Entrevistas

Antón Reixa

“A felicidade ponme un pouco nervioso”

Antón Reixa Antón Reixa
08-08-2008

O seu novo libro, “Látego de algas”, sae nun volume de Espiral Maior con ilustracións de Francisco Leiro.

Levaba nove anos calado no único oficio que di ter escollido voluntariamente, logo dos versos, daquela con música, de Escarnio. A súa ollada de francotirador retorna de andar o mundo ao ringo rango, torna cara a si, fala do “estado de confusión ao que nos deu por chamarlle amor”. Ve este Látego de algas como un espazo de acougo dentro dunha traxectoria que entende de continuidade nos libros que están por vir, un xa con título: O barbeiro de Sadam. Sente que o tempo reafirmou as súas escollas e cífrao na poética de Chus Pato, de Daniel Salgado, de Oriana Méndez.


Falaches de minimalismo para este Látego de algas, da primeira vez que escribes sen o apoio da música ou da imaxe. Por que esa escolla?
Ao falar de minimalismo referíame á experiencia de escribir e publicar hai 30 anos, cando tiña a ambición de explicar o mundo e a vida en cada verso. Terá que ver coa madurez o feito de que neste caso quixen facer un libro sobre o desexo, un libro para ler, sen música e sen imaxe, só coas ilustracións de Leiro. Parecíame máis útil para o meu obxectivo.

Como fuches creando esa distancia co anterior discurso acumulativo, psicofónico, aquí namais presente na sección “Cabezas de vento”?
Imaxino que chega un momento en que tal como se desenvolve o meu día a día, nunha encrucillada de urxencias na que as cousas son para xa, a escrita poética reserveina para eses espazos máis acougados.

Este libro daquela non ten música pero si é feliz?
Sería feliz ese estado de confusión que demos en chamar amor. Xa dicía na presentación do libro que a felicidade me pon un pouco nervioso. Pero tampouco sei se é un libro moi feliz.

Sátira, mordacidade, distanciamento e análise do real foran os paus dominantes até agora. Como chegas a este, inequivocamente amoroso?
Pola propia experiencia vital. Non hai sátira aínda que non sei até que punto en Látego de algas está alleo ese mundo exterior. Teño escritos outros libros que seguen máis o camiño da miña obra anterior.

E adiantas algo sobre eles ou aínda é cedo?
Son libros que teñen que ver con algúns recitais que dei estes anos, en Suíza, en Barcelona, e seguen os meus planteamentos máis de sempre. O que está máis acabado titúlase O barbeiro de Sadam e é unha crítica sobre a guerra de Irak.

Aquel rapaz que non gañou un concurso literario da Coca cola, como contaches na presentación, segue tendo como único oficio escollido o de poeta?
Si, porque é o único que decidín voluntariamente na miña vida. Os demais saíronme ao camiño.

Unha quinta no medio século. Como ves hoxe as historias do rock and roll, Atlántica, Siniestro Total, a economía somerxida?
O noso traballo anterior non sei até que punto era xeracional pero si que ten que ver cos 80, anos cun punto frívolo pero tamén de tolerancia. Iso si que foi unha época feliz para todos. Co tempo un vaise sentindo máis acomodado e hoxe por exemplo na poesía hai moita máis diversidade, moitos máis poetas cos que me identifico. Nos oitenta había unha polarización moito máis clara entre o experimental e o máis puramente lírico.

E como ves a escrita contemporánea á túa aquí?
O transcurso dos anos penso que me foi dando a razón e hoxe sigo os libros de Chus Pato, de Yolanda Castaño, de Daniel Salgado, impresionoume moito o primeiro libro de Oriana Méndez. Libros todos que a un lle gustaría asinar e que supoñen dalgunha maneira unha ratificación das miñas posicións estéticas.

Falas de Ferrín como mestre. Outros autores que leas, que prefiras, aos que volvas?
Volvo aos clásicos, Joyce, Kafka, Eliot, Ezra Pound. Trátase de referencias compartidas.

Galicia gran carallo de sal? Anyway here we are? Así a todo aínda menos mal?
Non está mal esa expresión, 'aínda menos mal'. Hai un pensamento sabiamente escéptico que non debe dar lugar ao pesimismo. Os cambios son lentos cando se desexan profundos pero Galicia está vivindo un momento de adaptación á pluralidade e á diversidade, e iso require unha pedagoxía.


Imprimir

Autores relacionados:

Libros relacionados:

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |