vilavedra relata os xeitos en que a crítica literaria pode contribuír a exceder unha situación inxusta. "Pode facer visíbel o traballo das autoras ou procurar o lugar que merecen no canon", indica.

Segundo Vilavedra, este labor crítico "estará a contribuír a que as escritoras sintan que non van atopar atrancos engadidos polo feito de ser mulleres". Para Ana Romaní, a responsabilidade do xornalismo non difire de calquera outra actividade, "agás polo feito de se tratar dun servizo público". A directora do Diario Cultural explica a existencia dun esforzo na procura dunha información máis matizada en cuestións máis puntuais, como é o caso do tratamento da violencia de xénero".

Un dos dous pés de OQO Editora, Marisa Núñez, incide en que "a muller non podía conciliar vida familiar e laboral, e iso está achegado demais no tempo como para non estar aínda vixente". Ana Romaní fala, ademais, da consolidación na práctica xornalística dunha división do traballo con vicios machistas. "Hai áreas que se consideran máis femininas, como sociedade, espectáculos ou cultura", di, "mentres áreas consideradas de fondo ou de prestixio, como política, economía ou internacional" fican no dominio masculino. Se a relacións públicas de Xerais, Celia Torres, cre que "nestes aspectos, o mundo editorial galego non é moi distinto doutros sectores económicos", para Marisa Núñez, "hai, en xeral, unha tendencia á igualdade que se vai construíndo aos poucos".

Ana Romaní deixa claro que non se trata "de forzar presenzas por cuestión de sexos nin de repartimentos" e cita á poeta Xohana Torres: "As mulleres sostemos a metade do ceo e tamén a metade da terra".

Imprimir

Relacións:

Reportaxes:

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |