Entrevistas

Begoña Paz

“Interésanme as relacións invisíbeis, cando as persoas se ispen diante de si”

Begoña Paz 07-07-2008

O terceiro libro desta autora da Coruña, “As mellores intencións” confirma un interese pola insatisfacción que adiantaban xa os relatos de “A ferida” (2004).

Begoña Paz (A Coruña, 1965) foi a gañadora do Certame de Novela Curta Centenario da Cidade de Riveira cunha obra que agora ve a luz en Xerais, que publicara un relato no volume colectivo Narradoras e mais o seu primeiro libro, A ferida, onde colocaba o desexo como abismo. É autora ademais dunha novela para a colección xuvenil de Baía Edicións, Norocai (2005), e podemos ler catro poemas seus na rede, onde menciona o nome de Fran Alonso, autor daquel Males de cabeza que, desde un ton menos tráxico, comparte o universo d'As mellores intencións.
Falounos das pegadas do pensamento feminista na súa obra, dos xurados duns premios que procuran novelas e non autoras a propósito das que nomea como compañeiras de escrita: Chelo Suárez, Anxos Sumai, Teresa Moure, Rexina Vega. Tamén da súa preferencia pola brevidade e pola ollada de observadora, dos outros lugares que deben ocupar as mulleres -e os homes- cara a un contexto de igualdade.


As relacións e a súa violencia invisíbel parecen a principal preocupación da túa obra.
Si, a violencia e tamén o amor, algo do que fala unha gran cantidade da literatura que se publica. Interésame o desexo, a insatisfacción. Porque iso leva á violencia, pode ser unha lousa que non sabemos coller doutro xeito, ás veces leva a castigar os demais polo que non podemos ter.

Canto pesa aí ter estudado psicoloxía?
Deixei psicoloxía en primeiro. Interesábame moito a bioloxía, e pensei que era unha carreira de ciencias, que o era, pero do ámbito das ciencias sociais, e resultábame moi estático. Interésanme moito as relacións invisíbeis entre as persoas, cando estas están soas no cuarto e se poden espir diante de si mesmas. O feito de que as persoas sexamos normais e cordiais e ao mesmo tempo capaces de facerlles aos demais e a nós mesmas cousas terríbeis. Interésame mostrar esa faciana oculta da realidade, erguer un pouco a alfombra.

A túa ficción contén mulleres complexas. Como é para ti o traballo de arredarte do patriarcado homexeneizador?
Para min é moi complicado escribir sobre mulleres, síntome máis cómoda mirando os homes e por iso o protagonista desta última novela é un home. Desde que eu era cativa, cando para os nenos había toda a liberdade que non tiñamos, as mulleres cambiamos o noso rol. Hoxe hai outro modelo de home que está descolocado, que teme as mulleres fortes, algo que xa tratei nalgún relato. Uns enfróntano reaccionando con violencia e outros cunha pasividade agochada, que no fondo entende a muller como inimigo.

O teu libro de relatos, A ferida, podemos dicir que contén un mosaico de reflexión sobre as relacións sexuais. Como foi a construción?
Odio a figura do príncipe azul, paréceme destrutiva para a identidade feminina. Agora que retomei Filoloxía inglesa, estou facendo un curso de estudos de xénero. A muller continúa sendo alguén a quen mirar, a princesiña, un obxecto. Xa nin sequera somos conscientes. Só nos está permitida a parte “romántica” e isto é incerto. Ese é o motivo polo que as relacións que presento son insatisfactorias, e penso no relato que lle dá título ao libro A ferida, onde unha muller recorre ao sexo para mancarse a si mesma. O sexo pode ser destrutivo e creo que é máis fácil que isto lles pase ás mulleres.

Escribiches tamén un libro para público xuvenil, Norocai, e podemos ler algúns poemas teus na rede.
O primeiro que escribín, á parte dalgún relato, foi Norocai. Teño dous fillos e quixen facela para eles, aínda que non lles gusta nada. Sempre, desde cativa, odiei as historias en que o elemento activo era o home. Aquí aparecen dous modelos de muller, unha activa, do presente, outra asustada, e móstrase como a que trata de ser ela mesma é rexeitada e temida.
Comecei coa poesía porque mo pediu unha amiga e, aínda que sempre procuro manter a miña vida afastada do que escribo, é para min o lugar do máis íntimo.

Que hai na túa recente novela, As mellores intencións, de Ingmar Bergman, cun libro co mesmo título? E da adaptación ao cinema?
Non lin o libro e si vin a película. Cando fun consciente, o libro xa tiña ese título e non quería cambialo, forma parte do paratexto e é preciso e moi irónico. Traduciuse así, “as mellores intencións” e tampouco vou preguntar como era o título orixinal en sueco.

O crítico Xosé Manuel Eyré dixo no seu blog que lera a novela nunha asentada. Cal cres que foi o segredo desa tensión narrativa?
Deille o libro a ler a xente antes de mandalo a ningún concurso. Busco unha trama e ela avanza, neste caso a partir dunha nena maltratada que hai que salvar. Pero a historia da novela é outra, a historia dun home que pode cambiar a súa vida e non o fai; acompañamos un personaxe cara á súa destrución ou salvación. Porque, que se pode esperar dun personaxe que pensa que para salvar a rapaza ten que destruír unha vida? Ela elixe porque tiña a capacidade para iso, e el non lle dá nada que non sexa material. E penso que o final non crea, nin resolve nada, que é aberto.

Nunha crítica falouse dun exceso de elementos tráxicos. Como o ves ti?
Aínda que nos refuxiemos en moitas cousas, para min a vida ten moito de tráxico. Traballo nun centro de saúde e penso ás veces que se unha persoa doente collese moitos dos nosos libros e vise o nivel de autosatisfacción pensaría que estamos noutro planeta. Interésame a dor, é a ollada que teño. Na crítica vese que se entendeu ben que Lis e Gabriel teñen o mesmo fin, atopar un lugar mellor.

Era fundamental para ti o trazado dos personaxes? Cres que a brevidade da novela puido restarlle capacidade para un trazo psicolóxico máis detido?
Prefiro a intensidade á extensión. Sempre se di que hai espazos perdidos nunha novela que se poden recuperar, pero síntome moi cómoda na brevidade e para nada me parece menor. Os meus escritores preferidos, Chekhov, Cheever, Carver, Julian Barnes, escriben breve e teñen esa intensidade. Penso que lles dei aos personaxes o tempo que lles tiña que dar, e iso non ten que ver coa extensión senón coa capacidade

Como cres que se amosa o pensamento feminista na túa obra? Penso, por exemplo, na cuestión da maternidade, e nos puntos de conexión e distancia que se poden estabelecer con novelas como Así nacen as baleas ou Herba moura.
Supoño que todas volvemos sempre ao mesmo punto: reivindicar outra maneira de ser muller, desde un punto de vista diferente. A min cáusame incomodidade a situación actual, que as palabras se usen contra nós. Vemos unha imaxe de normalidade, unha muller que toma decisións, en Anxos Sumai máis sensible, en Teresa Moure máis reivindicativa. A min gústame tomar a posición de observadora, ollar os homes. Mirámonos moi ben a nós mesmas, pero falta unha visión actual deles.


Imprimir

Autores relacionados:

Libros relacionados:

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |