Entrevistas

Fran Alonso

“1700 novidades son invisíbeis no medio das case 60.000 en español”

Foto: Manuel G. Vicente Foto: Manuel G. Vicente
12-03-2009
Trazamos co autor de “Un país a medio facer” unha achega á evolución da nosa cultura en 20 anos, da normalidade á excelencia, desta á visibilidade.

Comezou Fran Alonso (Vigo, 1963) nos oficios de poeta, narrador e xornalista. Hoxe na subdirección de Xerais e na vicepresidencia da Asociación Galega de Editores (AGE), continúa a colaborar na prensa. O seu último título, Un país a medio facer, xunta entrevistas realizadas desde o comezo dos 90 para o Diario 16 de Galicia realizadas a algúns dos que continúan a ser hoxe axentes principais da nosa cultura, de Manuel Rivas a Darío Xohán Cabana, de Paco Macías a Méndez Ferrín, con outras feitas vinte anos despois, nun intento de extraer as claves do noso presente. Falounos desa visión histórica necesaria tamén para o pasado inmediato, de como ve a Galicia de 2010. Da necesidade de continuar un traballo de base coa lectura pública, de procurar visibilidade, da madurez da nosa escrita ou da tensión entre a edición de mercado e a edición de cultura. Tamén do que ten por publicar: o poemario Transición e un libro de relatos sobre a incidencia da tecnoloxía nas relacións.

 

Un país a medio facer radiografa, a partir fundamentalmente da ollada de escritores, o noso onte. En que medida nos serve para hoxe?
O presente é un produto do pasado, sen el non se pode explicar. A recuperación da memoria histórica non tería sentido se non fose polo seu interese para a nosa forma de ser hoxe. Temos hoxe unha identidade cultural porque a historia nos levou até aquí.

Eran tempos de carencia para a cultura galega pero tamén doutra maneira de facer xornalismo?
Seguramente si porque desde o punto de vista social cando o mundo evoluciona tamén o fan os comportamentos das persoas antes os medios. A irrupción das novas tecnoloxías e a sutileza das novas formas de control do pensamento fan que a relación da cidadanía cos medios sexa máis complexa. Os discursos teñen máis importancia ca daquela e hoxe asistimos de forma moi clara a isto coa existencia de determinados grupos de poder que traballan cara a uns resultados políticos.

Falou do posíbel Un país a medio nacer do tempo de Nós. Que título albisca para a Galicia de 2010?
Tal como está agora a situación hai que ver cales son as expectativas do novo goberno relativas á cultura galega. A cultura desenvólvese sen o poder pero o fortalecemento da industria é fundamental de cara á súa profesionalización. Se non estaremos sempre nas marxes, na barricada. É necesaria a complicidade do poder é hai que ver en que medida o novo goberno é capaz de prestar ese apoio. En 2010 penso que seguiremos a falar dun país que quere ser normal pero non o dá conseguido. O estado e o status da lingua vai ser determinante e estamos nun momento difícil. Unh dos textos introdutorios do libro remata apuntando cara aquí. Porque a lingua non determina só un sector económico concreto, vehicula a cultura deste país e condiciona a súa viabilidade.

No programa do partido que acaba de gañar as elección está a declaración do 2010 como Ano da lectura. Como vicepresidente da AGE, que lle parece esta medida?
A programación dun ano para a lectura sempre é algo positivo, colabora para que nos fagamos conscientes da lectura como un elemento positivo para o benestar e para a capacidade analítica dunha sociedade. Está por ver o tipo de medidas que se promoven, porque debera continuar o apoio aos clubs de lectura e ás bibliotecas, ao que chamamos lectura pública, as medidas que poden facer que os nenos e as nenas entendan a lectura como parte da súa vida.

Defende no libro que a aspiración de normalidade dominou os 80 e que os 90 foron na procura da excelencia. Cal sería a busca fundamental desta década?
Neste momento conseguiuse un nivel de calidade moi digno e moi aceptábel, podemos ter a cabeza ben alta. Pero é necesario superar os problemas que teñen que ver coa conexión co público e para isto precísase apoio. As 1700 novidades editoriais do ano case non son visíbeis nas librarías no medio das case 60.000 en español. E é necesario que ese apoio pase por desvelar que non é verdade que se trate dun sector subvencionado, como si o están hoxe a banca ou a automoción, algo que vén do descoñecemento e que viamos aínda nunha entrevista recente en La Voz de Galicia. A subvención redúcese agora mesmo á compra de exemplares para as bibliotecas, que aquí se dirixe ao libro galego. Esa procura de complicidade co público pasa por ter espazo na prensa, nas librarías, e por estabelecermos un pacto tácito para a súa divulgación. Para isto non podemos estar pelexando entre nós e temos valorar o bo que somos capaces de crear nun país pequeno no xeográfico e no demográfico. Porque a industria editorial ten un peso moi importante na nosa cultura e sen ela estaría realmente coxa. Pero estou falando do ámbito do libro en xeral, non só da industria.

Que lle agarda á literatura da que tamén forma parte como creador neste tempo de crise económica, impacto das novas tecnoloxías e cambio nas directrices políticas?
Desde o punto de vista creativo o cambio político non vai ter incidencia porque a literatura galega leva moito tempo desenvolvéndose e alcanzou unha punto de madurez que non vai recuar. As mudanzas poden estar no que ten que ver cos apoios. Que vai pasar coa industria musical agromante? E coa proxección exterior? Creo que por aí habería que seguir traballando porque calquera goberno ten que entender que esas manifestacións son a nosa maneira de estar no mundo.

Conta con abonda obra traducida a outras linguas, a máis recente a edición en español de Cartas de amor. Foron estes anos de expansión da nosa cultura cara a fóra. Como o valora?
Creo que foi un dos elementos máis positivos dos últimos anos pero queda moito por facer. Empezou a superarse o momento en que Antón Figueroa dicía que traducimos pero non nos traducen, que lemos pero non nos len. Vivimos agora mesmo nun panorama internacional en que o peso recae sobre a figura do autor e a nosa literatura ás veces non é máis traducida porque non é coñecida. Nese sentido está pendente a creación dun instituto de promoción exterior como teñen en Cataluña ou Portugal, e é algo necesario.

O paradigma de normalidade segue pesando na vontade de fortalecer unha industria cultural que pode converxer nunhas leis de mercado uniformadoras?
Mentres vivamos nesa situación que chamei de “anormal normalidade”, en canto a lingua en que se expresa a nosa cultura supoña un problema, continuaremos na procura da normalidade para o seu coñecemento externo. É importante tamén pensarmos que quere dicir normalidade. E efectivamente supón equipararnos co que sucede noutras culturas. Iso ten cousas positivas pero tamén negativas. Nós tamén nos beneficiamos dunha serie de cousas que non suceden aquí porque a dimensión da nosa industria non o permite. Estou recordando que isto se tratou nun simposio da AGE en que falamos de editores de cultura fronte a editores de mercado. Creo que aquí sempre predominou a edición de cultura porque segue sendo algo no que os editores cren profundamente, e iso ten unha aplicación ética. Así é explicábel que por exemplo os libros de autoaxuda non teñan éxito na lingua galega. A nosa tradición foi conformando un lector determinado, moi esixente.

Prestou recentemente máis atención ao ensaio -A vida secreta de María Mariño- ou á creación para cativas e mozos -Cartas de amor, A casa da duna-. Para os lectores de Persianas, pedramol e outros nervios ou Males de cabeza, ten entre os proxectos vindeiros unha volta a algún destes xéneros?
En poesía teño un libro rematado hai un ano. Non o publiquei porque en Xerais temos moitos orixinais de poesía e está agardando vez. Titúlase Transición. Logo seguín escribindo e teño a metade doutro poemario. En narrativa teño varias cousas en distintos estados, o máis avanzado é un libro de relatos sobre as relacións humanas e a súa configuración.

Vai seguir entón a liña de Males de cabeza?
Non exactamente, este céntrase máis ben en como as novas tecnoloxías foron cambiando as relacións humanas, en que medida estabeleciamos relacións de amizade ou amor determinadas pola proximidade e como iso hoxe está mediatizado.


Imprimir

Autores relacionados:

Documentos:

Ligazóns:

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |