O medo
06-12-2006
Sapos, curuxas, demos e bruxas serán algúns dos protagonistas da próxima edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra, que terá lugar o vindeiro mes de febreiro de 2007. Na altura da oitava edición deste Salón, era tempo xa de darlle preeminencia a un dos grandes temas da literatura de todos os tempos, o medo. Ben como exemplo moralizante, como recurso humorístico e ironizante e tamén como exploración da psique humana en busca de sensacións no límite da razón, en todos os sistemas literarios aparecen o susto, a sorpresa, o descoñecido e o terror desde a raíz da tradición oral.
Na cultura galega, nomeadamente, o medo constitúe unha das vetas máis prolíficas e de meirande riqueza expresiva. No oitavo Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra este convidado ás veces sinistro e ás veces curioso será a base de obradoiros para nenos e adultos, sesións de contacontos, velorios, exposicións e espectáculos no afán de gozar, unha vez máis, da palabra. A carta de presentación é esta vez obra da ilustradora luguesa Noemí López. O seu cartel servirá de pórtico a un evento que homenaxeará ao escritor de Cangas Bernardino Graña e no que Brasil será o país convidado. Como en edicións anteriores, acompañarannos recoñecidos artistas e profesionais das etras e da ilustración.
Antes ca o medo, ao longo dos seus sete primeiros anos de vida o Salón estivo poboado de clásicos como Andersen, Verne, Rodari e Tolkien, de poesía, de tradición oral, de literatura de viaxes e de personaxes do mundo fantástico. A pasada edición, a sétima, estivo consagrada á natureza e foi visitada por 18.000 persoas, das que máis de 4.000 foron escolares da comarca que participaron directamente no evento a través da súa contribución a unha mostra de traballos que se exhibíu nese contedor de fantasía en que se converte o Pazo da Cultura de Pontevedra durante o Salón. Malia que a cita pontevedresa cos libros xa é un referente estatal, a fórmula deste éxito non cambiou desde os seus inicios: ilusión, amor pola palabra e un inxente esforzo por parte dun grupo humano que consegue implicar os axentes culturais e, moi especialmente, os centros educativos da cidade. Estes bos cimentos proxectan o Salón máis aló das nosas fronteiras: Boloña e Francfurt, ao abeiro da presenza institucional da Xunta de Galicia, foron algúns dos seus destinos neste 2006.