Entrevistas

Camilo Franco

“Non está en risco a lectura, senón a transmisión literaria”

Camilo Franco Camilo Franco
29-10-2009

O escritor e xornalista segue empeñado en sacar a literatura dos libros. Ao longo de outubro volveu mesturar nos bares música e relatos de Palabras contadas.

Camilo Franco está convencido de que a batalla polos lectores hai que librala fóra das librerías e das bibliotecas. Ao igual que hai unha década foi á súa procura en internet, nos últimos tres anos sae ao seu encontro nos bares. Esta é xa a quinta vida de Palabras contadas, unha colección de microrrelatos que naceu en papel con vocación de escapar dos andeis. Primeiro volveuse exposición na Fundación Luís Seoane da Coruña. Logo mudou en espectáculo narrativo-musical que Camilo Franco moveu polos bares na compañía do músico Magín Blanco. Despois Antón Reixa realizou o primeiro videoclip galego para un relato, “Amor e fluídos”. E durante os catro luns deste mes de outubro, Blanco e Franco volveron ao escenario da Casa das Crechas, en Santiago, para presentar a versión estendida do espectáculo, Palabras Contadas Long Play.

Onde cre que atopan mellor acomodo os seus relatos: na rede, nos libros, nun museo, nos bares?

Son da idea de que un dos grandes problemas da literatura contemporánea é que construíu ao seu redor un discurso de iniciados que a foi distanciando da xente normal. Xorde a idea de que un escritor é unha especie de crego ou gurú que está máis elevado que o resto da sociedade, cando escribir non é máis que un oficio. Así que se foron perdendo espazos para a lectura. Hai xente que asegura que para ler deben darse unhas condicións obxectivas, como para o marxismo nos 70. Non. Para ler só fai falta concentrarse, como se fai con tantas outras cousas; non é verdade que a lectura sexa un acto intelectual superior. O feito de que fixera unha exposición ou vaia polos bares quere dicir que hai espazo para a literatura en todos eses sitios. A lectura é o único comportamento da especie que sendo aprendido parece instintivo; non podes evitar ler os carteis, hai unha potencia no acto de ler que é moi superior e ten máis enerxía que a propia intelectualización. Non está en risco a lectura como acto de comunicación, o que está en risco é a transmisión literaria.

E que tal se defenden os relatos nos bares? Porque un dos grandes privilexios dos escritores como artistas é que habitualmente non teñen que enfrontarse directamente co seu público.

Utilizo moito a cobertura do humor, e creo que a resposta non é mala. A xente non ten nada en contra da literatura, e o que ten en contra é culpa dos literatos, dos editores e dos profesores de universidade e do instituto. Unha das vantaxes de enfrontarse ao público é que desaparece esa distancia quilométrica entre o lector e o escritor. Paréceme que iso é bo para os libros, que para min seguen no centro do discurso literario. Se ti non levas a literatura aos bares non vai estar alí, porque eles non a van chamar. Pero iso non invalida o papel dos libros. De feito, creo que cando máis libros vendo é despois de contar as historias nos bares e nos auditorios.

As presentacións dos libros parecen responder a un modelo obsoleto. Por que non hai máis propostas diferentes?

Creo que habería que facer as presentacións dos libros nos museos do século XIX, que é onde encaixarían. O sector editorial sabe que ese sistema non dá para máis; só funciona cando o autor é coñecido. Traes a Murakami e a xente vai como podería ir se lle din que vén a Virxe de Lourdes. Salvo eses casos moi puntuais, para o resto dos escritores non vale. E curiosamente o sector insiste nas presentacións, que creo que son a peor maneira de promocionar un libro. No meu caso parto da idea de que non son un autor recomendado nos institutos, non estudei filoloxía galega en Santiago, non pertenzo a ningunha xeración de ningunha Costa da Morte e tampouco teño mil colegas que cando saco un libro vaian mercalo. Se non hai ensino, nin universidade, nin bibliotecas, nin congresos, para moitos autores non hai vendas, porque o mercado en Galicia está moi cativo. Quizais os escritores que teñan ese mercado non perciban a necesidade de buscar outro, pero eu estou buscando un mercado, xente que non entraría nunha librería a mercar o libro. Palabras contadas segue vivo porque estou con el nos bares e porque o libro e o formato encaixan ben. En certo modo, unha cousa e outra son consecuencia. Se buscas unha literatura para estar en directo, o tamaño do microrrelato funciona moi ben. E é un formato ideal para os ebooks.

Agora que fala dos ebooks, hai pouco Nick Cave declarou que estaba pensando en presentar os seus libros con banda sonora. Pensa na posibilidade de facer algo similar?

Existían xa os audiolibros, un formato que non funcionou moi ben, porque non é o mesmo escoitar unha historia que escoitar música. A cuestión de incorporar texto e música é algo que o lector pode facer agora, nesta idea posromántica de escoitar música mentres les, como por exemplo ler o Mein Kampf escoitando a Wagner. En certo modo é o que practicamos Magín Blanco e máis eu de forma espontánea no espectáculo.

O libro electrónico terá unha nova vida nos soportes de tinta dixital, pero xa hai anos que existe en cd, dvd e en liña. Cúmprense estes días dez anos de Por conto alleo, unha iniciativa pioneira de literatura galega en internet. Que quedou daquela experiencia?

Para min como autor quedou a idea de que quizais o fixen demasiado pronto. Internet ofrecía un número de ferramentas menor que hoxe e o concepto de banda ancha non era xenérico a nivel doméstico. Quizais hoxe tería incorporado máis elementos sonoros e visuais, porque daquela parecía un pouco complicado interromper o discurso textual con outras cousas que non foran ligazóns.

Cre que coa popularización de internet cambiaron os lectores á hora de enfrontarse aos libros?

Os lectores cambiaron moito, e non só pola rede. Nos últimos quince anos o ocio cambiou moitísimo. E ás veces esquecemos que a lectura forma parte do tempo de ocio, aínda que leas a Foucault. A partir dos 80 produciuse unha aceleración brutal na cantidade de oferta de ocio, pero o tempo dispoñible non foi a máis. E a lectura agora mesmo parece a menos atractiva das opcións. Os lectores hoxe son máis esixentes e quizais están menos concentrados. Xeneralizando, soportan moito peor os grandes esforzos da escrita novelística, do que soportan maneiras de ler que se corresponden cunha certa fragmentación e sintetización das historias.

Sen embargo, cada vez que un libro triunfa ao grande, ten máis de 500 páxinas.

Si, é un asunto estraño, aínda que aí teríamos que falar da profundidade de lectura. Libros como La catedral del mar ou O código da Vinci ofrecen unha experiencia de lectura moi suave, de baixa intensidade.

E pensa que internet mudou en algo a literatura galega, ao igual que ocorreu na narrativa do século XX coa popularización do cine?

Creo que non, e se cambiou algo foi escapando. Efectivamente, a partir da década de 1940 case todos os escritores cambiaron a súa forma de contar porque cambiou a súa forma de retroalimentarse narrativamente: o relato oral cambiou e xa era relato cinematográfico. O problema é que non existe un relato web claro. Levando a auga ao noso muíño, poderíamos dicir que hai na literatura galega actual unha maior fragmentación, máis dispersión, e que isto pode ser un fenómeno relacionado coa lectura web, na que vas saltando de ligazón en ligazón por fíos caprichosos. Pero creo que isto procede máis do tempo no que vivimos, resultado de que a web é fragmentaria porque a sociedade tamén é fragmentaria.


Imprimir

Ligazóns:

Magín Blanco e Camilo Franco na Fundación Luís Seoane

Magín Blanco e Camilo Franco na Fundación Luís Seoane

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |