Le comigo

Poeta e xornalista

Olalla Cociña Lozano

17-07-2008

Cal foi o primeiro libro en galego que liches?
Lémbroo ben. Foi O lobo lelo, na marabillosa versión de Xohana Torres. Gustábame tanto que o aprendín de memoria.

E un libro que fose especialmente importante na túa vida?
Como para moitas persoas, coido que foi a Rayuela de Julio Cortázar. Sobre todo porque me cadrou lelo nun momento de espertar creativo que compartín con xente prezada. Supuxo un intenso estímulo. Tamén foi importante Altazor, de Vicente Huidobro.

Que libro che gustaría ler en galego?
Por exemplo, a obra da poeta iraní Forug Farrojzad, xa que acabo de lela hai pouquiño e encantoume.

Cales cres que poderían ser referentes para os nenos e os mozos?
Máis que falar de referentes, podo nomear obras que a min me emocionaron e marcaron de cativa e adolescente, como puideron ser A historia interminable, de Michael Ende, algúns libros de Roald Dahl e de Christine Nöstlinger, clásicos como Alicia no país das marabillas ou O Principiño e, de aquí, Mecanoscrito da segunda orixe (Manuel de Pedrolo), Contos por palabras (Agustín Fernández Paz), Anagnórise (María Victoria Moreno), A galiña azul (Carlos Casares), Os soños na gaiola (Manuel María)...

Que libro pensas que te ha de acompañar no verán?
Teño pendente, a propósito, para ler no verán La vida instrucciones de uso, de Georges Perec e Festina Lente, de Marcos Calveiro.

Algún que elixirías como agasallo para as vacacións estivais dos amigos?
Pois segundo o amigo... algún libro que tivesen gana de ler e non atoparan o momento, porque o verán é bo para atopar momentos... Eu ultimamente agasallei Así nacen as baleas, de Anxos Sumai, e penso que é unha boa recomendación.

Mantés dous blogs, Acórdome e reveladorA, este xunto Mala Müller, autora das fotografías, atopaches algún poeta que che guste na blogosfera?
Claro que si, hai poetas e hai poesía na blogosfera, non necesariamente en forma de verso. Gústame pasearme por webs e blogs e rescatar a lírica de certas escritas, imaxes, músicas... Un pouco de aquí e outro pouco de alí, coa liberdade e a frescura que nos pode brindar a rede.


Imprimir

Autores relacionados:

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |