Entrevistas

Premio Miguel González Garcés

“Este premio significa facerse maior”


27-05-2008

O poeta Eduardo Estévez gaña o XIV premio de poesía Miguel González Garcés coa obra “Construcións”.

Eduardo Estévez (Bosa Aires, 1969) vive en Galicia dende 1995 e escribiu, entre outras obras, Só paxaros saíron desta boca, Lúa gris, Caderno apócrifo da pequena defunta e Derrotas. O poemario gañador escribiuno de xeito público, expoñendo o seu proceso creativo nun blog.

En primeiro lugar, que valoración persoal fas da concesión deste premio, que obtiveron, entre outros, Fernán-Vello, Luz Pozo Garza e Álvarez Cáccamo?

Unha das primeiras frases que me saen é que xa tocaba. Unha reflexión máis profunda é que significa facerse maior. É un dos premios de poesía mellor valorados e para un autor significa que a súa poética está consolidada.

Ademais o xurado seleccionou por maioría a túa obra entre as 55 presentadas.

A competencia neste tipo de premios é difícil. Estou convencido de que esas 55 obras eran relevantes e de poetas con certa traxectoria, pois os novos non se presentan aos certames maiores, que contan con xurados de prestixio.

Xa acadaras un accésit do González Garcés nunha ocasión anterior, non é?

Si, no ano 1997, co meu primeiro libro en galego -Só paxaros saíron desta boca-, polo que daquela si que foi bestial para min.

Por que ti non tes ascendentes galegos? Aprendiches a falar galego logo de instalarte en Compostela?

O meu avó era galego, era secretario de cultura da Casa de Galicia de Bos Aires, tiña amizade con Blanco Amor, Seoane e outros. Supoño que falaba galego, pero eu nunca o escoitei. A miña familia materna é de orixe italiana e eu crieime nese contexto. No 93 fixen unha viaxe a Compostela e merquei nunha librería unha antoloxía de poesía galega, na que estaba o voceiro do xurado, Manuel Forcadela, xunto con Rodríguez Baixeras, Álvarez Cáccamo e Xela Arias, e algún libro máis. Este primeiro contacto coa literatura galega foi fundamental. Logo por diferentes circunstancias vitais acabei vivindo aquí.

Que importancia lle dás aos premios para a túa evolución como poeta?

A maior importancia dun premio é que che permiten publicar a obra, alén de que te quiten de algún apuro económico. Evolución penso que ningunha, pois os premios son circunstanciais. Hai quen fai obras pensando nos premios, pero eu non escribo por pedido. Escribo libros e logo búscolles sitio.

O xurado, en palabras do seu voceiro, Manuel Forcadela, destacou da túa obra “a contemporaneidade da súa escrita e a aposta pola renovación da nosa tradición estética”, correspóndese isto coa túa intencionalidade inicial?

Fago poesía consecuente comigo mesmo e se isto supón unha renovación lírica mellor. A verdade é que a deriva última da miña poesía non é un camiño moi andado en Galicia. Si noutros lugares como nos Estados Unidos. Refírome á poesía de reflexión sobre a experiencia, máis narrativa, como a que fai Raymond Carver. De aí o lema co que presentei ao concurso, Ramón Caaveiro.

Deseguido ía preguntarche por iso.

Pois é unha galeguización libre que eu fixen de Raymod Carver. No sentido que che dicía hai tamén un poeta arxentino que me influíu moito, Raúl González Tuñón. Logo está Borges, pero aspirar a facer algo coma el é demasiado pretensioso. En definitiva, os dous escritores que máis me influíron á hora de escribir este poemario foron Kavafis e Carver.

En relación co que estamos falando o xurado tamén salientou que na obra “se pode advertir unha proximidade do cotián”. Fálame da temática de Construcións.

Non reflicte experiencias persoais, aínda que no fondo todos os escritores escribimos sobre nós mesmos e sempre estamos detrás dos nosos libros. Construcións recolle experiencias a partir da observación da realidade e da ficción literaria. Como un poema a partir dunha escoita na radio.

Acabo de lelo no teu blog.

Púxenlle tres finais e quería que a xente botase por un deles. No libro decidín finalmente incluír os tres.

Que salientarías ti do teu propio poemario?

Pois algo que tamén dixo o xurado e que non mencionaches. Resaltou a proximidade da miña poesía ao haiku, algo que en principio se pode dicir dos meus textos anteriores pero que agora é menos evidente. Con todo, sigo procurando a precisión, aínda que as composicións sexan máis longas.

O proceso de creación deste poemario quixeches difundilo a través dun blog na rede, que achegas persoais e literarias che reportou esta experiencia?

Non obtiven o que esperaba, aínda que tampouco foi un fracaso.

Non houbo feedback?

O blog tivo menos opinións das que esperaba, pero a experiencia foi boa, foi como facer un libro sentado nun escaparate.

Traducíches ao español hai tempo unha canción Chico Buarque titulada Construción. Ten algo que ver co título do teu poemario.

Non es a primeira que mo pregunta hoxe, pero non ten nada que ver, iso queda moi atrás.

Levas relativamente pouco tempo vivindo en Galicia e dende entón decidiches escribir en galego. Que te motivou?

Xa non é tan pouco tempo. Comecei facendo colaboracións para a Revista das Letras do daquela O Correo Galego. Despois traducín un libro meu a modo de exercicio. Estaba escribindo outro libro en castelán e un día indo para a casa sorprendinme pensando nun poema para ese libro en galego e traducíndoo simultáneamente ao castelán. É o proceso natural cando te mergullas nunha lingua nova, que de súpeto pensas nesa lingua.

Ten algo que ver iso coa túa decantación pola poesía, dígoo polo tópico da musicalidade e o lirismo que se lle atribúe ao galego?

Para nada, xa escribía poesía antes. Os meus relatos eran de andar por casa. En galego só escribín un, que enviei a un concurso, non gañou e non pasou de aí. Estou experimentando coa literatura infantil, pero aínda non saíu do forno. A poesía é a miña maneira de expresión literaria e xa a escollera dende hai tempo.


Imprimir

Autores relacionados:

Ligazóns:

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |