Lecturas temáticas

Antón de Cidrán

Ilustración
01-12-2006 Inanque lle pareza mentira, o señor de Sabarei falaba moitas veces conmigo, mao a mao, coma se fora do meu igoal. Era o home máis cómpito do mundo. Contoume isto en Lugo, nunha tasca de Mosqueira. Gostáballe moito andar polas tascas, por moi ben traxeado que fose. Moi prantado il, resbusto e sanguíneo. Sempre viña a Lugo montado nun cabalo branco.
Antón de Cidrán era un labrego do Páramo, que tamén trataba en madeiras. O señor de Sabarei díxome que era home moi botado pra diante e que se gobernaba moi ben na súa casa.

Unha vez veu a Lugo co seu compadre Pedro. Os dous viñeran a cabalo. Era polo San Froilán i o tempo estaba moi lento. Aínda non se fixera o feiral que hai hoxe. Xa sabedes que tódolos labregos, en tres leguas á redonda, van a Lugo polas festas do San Froilán. Inanque non vaian a mercar nin a vender. Tan soio por ve-los fuegos e por come-lo pulpo. Mais iles foran a Lugo por rematar un contrato de travesas pra a vía do tren.

Pola mañá fixeran o contrato. Os dous estaban moi ledos, pois lles quedaban libres máis de sete mil reás. Levábanse moi ben e faguían moi bos choios. Nunca rifaran polos seus asuntos. Eran homes moi cabales iles, e non andaban un nin outro con díxome, díxome, nin con pataqueiradas. Tanto custa, tanto che dou. Mercaron algunhas cousiñas pra as mulleres, e fóronse a come-lo pulpo a unha taberna da rúa do Miño. Comeron e beberon a embute, coma dous abades. E despois fóronse ó café Español e tomaron seu cafeses e súas copiñas. E veña unha volta pola feira a ve-las barracas. Coma lles foran ben as cousas, tamén había que merendar.

Deixaron as bestas en cas Cosme, na mesma praza da feira, que se chamaba a plazuela da Herba. Ninguén coma Cosme pra preparar axiña unha merenda. ¡E que bon viño de Chantada tiña! Alí estiveron outro bon rato, bebendo e parolando... O caso é que cando chegaron a Canturín xa era noite pecha.

Camiña que te camiña, logo chegaron a Paradela. Antón propoñíalle a seu compañeiro que mercaran unha serrería que se vendía na Puebla. Pedro decíalle que era millor coller en aparcería o muíño de Moscán. Faríanse ricos en poucos anos. Mais Antón vía millor o da serrería. ¿Por que non a serrería i o muíño? Ganarían moito máis, qui é do que se trataba. Os dous vían chover onzas do ceo.

Tiñan que atravesar a campa de Xan da Cruz, pois decidiron, pra estar máis cedo na casa, deixar a carretera e ir polo atallo. Aquila campa é moi grande. Alí encórase moito a iauga polo tempo das choivas da outonía.

Pedro faláballe a Antón dos bos pesos que iban a ganar co muíño e aparcería. O viño facíalle ver todo moi doado. Xa estaban frente da campa. Seu compañeiro non lle contestaba. Tívolle que berrar:
–¿Que che pasa, home, que non dis nada?
–Para a besta –díxolle Antón.
Pedro notoulle algo moi raro na voz. Coma si collese medo, vamos. E tirou das rendas á besta. Perguntoulle:
–¿E que nos salen ó camiño? Levo un bon revólver no peto da cueira do pantalón.
–¿Non ves –díxolle seu compañeiro– unhas luces frente de nós, pola campa adiante? Por antre os carballos levan unha caixa de morto nun carro.
–Eu –contestoulle Pedro– non vexo luces nin nada. Xa che dixen que non bebéramos tanto. Ti tivéche-la culpa.
–Xuraría –dixolle Antón– que vin un enterro. Agora xa non vexo nada. Inanque me diran canto val o mundo, non atravesaría a campa. Vamos polo camiño da Encomenda, aínda que teñamos que arrodear. E decindo isto, meteu espuelas á besta. Seu compañeiro tivo que o seguir. Unha hora despois deixábao na casa.

Ó día seguinte, Antón foi varexar as castañas, pola mañá ben cediño. Cando estaba no cimo do castiñeiro esvarou e caíu. Debaixo había un carro cheo de ourizos. Espetouse nun fungueiro polo bandullo, e saíalle a punta polo lombo. Levárono á casa. Mais chegou xa difunto.

Todo aquil día chovera a todo meter. A campa de Xan da Cruz estaba no camiño do camposanto. Toda ila se asulagara. Tiveron que leva-la caixa nun carro de bois.

É ben certo que o que ve seu enterro en vida, xa está cun pé no outro mundo.

'Antón de Cidrán'
Á lús do candil
Ánxel Fole
Ilustracíon: Xohán Ledo

Galaxia, Vigo, 1953

Imprimir

Lecturas temáticas:

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |