Entrevistas

Xelís de Toro

“Atopei como facer unha editora sen ter a casa chea de libros”


30-10-2008

Editor, agora en inglés, e narrador, sempre interesado na mestura de linguaxes e na experimentación, publicará na vindeira primavera a novela “Riofero”.

Estivo Xelís de Toro en Galicia para presentar o volume From the Beginning of the Sea: Anthology of Contemporary Galician Short Stories, o primeiro do seu novo proxecto editorial, Foreign Demand, que ha verter linguas minorizadas ao inglés. A escolma recolle dous contos dunha ducia de narradores de hoxe, voces que para o editor explican a cultura galega na súa complexidade.

Narrador de vocación experimental, foi Roque Morteiro a personalidade literaria que creou para asinar o xogo cos tópicos da novela negra que é Seis cordas e un corazón (1989). A esta séguelle Non hai misericordia (1990) obra de vocación urbana na que sobresaían a orixinalidade das imaxes e o xogo lingüístico, que será máis visíbel en Terminal (1994), xunto coa hibridación de discursos. Paco Peco Pequeneiro e o lagarteiro miope (1997), A porta dourada (1998), The Corunna boats (2004) ou Os saltimbanquis no paraíso (1999), Premio San Clemente de Lectores novos, son algunhas mostras da súa produción para público infantil e xuvenil. En marzo verá a luz en Edición Xerais a súa vindeira novela, Riofero, historia de aventura que contén ademais unha reflexión sobre a escrita literaria.

Como chegades a este libro a partir dun traballo que se leva facendo desde comezos dos 90?
Penso en dous grupos de persoas que andan camiños diferentes, atópanse e botan ao aire unha cometa: o Centro de Estudos Galegos de Oxford e unha editorial en linguas minorizadas, Foreign Demand. O traballo de tradución iniciouse nos 90 no Obradoiro de tradución do Centro por iniciativa de John Rutherford, cun proceso moi lento e moi minucioso. Foi construído con tempo, pensando cada palabra, e iso dá como resultado este libro, unha tradución que dentro de dez anos penso que seguira sendo magnífica, con auténticas pezas literarias en inglés.

A porcentaxe de literatura traducida no mercado en inglés é insignificante. É esta logo unha aposta contra a invisibilidade?
Presentarse nun mundo que non nos coñece é unha tarefa complexa e difícil. Ás veces acábase berrando moi alto e recorrendo aos clixés. Penso que este libro non fala alto pero explica a nosa complexidade, a nosa cultura. Tamén de aí o título From the Beginning of the Sea, contestando o lugar común sobre a fin da terra. Gustábame a idea de falar de Galicia como comezo do mar, co seu mundo de posibilidades.

Parece a escolla dos autores unha aposta que foi validando o tempo, hoxe achegada ao canon.
Non me gusta moito a idea que se ten habitualmente de canon. Estamos ante unha antoloxía bastante ecléctica, que tratou de ter como criterio base a calidade dos textos. Os lectores que foron pasando polo Centro de Estudos Galegos foron achegando textos xunto co profesor Rutherford.

Es un dos fundadores da editora que tira este libro, Foreign Demand. Fálame do proxecto.
O nome di algo así como 'Demanda estranxeira' e forma parte dun colectivo artístico que temos alí en Brighton, en Inglaterra. Estaba interesado en facer un selo editorial para traducir linguas minorizadas ao inglés. É unha editora pequena, coa axuda das novas tecnoloxía atopei a maneira de traballar sen ter a casa chea de libros: distribuír e imprimir baixo demanda, a través de webs, fóra de Inglaterra en Amazon. Alí tamén a través de internet, pero pódese pedir ademais desde calquera tenda.

Que é o que che tira do oficio de editor? Traballaras xa canda Paco Macías no proxecto de Edicións Positivas.
Interésame a intervención cultural e traballo en cultura de moitas maneiras. Non podería parar de escribir pero o labor editorial é moi bonito. Pásoo moi ben facendo libros e axudando a que se fagan. E algo diferente a escribir pero traballar no libro doutro ás veces é máis relaxante. Non me gustaría editarme a min mesmo, iso si, pero fan falta as dúas pezas, o escritor, e o editor que mire o libro desde fóra e intente facer que funcione como un artefacto cultural.

Insírese esta editora unha iniciativa interdisciplinar que mestura escrita, música e performance, non é?
Si, temos un grupo neste colectivo que se chama Rough Company e que actúa normalmente en Inglaterra aínda que tamén estivemos hai uns meses na Sala Nasa. É interdisciplinar porque mesturamos música, son, pintura, e sempre hai unha base de texto, que é a que traballo eu.

Minguou o teu interese pola escrita para público adulto ou só por publicar nas canles convencionais?
Non minguou. Vou sacar unha novela en febreiro ou marzo en Xerais. É mellor non estar contento cunha novela porque nunha sabes o que vai pasar, pero estou ilusionado. Vou seguir publicando pero a miña cabeza vai por moitos sitios, hai veces en que era mellor que fose por menos.

Como se vai titular?
Riofero, así, nunha palabra, sen acento. Traballo en moitos campos, non teño unha idea de escritor profesional, e se aparece algo que nese momento me interese máis, vou por aí. Pero gústame escribir unha novela.

E ten relación coa túa narrativa anterior? Traballaches subvertendo o xénero negro e cunha vontade experimental.
Vai ser unha novela de aventura. Quería facer unha novela de entretemento literario, que divertise o lector. Pero tamén vai implícita no libro unha reflexión sobre a literatura, ten unha lectura máis rica ca a de novela de aventuras.

Unha historia túa, Pacopeco pequeneiro e o mundo do revés, está sendo empregada nunha campaña de animación á lectura para cativos. É esta intervención máis directa a motivación para escribires literatura para público infantil e xuvenil nos últimos anos?
Non, empecei a escribir LIX porque tiven fillos e empezoume a interesar. Era máis curta, coincidía cun tempo en que non era capaz de concentrarme en proxectos de máis envergadura e entón comecei a escribir cousas que nese momento me resultasen máis sinxelas. É dese tipo de cousas en que vas dar unha volta e quedas. Realmente fun ver como era pero logo colleu vida propia, xa me chamaban as editoriais, e sempre tiña algunha idea que acabei escribindo. Paseino ben pero neste momento a miña cabeza está indo por outros sitios, aínda que hai un libro que vai saír axiña. Non é que non me guste o escrito, hai un libro que me gusta moito, Porta dourada, de hai varios anos. Volverei, porque me interesa escribir máis para nenos, pero quero repensalo un pouco. Agora vou sacar esta novela, e estou pensando noutro tipo de vías, se cadra poesía sonora, textos máis experimentais.


Imprimir

Autores relacionados:

Novas relacionadas:

Marilar Aleixandre, Xelís de Toro e John Rutherford na presentación de "From the Beginning of the Sea"

Marilar Aleixandre, Xelís de Toro e John Rutherford na presentación de "From the Beginning of the Sea"

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |