Entrevistas

Rosa Aneiros

“'Sol de Inverno' xoga a crear unha vida sen saber que sucedeu de verdade”


08-06-2009
Unha historia de exilios e unha novela coral válenlle á narradora os Premios Xerais e Fundación Caixa Galicia 09.

Sol de inverno e Ás de bolboreta, dúas historias distantes na concepción e no feitío, foron escollidas na pasada fin de semana polo xurado de dous dos tres premios que Edicións Xerais convoca anualmente. O Xerais de Novela e o Fundación Caixa Galicia de Narrativa Xuvenil. Rosa Aneiros (Meirás, Valdoviño, 1976) ha continuar con elas unha traxectoria narrativa que iniciara hai unha década con Eu de maior quero ser e que inclúe tamén a narrativa breve de Corazóns amolecidos en salitre. A historia de moitos exilios, a memoria da comunidade galega en Cuba, Barcelona ou París e a forza da historia do século XX percorren a primeira. A proximidade do transcorrer dunha mañá de novembro no espazo de tránsito que é unha cafetería artella a segunda.


Contou que Sol de Inverno non é unha novela histórica. Como foi o tratamento da historia en relación co que realizou, por exemplo, en Resistencia?
Hai moitas cousas en común. Sempre dixen que Resistencia non era unha novela histórica porque todas as novelas son históricas, no sentido de que son produtos dun tempo e dun lugar. Non se trata do que normalmente se entende por novela histórica e non tiña pretensión de facer isto. Si xogo moito coa historia e así, por exemplo no itinerario cara a Cuba de Carmen Muñoz coloco o Ipanema cando non foi nese barco. Penso agora no caso de Imma López Silva cando lle inventa unha amante a Ánxel Casal. Non se poden facer barbaridades, é necesario manter o espírito da historia.

Contén entón historias de exilio mais non é unha novela coral?
Entre as personaxes que aparecen está Rafael Dieste, Elixio Villaverde, Mercedes Vieito, pero o que quería contar principalmente era a historia de Inverno. É unha novela de personaxe aínda que estean a nai, o pai ou a tata Luz Divina. Logo están detalles, unha personaxe que se chama Mercé por Mercé Rodoreda, un Lino por Lino Novás, que son as miñas homenaxes particulares, pero non conto as súas vidas. Conto a historia de Inverno en Antes, o lugar que recolle a idealización que é o paraíso da infancia, e tamén en Cuba, e estas son as partes que estou máis contenta de ter narrado.

Que ten o século XX que parece atraer poderosamente a atención dos creadores, así Os libros arden mal, Contra Maquieiro ou Liste pronunciado Lister, o documental de Margarita Ledo?
Nisto conflúen varias cousas pero a fundamental é o incremento da investigación sobre este período e o traballo dos historiadores. Que se poñan en marcha traballos de investigación sobre a memoria da guerra e da posguerra supón a existencia dun material poderosísimo para calquera narrador. A forza máis poderosa do ser humano xorde sempre nos momentos máis duros e nas situación límite e aí están a guerra civil, a segunda guerra mundial, a revolución castrista, o maio do 68. Así a vida dos personaxes vai dalgunha maneira encabalgada sobre estes acontecementos deste tipo e o século XX está cheo deles. A historia do pai da protagonista naceu coa personaxe de Dinís cando escribía Resistencia, alguén que di que se lle desen a escoller unha vida heroica ou a tranquilidade da casa familiar escollería vivir feliz na casa. Daquela pensei que pasaría co personaxe contrario, con alguén que ten a necesidade de sentirse no gume da navalla da historia, na loita permanente pola utopía. Até o punto de que Inverno chega a preguntarse en que momento se converteu en mercenario da súa propia causa.

De que materiais botou man para a documentación? Foi un traballo de hemeroteca?
Utilicei material sobre Silvia Mistral, exiliada anarquista de nai galega. Logo chamoume moito a atención como existen por exemplo sucesos puntuais que se repiten nuns e noutros testemuños cando a historia demostra que é imposíbel que esas persoas estivesen presentes, así a dun preso nun campo de concentración que se mete vestido no mar e di "marcho para México". Moitas persoas din que viron isto porque a sensación de perda, o éxodo, é algo común. Da historia do Ipanema saíron as de Silvia Mistral, Elixio Rodríguez ou Carmen Muñoz e está tamén outro barco, o Sinaia. Están ademais os diarios, o de Mistral é xa dos anos 40, e neles vemos como se releron moito uns aos outros. Con todo isto xoga Sol de Inverno, con como se crea unha vida sen saber que foi o que sucedeu de verdade. O traballo de hemeroteca tivo moita importancia para a parte de Cuba, con Manuel Lugrís, Felicia Auber y Noya, Mercedes Vieito. Están a revista cubana Vida Gallega, a revista Loita ou os anuncios do que eles chamaban a colonia galega en Cuba. Pero non tanto polo valor hemerográfico como porque me recordaban moito historias da miña infancia aínda que estea a memoria da prensa galega en Cuba, textos tan valiosos que tiña que esforzarme para non seguilos. Ou tamén a revista Nova Galiza de Barcelona que recolle a loita antifeixista.

Que opina da que algunhas voces sinalan como excesiva presenza da memoria, particularmente da que parte do 36, na nosa literatura?
Négome de maneira rotunda a que ninguén desde o ámbito da crítica ou outros diga que hai temas que non se poden tocar. Neste caso o fundamental que quería contar sucedía en Cuba, pero paréceme lóxico e normal que varios escritores traten un mesmo tema, e penso que cantos máis haxa máis poliédricas serán as visións que deamos. Á parte de que, cal é o número de novelas que se poden facer, dúas, tres? Logo sobre isto xa non se pode escribir porque xa o fixo Inma López Silva, Rivas, Ferrín? A coincidencia é inevitábel porque vivimos un mesmo momento histórico, cando estaba escribindo a novela morreu Silvia Mistral e hai moitas cousas condicionadas polos que unha respira todos os días.

No caso de Ás de bolboreta, a gañadora do Fundación Caixa Galicia, si estamos ante unha novela coral?
Si, Ás de bolboreta é unha novela coral que transcorre nunha mañá de novembro nunha cafetería. Pódense ler as distintas peza xuntas ou por separado. Dicíanme os rapaces do xurado que hai 15 personaxes e eu nunca os contara. É unha historia minimalista na que non hai unha soa narración. Hai dez anos que publiquei Eu de maior quero ser e quixen que esta novela recollese algo que reivindico, a liberdade lectora. Cando lle pasei o texto a algúns profesores dicíanme que estaba moi no cantil para ser pensada para público xuvenil e parece que os lectores desa idade a entenderon. En Ás de bolboreta o lector vese abocado a rematar as historias, era algo que tamén me dicían os rapaces, porque non hai apenas introspección e si diálogo. En moitos casos mesmo diálogos minimalistas e absurdos, conversas de bar en que a conto de quen sería o primeiro ao que se lle ocorrería meter anchoa dentro dunha oliva quérese falar dun mundo de soidade.

A súa primeira novela publicouse nunha colección xuvenil, recentemente escribiu para primeiros lectores. Cales son daquela as diferenzas fundamentais que atopa ao escribir para públicos de idades ben diferentes?
Para adolescentes e para adultos non atopo diferenzas pero paréceme dificilísimo escribir para cativos. Como escritora necesito moitas palabras e o exercicio de contención que require escribir para cativos é complicado. Hai pouco que fun a un colexio con rapaces de 3 a 6 anos e dixéronme que ía ter un proxector detrás para contar a historia d'Os ourizos cachos e o gran río gris. Os organizadores, para facilitarme o traballo, eliminarano texto e fun acompañando o conto. Dixen que a ouriza Espi movía o nariz coma unha actriz de teatro e un cativo ao final achegouse para dicirme que non sabía o conto, que o movía coma unha actriz de cine. Ou cuestionan que fale dun río gris cando me estou referindo a unha estrada.


Imprimir

Autores relacionados:

Dosieres relacionados:

Reportaxes:

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |