Le comigo

Médica, contacontos e membro de Pavís-Pavós

Dolores Hermida Alberti

Dolores Hermida Alberti
01-10-2007
Cal foi o primeiro libro en galego que liches?
As Cousas dos nenos, de Castelao. Comecei a ler en galego cando cheguei aquí. Daquela lin tamén as Memorias dun neno labrego.

E un libro que fose especialmente importante na túa vida?
Miguel Strogoff foi un dos libros que máis me impactou de moza. Gustábanme moito os relatos de aventuras.

Que libro che gustaría ler en galego?
Creo que se debera traducir toda a literatura clásica. Se teño que dicir un, poñamos O Quixote.

Cal pensas que podería ser un referente para a xente cativa e nova?
Carapuchiña Vermella, A casiña de chocolate... No álbum ilustrado actual hai verdadeiras marabillas. Ocórreseme un non traducido: En qué se diferencian el mar y un elefante.

Que libro pensas que ha de acompañar o teu outono?
Ando con Suite francesa nas mans, de Irene Nemirovsky. Ademais sempre teño á man libros de contos, algún de contos orientais ou de Enrique Mariscal.

Hai algunha biblioteca que fose especialmente importante na túa formación como lectora?
A biblioteca municipal de Aranjuez, cidade en que me criei. E a da miña casa, que non era moi grande. No Nadal sempre nos traían contos.

Recoméndalle un libro a unha persoa que estea comezando a contar contos.
Sempre digo que os contos clásicos son os máis axeitados para comezar, xa os temos interiorizados. Gústame Os tres porquiños, ou O lobo e os sete cabuxos.

Imprimir

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |