Le comigo

Profesora e escritora

Marilar Aleixandre

Marilar Aleixandre
02-05-2006
Cal foi o primeiro libro que leches en galego?
No 72, cando nos movíamos na clandestinidade, ía a Vigo de cando en vez e tiña alí un amigo que me agasallou Longa noite de pedra, de Celso Emilio. Foi o meu primeiro libro en galego.

E un libro que a marcara?
El corazón de la oscuridad, de Joseph Conrad, un exercicio de narrativa impresionante, e polo seu carácter comprometido contra o colonialismo de África. E xa en galego, O libro das devoracións de Pilar Pallarés vai ao máis fondo dos sentimentos.

Que libro lle gustaría ver traducido ao galego?
Os poemas de Sylvia Plath. Eu xa traducín un par deles para algunha publicación.

E un referente para a mocidade e a infancia?
Pel de lobo, de Xosé Miranda. É unha aventura preciosa, e ademais amosa ese anceio das mulleres novas por faceren cousas que só lles eran permitidas aos rapaces.

Que libro vai meter na súa maleta este verán?
Un libro de relatos de Valerie Martin, unha autora coñecida pola súa reescritura do Doutor Jekyll e Mister Hyde, Mary Reilly.

E xa por último, con cal dos libros que vostede escribiu gozou máis?
Con A expedición do Pacífico. Concedeume un espazo para a fantasía. Da man de Emilia cheguei ao Amazonas, e contei outra historia dunha rapaza que quere descubrir, que ten sede de coñecemento.

Imprimir

Ligazóns:

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |