Entrevistas

Antom Fortes

"Quería amosar, coma nos cadros, as mudanzas da escrita nas vangardas"


15-12-2008
Con dous álbums recentes, "Caderno de animalista" e "Fume" o poeta inicia andar na LIX e está entre os finalistas ao Libro do ano.
Coñeciamos a Antón Fortes (Sarria, 1957) como poeta con vontade de crear nas marxes, de pensar a identidade e o corpo. En Figuras masculinas de meio-corpo e Sexto fetiche, Premio Legais 2001, estaba o intento de apreixar paixón, derrota, desexo, soidade ou desamor.
En canto procura editora en papel para o vindeiro Gris cinza, que podemos ler xa na Biblioteca Virtual, a súa entrada na creación pensada para público infantil e xuvenil ten dúas obras, saídas do prelo de OQO editora en poucos meses: Fume, un percorrido polo mal extremo do exterminio nazi desde a voz dun cativo e Caderno de animalista, escollido polos editores como finalista ao Libro do ano, fermoso álbum que deita unha ollada irónica sobre a vangarda histórica na arte, visión que o poeta acompañou con habelencia.

O teu último libro de poesía que viu a luz foi Sexto fetiche, a comezos da década. Como xurdiu o teu interese pola literatura infantil, iniciado pola tradución?
Foi casual, empecei a traducir para a editorial OQO contos para nenos, Cobertor de estrelas, e logo saíu o proxecto de Caderno de animalista. Tamén levo moito tempo reflexionando sobre o tema do xenocidio desde a perspectiva dos nenos e así foi como lle presentei a Marisa Núñez o texto que deu lugar a Fume.

Viraches desde daquela cara á literatura infantil?
Estou preparando un libro de poesía pensado para público adulto, Gris cinza, tamén arredor da temática do xenocidio nazi. Está en normativa reintegracionista e a publicación non é fácil.

En Caderno de animalista, traballastes ti e o ilustrador na orde contraria á habitual non é?
Si, primeiro Maurizio Quarello fixo as imaxes e logo eu os textos.

En que pesou na súa composición o traballo de traducir o anterior título da colección, Gran libro dos retratos de animais?
Non influíu demasiado no texto, xa que no Gran libro dos retratos as historias estaban vinculadas ao cadro orixinal e neste caso eu tiña liberdade total para referirme ou non a el. No caso da “Pécora vestida” e da “Pécora núa” si optei por un texto histórico pero o que pretendín facer foi que, ao tempo que se ía vendo a arte do século XIX e XX, se visen tamén os recursos e técnicas dese tempo na literatura: así, entrou o monólogo interior, o discurso xornalístico ou filosófico.

Cales son logo as referencias intertextuais máis significativas?
Está a escritura "cubista" de Gertrude Stein en “Mandrís de bordel”, a técnica de Blanco Amor n'A Esmorga cando só fala o can mecánico e o xuíz non responde, o monólogo de Cama-León relacionado coa Molly Bloom do Ulises de Joyce, o relato gótico en “Corvo e pega”, as proposicións de Wittgenstein no “Tratado Campbell”, as ideas de Curros Enríquez sobre o progreso e as do Ionesco de Rinoceronte en “Bafo, bufido e velocidade”. Tampouco imos descubrilas todas...

Atopamos unha carga de trazos expresionistas non agardados no que convencionalmente se pensa para a literatura infantil e xuvenil.
Pode ser que si, pero tamén este álbum está pensado para un público amplo, para que haxa alguén adulto que faga a función de guía para o neno. Tamén nos cadros escollidos hai moito expresionismo ou preexpresionismo, xa desde “O berro” de Munch.

Nese mesmo sentido, non cres que o libro agradecería a inclusión dunha listaxe dos cadros e autores orixinais?
Nos créditos están case todos os pintores e escultores que aparecen, nunha referencia irónica. Pensamos incluso en facer unha relación dos literatos de que falabamos, que teñen referencias nos textos. A idea da editora, algo que xa fixo no caso do Gran libro dos retratos de animais, é colocar no espazo da web dedicada ao ilustrador os cadros orixinais

O álbum contén ironía e sensibilidade, unha hibridación de discursos que van do diálogo á linguaxe xornalística. Pretendías ademais, penso por exemplo no texto titulado "Foca monxe no baño", cuestionar situacións cotiás de desigualdade?
Non, trátase de humor, coincidiu con que a conselleira de Vivenda se apelida Táboas e estaba promocionando casas en alugueiro. Pretendía facer un xogo humorístico.

Cres que como elemento vertebrador do álbum podemos falar dunha certa sensibilidade asociada adoito ao terreo poético?
Se cadra inconscientemente, pero a idea era que o humor e a ironía sobrevoasen os textos. A sátira só lle acaíase a algúns cadros. Tamén que un certo misterio, ocultamento ou suxestión estivesen implícitos neles. O humor en “Foca monxe no baño”, a ironía nas “Pécoras (vestida e núa)” ou na crítica de “Insecto culler”, o misterio que envolve á “Pega na ventá”. O lírico, propiamente dito, creo que só aparece nos poemas e nas cancións, e como ambiente nos textos máis intimistas, o caso de “Acuáticos”.

Como valoras o traballo do ilustrador, a partir de referentes plásticos nalgúns casos moi coñecidos?
Paréceme xenial. Funo vendo de a pouco segundo ían chegando as ilustracións e buscando información sobre os cadros, e a escolla dos animais paréceme idónea. Para a 'maja vestida' e a 'maja desnuda' só podía aparecer unha ovella. Co último, o da tartaruga de Paul Klee, souben que tiña que ser este animal mesmo porque o pintor tiña unha enfermidade que lle provocaba un endurecemento da pel.

Tes algún preferido?
Gústame moito o do corvo e a pega inspirado no cadro de Grant Wood “Gótico americano". Descubrín nun instituto con  bacharelato de artes que era un cadro que os alumnos coñecían de buscar 'gótico' na rede. “O bico" a partir do cadro de Klimt tamén está xenial, con esas cores douradas que teñen os tigres e tamén o orixinal

Imos con Fume. Nesta caso o texto é anterior ás ilustracións?
Si, souben da nova colección de OQO, Qontextos, e mandeino, aínda que ao principio pensara en facer algo máis longo. O tema da violencia fascíname.

A colección preséntase como espazo para abordar a marxinalidade. Considerastes que o era o exterminio levado a cabo polo nazismo un bo punto de partida?
Para min no relativo á violencia contra os nenos é un tema descoidadísimo ou tratado de maneira errada na literatura. Mostrouse, tamén no cine, máis dirixida contra os adultos e pareceume importante mostrar, sen caer no tremendismo, o horror que destruíu a inocencia e o futuro dos nenos.

No álbum daquela non se elude a sentimentalidade dun cativo pero trátase de mostrar ao tempo unha situación brutal?
Si, hai sentimentos complexos de resumir rápido, vense os familiares e tamén a amizade. Cando están os dous cativos na cámara de gas está a amizade e unha mensaxe de humanización a pesar da brutalidade. Quería mostrar a soidade, o sufrimento e un proceso de maduración rápida nunha situación extrema.

Falouse da banalidade do mal para explicar este período da historia. Por iso o mal é no álbum case anónimo, aparecen 'os gardas', 'os soldados' e só unha ilustración.
Si, só hai unha ilustración, en que aparecen como corvos voando sobre as vítimas. A miña idea é, vendo fotos e outros documentos, que os cativos non se decataron do mal. Se cadra é demasiado profundo aludir a Hannah Arendt e así vese no álbum como o cativo non quere ir á cámara de gas pero pensa que lle van tirar os piollos ou que non quere ir ao ceo.

Engades algo sobre as ilustracións?
Joanna Concejo é polaca, o lugar onde estaba Auschwitz e engadiu moitos detalles que non estaban no texto e que o completan, así barcos de papel nun caldeiro de auga ou unha referencia a Varsovia.


Imprimir

Autores relacionados:

Libros relacionados:

Novas relacionadas:

Ligazóns:

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |