Entrevistas

Ana Luna

"Contarmos cunha casa da tradución sería unha grande oportunidade"

foto: Liliana Valado foto: Liliana Valado
29-09-2008

Doutora en Filoloxía Francesa e profesora na Facultade de Filoloxía e Tradución de Vigo, a súa docencia e investigación están centradas no ámbito da mediación intercultural no ámbito galego e pertence ao comité de redacción da revista de tradución Viceversa.
Traduciu O fantasma da Ópera de Gastón Leroux (Edicións Xerais, 1998), Rossi de F. L. Sauser, con edición electrónica na Biblioteca virtual da Asociación de Tradutores Galegos e Un chapeu de palla de Italia, de Eugène Labiche (Biblioteca- Arquivo Teatral «Francisco Pillado Mayor», 2004).
Escolmou para Praza das Letras nove títulos posíbeis de orixinais en galego, traducidos a linguas que van do éuscaro ao italiano. Falounos tamén do comiño andado na tradución cara ao público de fóra e da súa importancia para a nosa visibilidade internacional.


Cal pensas que debe ser hoxe a función de traducir do galego para outras linguas?
Unha dobre función, prestixiar a literatura dentro do campo literario e o mesmo dala a coñecer fóra, o que leva consigo un recoñecemento tamén cara a nós.

Fálanos de como foi a escolla de obras nun ámbito para o que é complicado aínda xuntar os datos.
Para a parte dos clásicos empreguei o catálogo en pdf do Consello da Cultura, útil e bastante fiábel. Logo cotexei co index Translationum da Unesco, que recolle obras traducidas desde calquera lingua e que é menos fiábel por ter algunhas confusións, por exemplo, co castelán. Á parte realicei buscas por internet. Faise máis complicado no caso da poesía e de tradución de fragmentos ca cos libros. Tamén recibo información de xente que traballa no meu ámbito, caso de Helena González desde Cataluña.

Como concibes o oficio de traducir desde o galego? Penso por exemplo na frecuencia da autotradución cando a lingua de destino é o castelán.
Penso que é un debate superado no bo sentido da palabra. Unha das mellores maneiras de darse a coñecer é traducindo ao castelán ao sermos unha comunidade bilingüe, porque a maior parte dos autores poden facer eles o traballo. Entendo que a autotradución ao castelán é frecuente e tamén lóxica. Aínda que hai unha serie de autores que decidiron que aquí entra o risco de recreación e manipulación do texto, e así Rivas comezou autotraducíndose e logo pasou a realizar ese labor Dolores Vilavedra. Tamén a falta de profesionais fixo que as traducións pasasen polo castelán, e así é por exemplo nas primeiras que se realizaron ao francés.

Desde mediados dos 70 até hoxe, desde os trobadores ou Rosalía a Samuel Solleiro en castelán ou María Reimóndez en italiano. Como foi o camiño?
Véxoo de maneira positiva. Comezouse por autores consagrados, poesía, de maneira fragmentaria, en revistas ligadas ás universidades con centro de estudos galegos. Logo veu o tempo das antoloxías de poesía ou relato. E logo xa os editores apostaron por tirar libros.
Vexo un futuro con moitas posibilidades e para isto é preciso apoio das institucións, o PEN Clube, as asociacións de editores e de escritores, dos centros de estudos galegos onde hai embaixadores da nosa cultura, tamén a presenza na rede, e aí está readgalicia.com como mostra en inglés para presentarnos ao mundo.

Quen son fundamentalmente as mans que hai detrás deste labor, por veces anónimo?
Está o caso de estudosos do ámbito universitario pero tamén de moito alumnado que vén a Galicia, a cursos de lingua e cultura, e descobre unha idea diferente do Estado español. É importante que estas experiencias se sigan realizando, aquí e fóra.
Nisto son moi interesantes as experiencias con dous tradutores que teñan competencia na lingua de orixe e de destino. Están tamén intelectuais galegos que viven fóra e que desenvolven un papel fundamental na exportación da nosa cultura, o caso de Ramón Chao en Francia. Os mediadores poden ser moitos e ás veces é casual, pero temos que aproveitar todos os recursos.

Tanto nos datos xerais coma na túa escolma ves algunha particularidade en relación cos xéneros?
Na literatura traducida cara a fóra a forte presenza histórica da poesía é lóxica polo prestixio que tivo. Logo na maioría das literaturas occidentais o que se traduce, tanto para dentro coma para fóra, é narrativa e esa preeminencia é común, quizais no noso caso coa particularidade do peso do relato.

Que lugar cres que ocupa a tradución a outras linguas para a visibilización da cultura galega fóra?
Temos aínda moito que facer, tamén na divulgación das obras traducidas para o galego aquí, ás que por veces lles falta visibilidade. Creo tamén que sería moi útil que os mediadores acudisen, non só a feiras internacionais, senón tamén aos encontros que se desenvolven aquí.
Penso tamén na creación da Casa da tradución, o que para outras linguas se chama Casa do tradutor, subvencionada en parte pola Unión Europea, e que suporía unha oportunidade para contrastar experiencias con outros profesionais.


Imprimir

Novas relacionadas:

Dosieres relacionados:

Lecturas temáticas:

Entrevistas:

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |