Le comigo

Ilustrador

David Rubín

28-08-2008
Cal foi o primeiro libro en galego que liches?
Aprendín moi pronto a ler, así que non me lembro, penso que debeu ser algún infantil. Lembro ler, cando era moi pequeno, as historietas que saían na revista Vagalume e varios libriños para nenos de contos en galego que os meus pais tiñan na casa. Logo, xa de estudante, lembro Das cousas de Ramón Lamote, O porco de pé e máis adiante os clásicos, coma Blanco Amor, Ferrín, Castelao...
E un libro que fose especialmente importante na túa vida?
Varios: O lobo estepario de H. Hesse, A Esmorga de Blanco Amor, Charlie e a fábrica de chocolate de Roald Dhal, O retorno do señor da noite de Frank Miller, Fábulas de Robots de Stanislaw Lem ou un libro pornográfico bastante regulero pero terríbelmente maligno e cativador de Henry Miller: Opus Pistorum.
Que libro che gustaría ler traducido ao galego?
Calquera de Roald Dhal, a quen adoito reler -descoñezo se xa está traducido ou non, pero non me soa- , O Mago de Oz ou Watchmen de Moore e Gibbons.
Cales cres que poderían ser unha boa entrada na literatura galega para os nenos e os mozos?
Sen dúbida algunha, e pola parte que me toca, a banda deseñada. Ler BD é o mellor modo de que un rapaz se interese pola lectura, e logo que siga lendo BD, e tamén literatura. Pero usar a BD unicamente coma ponte de cara a "lecturas maiores" paréceme un erro e un insulto ao medio. Pódense ler BD e outras obras ao tempo, en calquera estadio da vida.
Aproveitaches o tempo de verán para ler algún libro? Cal?
Este verán non tiven tempo ningún, non collín vacacións, así que apenas tiven tempo para ler nada, algún libro de BD que outro, pero pouco máis, levo un verán de 14-16 horas de traballo diarias.
No pasado Viñetas desde o Atlántico presentáronse novos álbums de BD galega? Recomendas algún?
Recomendo dous. Rara Avis de Kike Benlloch e Iván Suárez, unha lectura arriscada e críptica, un libro valente e diferente, notábel tanto na complexidade do guión coma na excelencia e fermosura do debuxo. E Prime time holocausto, do coruñés Álvaro López, un rapaz con moito que contar, unha BD chea de forza, denuncia social, ritmo e compromiso; un libro necesario para entender o mundo no que nos movemos decotío.
E cales son as túas novidades?
Agora en setembro-outubro sae unha adaptación a BD que fixen de Romeo e Xulieta de Shakespeare, editada por SM. En decembro sairá o meu novo libro monográfico: Caderno de Tormentas, editado por Planeta DeAgostini, simultaneamente en España, Francia e Italia. E acaban de saír novos números de publicacións galegas nas que colaboro: o número 12 de Barsowia, do colectivo Polaqia, e o número 3 de BDBanda.

Imprimir

Ligazóns:

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |