Docente e escritor
Séchu Sende
01-10-2007
Cal foi o primeiro libro en galego que liches?
A historia de San Francisco de Asís. Supoño que mo deron no catecismo, en Noia. Un libro un pouco hippie, sobre un heroe cristián que andaba por aí cos coellos e cos paxariños. Gustoume.
E un libro que fose especialmente importante na túa vida?
Aqueles que lin entre os oito e os doce. Na pre-adolescencia houbo historias de ciencia ficción, relacionadas co sexo, tamén novelas gráficas coas historias de London e Verne. Coa obra de Rosalía, ao ser de Padrón, tiven sempre unha relación moi especial.
Que libro che gustaría ler en galego?
Pippi Langstrumpf. Penso que é moi creativo polo seu concepto de rebeldía. Pippi é unha nena que rega as plantas aínda que chova, non lle gusta a escola tal como a descobre...
Cal pensas que podería ser un referente para a xente cativa e nova?
David Rubín ten historias que poden funcionar moi ben para o público xuvenil. Para cativos, recomendo O guindastre, de Rainer Zimnik. Logo están as narracións orais de Carlos Santiago, ou, por exemplo, algo de Manuel Alegre, para pensar na proximidade do idioma.
Que libro pensas que ha de acompañar o teu outono?
Penso que hei voltar sobre L'affiche rouge, de Mario Regueira. E sempre me gusta ler novelas árabes, tamén africanas en lingua portuguesa.
Hai algunha biblioteca que fose especialmente importante na túa formación como lector?
A biblioteca pública de Noia. Ía consultar unha enciclopedia e remataba con algo de Salgari nas mans.
De entre os textos con que che tocou traballar como animador á lectura, escollerías algún?
Un de Kiko Neves con Un poema de amor e mais Ruído de motos. Tamén Fisteus era un mundo, de Lupe Gómez.
Imprimir