Reportaxes

EN PONTEVEDRA

Salón do Libro Infantil e Xuvenil

06-12-2006 A primeira edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra tivo lugar no ano 1999. Respondía á iniciativa dun grupo de persoas que devecían por un espazo que servise de punto de encontro entre o mundo dos libros e o mundo dos lectores e lectoras máis novos.
Desde daquela até hoxe, houbo sete edicións en que foi medrando en todos os sentidos: na superficie dedicada, nas exposicións, na ambientación, nas actividades, no número de entidades participantes, en complexidade e, naturalmente, en resultados en canto a número de visitantes e proxección social e educativa. O Salón segue a manter os seus sinais de identidade: o espírito aberto e participativo, coa colaboración de numerosas institucións públicas e privadas, a dedicación cada ano a un tema diferente que sirva de núcleo aglutinador de ideas e actividades, o protagonismo absoluto do libro en todas as súas facetas e o seu achegamento cálido, ameno e instrutivo ao lector.

É na IV edición onde se consolida definitivamente a estrutura do Salón en canto ao medio físico (os espazos e a ambientación) e a grella de actividades de mañá, tarde e noite, tanto para cativos coma para adultos. Nesta altura, o Salón deu un salto cuantitativo no número de visitantes e acadou unha relevancia especial. Nace así o novo xeito de participación dos colexios coa elaboración de traballos creativos arredor do tema, o que dá lugar, por unha banda, ao marabilloso labor dos escolares e profesorado e, por outra, á exposición máis celebrada.

Existe a conciencia certa de que o Salón de Pontevedra é unha das citas máis relevantes que, arredor da literatura infantil e xuvenil, se desenvolven no Estado español e, pola súa singularidade nalgúns aspectos, unha das máis interesantes de Europa. A satisfacción pola culminación dun traballo intenso que logra reunir durante uns días varios milleiros de nenas, nenos e persoas adultas arredor dos libros e da lectura, e a seguridade de que ese encontro é o comezo dunha relación fluída e constante. Velaquí o obxectivo central do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra. A voz da memoria, o ritmo da palabra, a arte de inventar historias, as viaxes, fauna máxica, os clásicos, a natureza... acompañáronnos estes últimos anos. A edición do 2007 será... de medo

Imprimir

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |