Cal foi o primeiro libro en galego que leu?
Un que non é nada novo, Memorias dun neno labrego de Neira Vilas.
E un libro que fose especialmente importante na súa vida?
Na poesía volvo moito a Con pólvora e magnolias de Ferrín, paréceme un libro clave, e en narrativa a Blanco Amor, a A esmorga.
Que libro lle gustaría ler en galego?
Calquera dun autor que considero clave no contexto do estado hoxe e que non está traducido tampouco ao español, Blanco White.
Cal pensa que podería ser un referente para a xente cativa e nova?
Por exemplo A illa do tesouro, porque foi un referente para min, pero tamén calquera dos contos de Andersen.
Que libro pensa que pode acompañar as súas próximas vacacións?
Teño pendentes os dous últimos de Rivas, A desaparición da neve e A corpo aberto. Logo tamén un autor que non escribe en galego aínda que é de Ourense, José María Pérez Álvarez, o autor de La soledad de las vocales.
Cal mercaría como agasallo?
Un libro marabilloso e moi visual editado por Faktoría K, Animalario. Arte da India.
Relacionado co seu ámbito profesional, o deseño gráfico e a fotografía, elixiría algunha publicación?
En fotografía por exemplo as edicións co traballo de José Suárez. E en deseño un catálogo que se fixo dunha mostra do MARCO que trataba de recoller este traballo en Galicia nos últimos anos e que se titula A creación do necesario.
Dos libros en que leva traballado como deseñador, ou fotógrafo, nalgún caso acompañados de textos literarios, escollería algún?
Penso que é interesante o catálogo O arquivo fotográfico de Julio Cortázar.