Narrar o medo
01-12-2006
Na última década, a consolidación e expansión da narrativa de medo amosa un grao de desenvolvemento máis que notábel, continuando así cunha tradición que na nosa literatura ten ofrecido títulos memorábeis, hoxe por todos recoñecidos como clásicos indiscutíbeis. Velaí, poño por caso, algunhas das novelas curtas de Risco ou os relatos de Dieste e Fole, por citar só tres exemplos ben significados. Por Armando Requeixo.
Entre mediados dos 90 e os nosos días teñen sido moitos os vieiros tripados na narrativa de terror. Cultiváronse con intensidade o relato e a novela seguidores do medo que alimentou de sempre as nosas historias de tradición oral. Mesmo se chegaron a facer compilacións desta produción, como é o caso dos Arrepíos e outros medos (2004) de A. Reigosa e X. Miranda. Pero tamén avanzaron nesta liña outras obras debedoras do noso contar popular como Co medo nas mans (1997) de X. Fernández Ferreiro, as Lendas de onte, soños de mañá (2002) de X. F. Fernández Naval, Xope de lilaina de M. A. Mato Fondo ou a licantropía e as historias lobas do Romasanta de A. Conde e Pel de lobo de Miranda, entre outros.
Ora ben, a multiplicidade dos enfoques e motivos que alimentaron estas narracións é tan ampla que fai difícil reducir tal variabilidade a patróns ou tendencias definidos. Deste xeito, o lectorado galego asistiu nestes dous últimos lustros á aparición de historias de logradas atmosferas opresivas e kafkianas (O capitán lobo negro, 1995, de X. M. Valcárcel ou Saturno tamén é Deus, 1997, de U. Casal), floras e faunas mutantes (Perigo vexetal, 1995, de R. Caride Ogando ou Un escuro rumor tralo silencio, 2005, de I. Novo), lugares fantasmais e obxectos diabólicos (Cartas de inverno, 1995 e Aire negro, 2000 de A. Fernández Paz), novela gótica con elementos satánicos (Trece badaladas, 2002, de Suso de Toro), mortos viventes (Telúrico, 1996, de T. Calvo ou Só os mortos enterran os seus mortos, 2001, de A. Lezcano), realidades inanimadas que cobran diabólica vida (Gárgola, 1997, de C. Vila Sexto), cultos demoníacos (Vestio, 1995, de Miranda), mesmo tecno ou ciber-terror (A sombra cazadora, 1994, de S. de Toro ou O libro dos aparecidos, 2002, de X. Quintiá).
Escrita do lado escuro, reverso ignorado e temido, predios do terror.