BVG
E a rede fíxose biblioteca
02-05-2006
Coa chegada e a expansión da rede, o concepto de biblioteca evolúe cara a innovadoras formas de organización do coñecemento. Dixérao Borges antes de existir a arañeira virtual: sempre imaxinei que o paraíso sería algún tipo de biblioteca. Unindo o fío das letras até construír a gran biblioteca que a rede mesma é, lonxe de esmorecer coa aparición das novas tecnoloxías o libro experimenta fondas transformacións e reforza o seu valor en internet.
Filólogos e informáticos coincidiron hai catro anos na Universidade da Coruña na necesidade de xuntar esforzos para o nacemento da Biblioteca Virtual Galega, pequena dorna para axudarlle á nosa literatura a navegar os mares virtuais. Do vídeo á escrita, da imaxe ao son, alén do propio texto, un feixe de recursos unidos a prol do vizoso océano das nosas letras. O arquivo de imaxe tráenos copia dun orixinal do Catecismo do Labrego de Lamas Carvajal, permitíndonos pasar páxina polo rebilicoque de serodias tipografías de finais do século XIX, sentindo o recendo da crítica intelixente e sen medo a rachar o tesouro das súas liñas. A caixa de sons inclúe desde a homenaxe a Rosalía ou Pondal até as novas voces dos versos de Ana Romaní e Marta Dacosta. Ou mesmo nos sorprende co recentemente finado Manuel María deixando gravación virtual dos seus soños coa 'Arcadia marabillosa, lonxana e lexendaria'. O vídeo tráenos, combinado coas ilustracións de Xan López Domínguez, a Fina Casalderrey relatando un conto; déixanos reflexión de Carvalho Calero confiando "na posibilidade de rectificar a historia" ou ofrécenos un retallo de A fiestra valdeira, de Dieste, interpretado polo 'Pico' Olveira.
Son exemplos de percorrido polo recinto da BVG, revisábel segundo o seu catálogo de autores, navegábel por andeis de narrativa, poesía, ensaio, teatro... e con oportunidades diversas para remexermos nos seus fondos. Serve tamén para a achega autobiográfica dos escritores e ofrece oportunidade para o intercambio entre o lector e os autores. E ademais, hai leiras virtuais para que a semente máis nova das nosas letras deixe as súas creacións.
Con maior modestia pero non menos ambición, a preocupación bibliotecaria pola nosa literatura tivera antes da BVG outra feliz iniciativa co nacemento da Biblioteca de Literatura Infantil e Xuvenil. Creada en terras de Chantada polo mestre local Manuel Figueiras, a BLIX naceu ao abeiro da que foi a primeira Feira Internacional de Literatura Infantil celebrada en Galicia e acumula deica a data máis dun milleiro de libros, catalogados virtualmente, e revisábel segundo xéneros, idade recomendada de lectura, biografías de autores e unha atención especial á vizosa canteira galega de ilustradores.
Tamén con esa vocación universal e mesmo anterior no tempo ás dúas antes comentadas, hai que subliñar o proxecto da Asociación de Tradutores Galegos, creada coa vontade de ofrecerlles aos lectores galegos a literatura universal "na nosa propia lingua". Nacida coa escolma de dúas ducias de títulos tirados de obras de Andersen, Balzac, Boccaccio, Cicerón, Diderot, Irving, Perrault, Stendhal ou Zola, medra amodiño e camiña cara a un cento de pílulas literarias chegadas coa colaboración de máis de cincuenta tradutores.
E como o virtual non despreza o papel e mesmo lle rende culto, se a e-Biblioteca Británica foi pioneira en amosar o libro máis antigo do mundo, un texto budista do s. IX, tamén o noso rexurdimento literario amosa de balde pezas históricas.
Na biblioteca en liña da Real Academia Galega poden pasarse as páxinas dixitais con pegadas de humidade, rastro de dedos e marcas de historia, de edicións primeiras de clásicos de Pondal, Rosalía ou Curros e mirar nas follas de combate e desgaste de xornais variados de comezos de século.
O futuro pide bibliotecas
Vai para dous anos que Google anunciou o seu proxecto de e-biblioteca mundial, recibido con temor polo universo editorial, até constatar que significaba un rexurdir do libro ben lonxe de agoiros tecnolóxicos anteriores. Pouco despois, nestoutra beira do Atlántico vimos nacer un proxecto de biblioteca virtual europea. Por aquí, e mentres os internautas galegos navegan a Galipedia, enciclopedia alternativa, libre e colaborativamente construída, gaña forza tamén esa desinteresada práctica de compartir libros en recantos diversos, entre a xenerosidade e o azar, ao xeito de agromos de biblioteca viaxeira e altruísta: atención, "libros soltos!"
Imprimir