Entrevistas

VIII Premio de narrativa Terra de Melide

“Non podo escribir outro 'Fridom spik', a miña ollada mudou para máis perversa”

Santiago Jaureguízar Santiago Jaureguízar
10-06-2008

A novela de Santiago Jaureguízar titulada "O globo de Shakespeare" acaba de ser premiada e sairá no outono en Xerais.

Sorprendeu Jaureguízar hai quince anos cos relatos de Fridom spik e desde daquela continúa no oficio de xornalista e converteuse nun dos autores que publica libros con meirande frecuencia. Tamén nun escritor afeito á polémica, con vocación de outsider nun campo que ao mesmo tempo leva recoñecido o seu oficio cos máis importantes premios de narrativa: o Xerais por Casa Skylab no 2003, o García Barros no 2005 por Cabaret Voltaire ou o Caixa Galicia de narrativa xuvenil 2006 por A cova das vacas mortas.
Gaña agora o Terra de Melide, ao que se presentaron vinte e unha obras, por decisión dun xurado composto polo gañador da edición anterior, Xesus Manuel Marcos canda Xaquín Vázquez, o libreiro Anton Pedreira, Óscar Sánchez e o editor Manuel Bragado.
Mantén desde setembro de 2007 o blog cabaretvoltaire.


Un ano sen publicar narrativa para adultos xa era moito tempo para alguén que coa túa idade leva máis dunha ducia de títulos?
Penso que non era moito tempo porque os libros para adultos son máis longos e complexos e tamén porque eu escribo nun ano normalmente dous ou tres libros para rapaces. Esta novela comeceina hai tres anos.

Como recibes este premio, logo do Xerais, García Barros, Caixa Galicia?
Con moita alegría. Xa me presentara outra vez e paréceme un dos premios importantes aínda que non moi coñecido fóra da xente que nos presentamos a concursos. Penso que vai ter moita proxección no futuro, sobre todo a raíz da entrada de Xerais na organización, que xa se notou o ano pasado, cando gañou Xesús Manuel Marcos.

Como foi estar decidindo sobre os 25 mil euros do Premio Xerais e recibindo o Terra de Melide ao mesmo tempo? Como le un 54 novelas?
Foi un pouco de tolos, aínda que eu me presentase ao premio hai tres meses. Apetecíame estar en San Simón na entregas dos Xerais porque me gusta estar con outra xente que escribe e tiven que asistir á cerimonia de entrega do Terra de Melide.
No Xerais deuse o caso de que había tres finalistas dun nivel moi semellante. Logo levo tempo formando parte de xurados e xa teño unhas técnicas para ver o que me pode interesar máis. Tamén hai novelas que xa un ten lidas porque estiveron noutros premios. Pero é certo que sería necesario un ano para lelas co vagar que requirirían. Á parte, xuntóuseme todo porque nestes meses estou escribindo unha historia da música na cidade de Lugo, un libro divulgativo, e unha serie para rapaces que sairá en Xerais, cun protagonista que se chama Tintimán, un reporteiro que fai investigacións.

O nome é unha homenaxe á revista Tintimán?
Pois parte da frase feita pero si, ao mesmo tempo é unha homenaxe a unha revista que foi un expoñente moi interesante da modernidade e dos anos 80.

Manuel Bragado fala para esta novela premiada de homenaxe ao teatro de Shakespeare. Poderías trazar logo a xenealoxía da obra? Hai algo de incerto señor don Hamlet?
Non hai ese paralelismo que fixo tan habelenciosamente Cunqueiro con ningunha obra, pero si moitas referencias a Shakespeare. Hai moito drama e moito sangue, que era o que prometía Shakespeare en Tito Andrónico. A trama da novela anda arredor de atoparen unha primeira versión manuscrita do Hamlet, de finais do século XVI -a segunda é dez anos posterior- nun pazo de Ribadeo e tratan de saber se é de Shakespeare. Isto vai cambiar as relacións de poder existentes entre os personaxes.

Negueira de Muñiz n'A cova das vacas mortas e Casa Skylab, Ribadeo en Cabaret Voltaire e nesta última. Que significado ten para ti a elección dos espazos?
Penso moito os espazos e fago unha escolla de lugares que coñezo. Tamén sae Berlín en Cabaret Voltaire, Londres nesta última, lugares que cheirei, nos que estiven. Negueira é un lugar dos Ancares, o concello menos poboado de Galicia, e interesábame tamén porque se instalou alí nos 80 unha comuna hippie, un experimento social fracasado pero que deixou pegada. No caso de Ribadeo, vivín alí a infancia e parte da mocidade e teño un bo coñecemento da vila.

Canto te ves de lonxe do autor que escribiu Fridom spik hai quince anos?
Moi lonxe. Aqueles contos escribinos con moitísima inocencia, cando non sabía nada do mundo editorial. Comecei coa intención de publicalos no xornal en que comezaba a traballar daquela, e continúo, El Progreso. O meu editor, Manolo Bragado, tenme pedido moitas veces que faga outro Fridom spik pero a miña ollada cambio moito desde daquela, fixose máis perversa.

Pareces cómodo cunha imaxe pública entre a pretensión outsider e a vocación lúdica.
Estou bastante cómodo, teño a sorte de atreverme a dicir o que penso neste país de covardes e iso é estraño. No blog escribo o que penso sobre obras dos demais e así hai xente á que lle parecen mal e a outra ben.

Non cres que unha certa instalación na deconstrución irónica pode resultar reaccionaria?
Creo que moitas veces hai obras literarias en que se quere quedar de progresista. Por agradar desde o punto de vista dunhas determinadas posturas políticas fanse estas novelas tan progres, sobre heroínas, herbas mouras e clubs da calceta. Iso é deformar a realidade, fago literatura, non pretendo ser un líder nin ter unha parroquia como ten Ferrín. O meu compromiso é coa literatura e penso que un dos problemas é que a nosa ten un papel político importante sen que iso a faga máis real.


Imprimir

Libros relacionados:

Novas relacionadas:

Dosieres relacionados:

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |