Cal foi o primeiro libro en galego que liches?
De Neira Vilas, Memorias dun neno labrego, ou Cartas a Lelo, non recordo certo.
E un libro que fose especialmente importante na túa vida?
Crónica de nós de Méndez Ferrín.
Que libro che gustaría ler en galego?
Xa está traducido, pero Madame Bovary de Flaubert
Cal pensas que podería ser un referente para a xente cativa e nova?
Vou escoller Á lus do candil de Fole, aínda que sexa unha elección se cadra persoal en exceso, porque é seguramente o libro que máis lía con eses anos.
Que libro pensas que te ha de acompañar esta primavera que vén?
Non pensei cal vai ser o seguinte. Agora estou lendo Hordas de escritura de Chus Pato.
Tes un poemario recente, Plan de fuga, en papel e tamén para descargar de balde na rede. Algún libro que sintas como próximo a este teu?
Estirpe de Ferrín. Aínda coa distancia do tratamento da linguaxe, por exemplo, a maneira que ten de xuntar o novo e o vello, Jerry Lee Lewis e os mitos celtas, é algo que me gusta como lector.