Docente, ensaísta e comisario de exposicións
Carlos López Bernárdez
11-03-2008
Cal foi o primeiro libro en galego que liches?
Posibelmente fose algún de Castelao, se cadra Cousas. O que si lembro ben son os primeiros textos galegos que lin: as letras de Andrés Dobarro, escritas por Xavier Alcalá. Chegaron á miña casa cando eu tiña doce ou trece anos. Forman parte moi importante da historia do país.
E un libro que fose especialmente importante na túa vida?
Foi moi reveladora a lectura de Manuel Antonio, que fixen cando ía comezar os estudos universitarios. Marcoume porque con el descubrín a literatura galega moderna. A miña xeración non se formara na lingua nin na literatura galegas e aquilo foi toda unha descuberta para min.
Que libro che gustaría ler en galego?
Un proxecto que me gustaría levar adiante sería a edición dunha colección de estética en galego. Trataríase de desenvolver unha teoría das artes visuais, desde Walter Benjamin a Petrarca, pasando por Winkelmann ou Kant.
Cal pensas que podería ser un referente para a xente cativa e nova?
Calquera libro que estimule a imaxinación: Verne, Salgari, Stevenson son lecturas que fan lectores. O interesante é que cada rapaz busque nestes libros un camiño distinto, un camiño marcado pola imaxinación.
Que libro pensas que te ha de acompañar esta primavera que vén?
O último poemario de Xosé Mª Álvarez Cáccamo. Tamén seguirei lendo a Álvarez Blázquez, que é o que me ocupa agora. E sempre combino a creación co ensaio e con textos máis relacionados co meu terreo.
Como biógrafo de Álvarez Blázquez, recomenda unha obra para achegármonos á súa figura.
Canle segredo sitúa a Álvarez Blázquez na historia da literatura galega. Tamén vén de editarse a biografía elaborada por Xavier Rodríguez Baixeras e está por vir a Memoria do pai, de Xosé María Álvarez Cáccamo. A oportunidade que temos este ano de regresar sobre a súa figura está a permitir a edición de libros moi interesantes.
[Fotografía de Manu Ángel]
Imprimir