Manuel RivasHai menos dun mes O'Rivas presentaba a súa última recompilación de artigos, Os Grouchos, tirados da súa sección semanal no suplemento Luzes de El País. E facíao en Santa Comba por unha necesidade de reequilibrio cultural xeográfico. Esta escolma amplía a súa prolixa produción xornalística nos andeis das librarías, ao carón doutros volumes como Toxos e flores, Galicia, Galicia, Muller no baño e Unha espía no reino de Galicia. No eido literario a semana pasada sorprendeunos coa presentación dun espectáculo sobre a súa última novela, Os libros arden mal, no Caixa Forum de Barcelona. Para isto contou coa colaboración de Marcos Meléndez (voz), Gastón Rodríguez (guitarra) e Pulpiño Viascón (violín e serrón).
N'Os libros arden mal mantés a necesidade de recuperación da memoria, quizais dende unha perspectiva máis distanciada. Como facer que a mirada ao pasado non se interprete só dende o sentimento?
A cuestión da memoria é a masa da literatura, pensando na metáfora do pan, a literatura xorde cando leveda. É importante a memoria pero está á espreita, hai que activala. O seu movemento é cara a diante, memoria que está en reinvención. Dende o punto de vista histórico pretende unha relación máis colonizadora. A memoria literaria non pode ser totalizadora, ten que ir parella a unha mirada. Fronte a un mesmo temporal cada persoa reacciona de xeito singular e impredicíbel. Iso esixe unha expresión diferente na escrita. Ultimamente fálase moito de establecer a memoria como un eufemismo dunha circunstancia do século XX: a guerra. Hai actitudes despectivas sobre esta cuestión, o que significa un enorme descoñecemento do que é a literatura, que ten unha tarefa de loita contra o baleiro. A Odisea fálanos de ata que punto todos somos Ulises e Penélopes, pero tamén da memoria. A chegada a Itaca non é o momento da felicidade, aí é onde realmente comeza a loita de Ulises, pois ninguén o recoñece. A memoria é a nai das musas e eu creo nas musas. Hai que lembrar tamén que a musa da Historia é olvidadiza.
Como se traslada a un espectáculo unha novela que percorre o século XX?
A presentación non é totalizadora, senón que acode á idea do que aparece en cachizas. É un diálogo co que é a orixe da literatura, dicila en voz alta acompañada de música. O meu primeiro poemario, O libro do entroido, naceu de recitar en pubs. Antes de aparecer no libro eses poemas tiveron unha orixe tabernaria. Ademais, unha vez entregado o libro perténcelle aos lectores. Isto achégame outra vida ao carón do libro, prolonga a miña relación con el a través dunha reexistencia no oral. Supón tamén unha oportunidade para crear un espazo vivo de cultura.
O espectáculo vai xirar por Galicia?
Esta semana imos a Palma de Mallorca. Non é algo programado. Fixemos un primeiro ensaio, de xeito espontáneo, cando saíu o libro, un intento de oralidade do texto. Agora foi un encargo dun ciclo de literatura e música. En Galicia ninguén nos chamou. Tiñamos a idea de facer o mesmo e levalo á rúa, pero non atopamos ningún respaldo e non lle dei máis voltas, xa estou afeito a iso.
Con respecto ao que dicías antes, é preciso 'ir de grouchos' coa literatura?
Claro que hai que ir. A literatura é unha curación cara a dentro, pero tamén unha celebración colectiva. Precisamos desenvolver esta outra parte. Cun libro non vas transformar o mundo, pero si dá unha oportunidade para crear un espazo cultural onde non había nada. Se en Galicia hai poucas librarías e moitas tabernas, por que non podemos facer delas librarías? Hai que recuperar tradicións e hai unha que é esencial, a dos trobadores, que se desenvolveu na rúa. A literatura ten os berces moi relacionados co desexo, coas 'folidas no muíño', co entroido, coas tradicións festeiras, que teñen que ver co humor, a retranca, o antidogma... A cultura ten un compoñente dionisíaco e gozoso. A literatura ten que reencontrarse co pobo, hai que recompoñela como ecosistema. Non me gusta o concepto de sistema literario, esa especie de organismo kafkiano.
O feito de presentar o teu último libro, Os Grouchos, en Santa Comba é un acto simbólico en relación con iso. Precisa o país un reequilibrio cultural xeográfico?
Trátase de que non haxa zonas sen cobertura, como sucede coas comunicacións. Vivín nun sitio no que non había sinal de televisión. Para min non supoñía un problema, pero tiña cativos e na escola falábanlles do Xabarín. Intentei conectar unha antena nunha árbore, pero creo que o que conseguimos ver só eran as sombras das follas. Non pode haber zonas de sombra. Temos que evitar na literatura as coordenadas da xeopolítica. Calquera sitio pode ser o centro e pode haber máis cosmopolitismo na aldea que na metrópole.
Os teus libros xornalísticos recollen a realidade galega, algúns case exclusivamente. O cambio de goberno permitiu relaxar a ollada cara ao país?
Os Grouchos ten bastante que ver con esta nova etapa. Cando recollín os artigos había un fío común. O máis interesante é que houbo un cambio máis profundo, que tamén se reflectiu nas institucións. Produciuse un xiro copernicano da ollada na sociedade. Con todo, malia que soe tópico, considero que segue habendo dúas Galicias.
É a época do CD, do Contentamento Descontente?
Non é moi útil pensar que xogamos sempre con esa dualidade. O máis importante é que afectou un pouco a todos. Xa non estamos no Antigo Réxime. Houbo un cambio mesmo das relacións do poder coa xente. Isto non quere dicir que non sigan funcionando formas caciquís. O máis importante é ese adeus colectivo ao Antigo Réxime, cuxos síntomas máis evidentes se perciben no xornalismo, que é un escáner moi importante da sociedade. Reflicte unha presenza máis natural da liberdade en xeral. O mapa máis rico é o da opinión, o do xornalismo literario, non o da información, que funciona de xeito máis rutineiro e dá pé a unha maior manipulación. Pola contra, na opinión hai unha biodiversidade maior e novos espazos. Se comparamos os xornais de hai catro anos cos de hoxe percíbese esa diferenza. Hoxe gústame ler os xornais galegos. Con que haxa un bo artigo, aínda que non sexa de actualidade inmediata, xa merece a pena. A opinión comeza a ser a trabe que sostén os xornais.
Esa hibridación de xornalismo e literatura é o mellor xeito de tomarlle o pulso á realidade?
Establece conexións, causalidades. Ás veces hai algo desacougante no bombardeo de opinións do caos diario. Agora co tema da crise parece que dun día para outro todos os discursos sobre economía son inservíbeis. Ese espello cheo de cachizas no que as cousas ocorren por unha especie de maxia negra. É curioso que o xornalismo literario sexa o máis realista. A memoria, a ironía... permítennos reconstruír o thriller. Se todo dependese dun predicador sería un absoluto delirio. Imaxina como sería a información se toda fose estilo Losantos. A negación da causalidade provoca o medo que encolle e atemoriza a xente. Un dos camiños é outro xornalismo que só require papel e lapis, vontade e rebeldía.
De aí esa vontade de escribir como un Charlot, provocando que algo pase co mero deambular.
A fin é o impulso que realmente queda. Atopamos moitos libros de teoría da comunicación, pero logo hai pouca comunicación. Isto lévame a pensar no leite que tomaban os linotipistas para previr os efectos do chumbo. Eles si que facían xornalismo. Na análise química dun xornal atopamos unha mestura de poder, negocio, manipulación... pero na decantación final o que fica é o mellor dos xornalismos, que é esa intención de querer dicir algo que se pareza á realidade. Nunca existiría un xornal se só fose un instrumento de poder. Os xornais están cheos de pegadas e mesmo o que non se di é importante.
Neste senso, pensaches en volver exercer de reporteiro?
Aínda acabo de traballar nunha historia longa na Arxentina, unha historia reportaxeada, que é case unha micronovela. Con todo, o xénero que me gusta é no que estou.
Como peche, está en marcha o teu vindeiro proxecto literario?
En setembro vai saír un poemario que fixen con Xosé Luís de Dios. É un caderno de poemas e arte, un traballo de colaboración e creación mutua, froito dunha relación fecunda. O título é Herbas da cega, un dos nomes que reciben as estrugas. Tamén estou traballando nunha novela, pero non vou adiantar nada, porque o plan inicial que tes cando escribes muda moito no proceso.