Entrevistas

Darío Xohán Cabana

"Traducindo a J.K. Rowling mercamos pasteis antes de termos o pan"

Darío Xohán Cabana Darío Xohán Cabana
14-05-2008
Darío Xohán Cabana (Roás, 1952) é coordinador de publicacións no Concello de Lugo, narrador, poeta e tradutor. Nos anos 70 traballou en Edicións Castrelos con Xosé María Álvarez Blázquez.

No ano 2003 saíu do prelo un groso volume, Vinte cadernos, que recolle a súa traxectoria poética até daquela e na narrativa salientan o premio Xerais Galván en Saor e Morte de rei.
No seu traballo como tradutor recibiu en 1991 a Medalla de ouro do concello de Florencia coa súa tradución d'A Divina Comedia, de Dante. Tamén foi galardoado co Premio Ramón Cabanillas en 1994 pola tradución de Vida nova, do mesmo autor, e conta ademais coas traducións dunha Antoloxía do Doce Estilo Novo, do Cancioneiro de Petrarca e d'Os tres mosqueteiros de Dumas.


Cal pensas que debe ser hoxe a función da tradución en Galicia?
A que ten en calquera outro país do mundo. A de trasladar á nosa lingua aquilo que non podemos ler na orixinal doutra multitude de linguas.

Fálanos das dificultades que atopaches á hora de realizar unha escolma unicamente dunha ducia de títulos.
É imposíbel porque ou ben había que escoller cinco ou seis ou ben cincuenta ou sesenta. Pensei nunha data para escoller as históricas, antes de 1975, porque tiña moi pouco espazo para as posteriores. Esta é unha escolla simbólica, sen outra pretensión. Que ademais quedou moi enxergada cara á poesía, o tipo de tradución literaria máis complexo e no que temos autores excelentes, polas mesmas razóns polas que até o de agora foi unha literatura moi volta cara á poesía.

Pensas que iso non segue sendo así hoxe?
Non. Agora mesmo escriben grandes poetas pero hai que pensar nas diferenzas entre o que era a literatura nos anos 50 e o presente. Daquela non había teatro, case non había novela. Hoxe o teatro segue sen ser un xénero poderoso pero na novela temos autores de valor universal.

Como concibes o oficio de traducir? Por exemplo a discusión frecuente entre o peso do coñecemento da lingua de orixe e de destino.
Non son tradutor profesional, o único oficio literario que nalgún momento quixen exercer desa maneira. Si traduzo de maneira afeccionada, cobrando polo traballo, como é lóxico. Non se pode traducir sen coñecer a lingua de orixe, aínda que non sexa preciso un coñecemento activo. Si cómpre coñecer moi ben a lingua e a cultura de destino, asumir que traducir literatura é un feito literario e iso implica coñecer a tradición literaria da cultura a que te dirixes para poder crear para ela. Trátase dun oficio que non ten nada de subalterno, que é creación.

E no caso de alguén que coma ti dedicou abondos anos a traducir desde o renacemento italiano, onde cres que reside a compoñente de creación nun labor así?
Cando se traduce, sobre todo poesía, hai que ter en conta que á parte do mero enunciado hai valores fónicos e rítmicos que, se non son trasladados, fan da tradución algo falíbel. A tradución en poesía ten que ser infiel, facer unha tradución literal de poesía é un disparate. O que cómpre é revestila das mesmas galas formais ca o orixinal. Coller un soneto de Petrarca é reconstruílo, poñer a creatividade propia ao servizo das cancelas específicas que marca o autor. Isto é moito máis difícil ca facer un poema propio. Decidir que 'pedra' rime con 'edra' é doado pero isto na tradución non é viábel.

A túa admiración pola obra de Cunqueiro mantense no caso das traducións
Máis matizada. Escollín unha tradución de Cunqueiro pero non outras. Cunqueiro ofrece comunmente solucións moi diferentes das miñas, traduce sonetos a verso libre. Cando quixo facer unha versión moderna das Cantigas de Santa María o resultado foi moi malo, e de feito ninguén fala dela. Cunqueiro é un bo tradutor cando traduce libremente, con efectos connotativos pero sen recursos do orixinal senón cos propios. Este é o mérito da maior parte das súas traducións.

Como ves esa tensión, só acontecida recentemente, entre atender o contemporáneo e que esteamos a dispor, poño por caso, da primeira tradución de Faulkner?
Entendo que traducir unha serie como Harry Potter, algo que anuncian con meses de adianto cunha grande campaña de marketing é unha conachada. Iso non é literatura, é mercado do libro, é frivolidade. A min o que me interesa é que estean traducidos Shakespeare e Faulkner. O outro é unha mostra en falso dunha sociedade normalizada. Nós traducindo a Rowling caemos nunha falsidade, estamos mercando pasteis antes de termos o pan. Precisamos o fondo da literatura universal en galego, e en boas traducións.


Imprimir

Autores relacionados:

Lecturas temáticas:

Entrevistas:

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |