Le comigo

Editor

Xosé Manuel Moo

Xosé Manuel Moo
05-05-2007
Cal foi o primeiro libro en galego que liches?
Creo que o primeiro libro que lin, en calquera lingua, foi Espantallo amigo, de Neira Vilas, publicado por Ediciones Celta de Lugo. Eu era moi cativo, pero aínda gardo a historia na memoria e sobre todo aquelas cores tan rechamantes das ilustracións.

E un libro que fose especialmente importante na túa vida?
Serei inxusto con moitos libros que non vou mencionar e que deixaron pegada importante, pero destaco tres obras que, por distintos motivos, me influíron: Arredor de si, de Pedrayo, Con pólvora e magnolias, de Ferrín e De catro a catro, de Manuel Antonio.

Que libro che gustaría ler en galego?
Hai moito por traducir ao galego. Sobre todo no que se refire a obras de ensaio e pensamento crítico de actualidade.

Cal pensas que podería ser un referente para a xente cativa e nova?
Un par de clásicos imprescindíbeis: O Principiño e Alicia no país das marabillas.

Que libro pensas que ha de acompañar a túa primavera?
Agardo unha obra que creo que estará na librarías para maio: De provincia a nación. Historia do nacionalismo galego. Tan pronto saia poñereime con ela.

Cal pensas que has de mercar para o Día das Letras?
Penso que un bo agasallo para celebrar este día pode ser o poemario Os hemisferios, de María do Cebreiro ou dz ou o libro do esperma, de Samuel Solleiro.

Dos libros en que levas traballado na edición, con cal quedarías?
Eu en Xerais edito libros de texto de lingua e literatura galega para Bacharelato e para a ESO, algo co que me sinto moi satisfeito, sobre todo polo bo equipo de autores con que traballo. Este tipo de libro non deixa de ser un compendio de moitos libros e todos os elementos de composición (ilustración, fotografía, textos, exercicios, contidos) esixen un esforzo de adaptación ao nivel a que vai dirixido que case sempre se ve recompensado.

Imprimir

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |