05-03-2008Edicións Positivas fai 18 anos movéndose na diferenza á hora de pór libros na rúa. Falamos co seu editor, Francisco Macías.
Arredor dos 80 títulos nestes 18 anos e escoitamos falar de refundación. Como vai ser?
É unha refundación con dúas partes, unha empresarial e outra de contidos. A empresarial ten que ver coa aprendizaxe; agora voume dedicar case case en exclusiva a ser editor, despois de anos compatibilizándoo con outros traballos. Eu viña de posturas libertarias e non quería ser empresario, até que me dei de conta de que non había posibilidade. Agora quero que sexa unha empresa, non sen criterio, pero unha empresa.
A outra parte ten que ver con definir mellor as coleccións, por exemplo unha mostra dun certo cambio é a coleccións DiVersos, na que o libro de Paula Carballeira, Contatrás, marca dalgunha maneira a nova liña da editorial, cara a unha escrita máis narrativa, máis achegada á experiencia.
A aposta pola vangarda, ou cando menos por voces no seu día fóra do centro, foi sempre marca da editora: Lois Pereiro, Antón Reixa, Manuel Outeiriño. Falabas dunha liña máis apegada á narratividade
Si, a liña da colección de poesía vai ser esa, non sei se iso é vangarda ou non. Porque agora, que é vangarda? As vangardas teñen século e medio. O conto é que ti vexas un libro de poesía de Positivas e poidas intuír que hai dentro. Os últimos, Contatrás, Oda ás nais e Ouveo son tres libros de experiencias e historias. En Contatrás hai experiencias de Paula, ás veces pequenos contos. En Oda ás nais as experiencias de Moncho Iglesias en Palestina, e así se ve poema a poema. Algo semellante acontece en Ouveo.
Agora imos publicar os fragmentos poéticos conservados de Safo de Lesbos. Aí está tamén unha compoñente lúdica, vital. É difícil inventar un catecismo do que non apartarse, pero non me gustaría agora mesmo publicar ningún libro metaliterario, algo para que haxa que recoñecer as citas.
Ás veces trátase de mesturar o que che gusta a ti cun criterio empresarial, coa procura dunha imaxe, unha estratexia de márketing, no fondo.
En que cres que se fundamenta esa estratexia no caso de Positivas?
En que a xente identifique un pouco a editorial coa liña máis atrevida, e por iso agora imos fallar, o 1 de abril, o Premio de Narrativa Erótica, e Positivas vaise identificando con ese punto de atrevemento. Os dous seguintes libros son a obra completa de Safo de Lesbos, traducida por Raúl Gómez Pato, e Cantáteis de Chico César, en portugués do Brasil. Un atrevemento que non é nin máis nin menos ca unha reivindicación da normalidade. O mundo editorial vai por detrás doutros. Se vén Caetano Veloso ao Auditorio seguro que se esgotan as entradas nun día. Non vexo por que non pode pasar iso cos libros, e xa pasaron aquelas épocas da discusión normativa.
Vanse manter as tres coleccións amais da revista Animal?
Pechamos a colección Plural, quedamos con Narrativa e DiVersos, e tamén cun relanzamento da revista Animal, que agora vai ser trimestral e conter tres ou catro artigos que podería perfectamente formar parte dun libro. Por exemplo, no último número publicamos o conto de Machado de Asís, “O alquimista”, que podería saír como libro. Fixemos diso unha revista coa pretensión de que sexa distinta.
Positivas é unha editorial distinta a todas, nin mellor nin peor, distinta. Non quero que Positiva sexa un proxecto semellante ao dunha editora grande, á parte de que tampouco son capaz.
Orwell, Bukowski, máis recentemente Allen Ginsberg. Aínda que o panorama da tradución mudase ultimamente, Positivas vai seguir ese carreiro?
Si, publicaremos o mes que vén de Danilo Kis, un autor que escribe en serbocroata, Unha tumba para Boris Davidovich. Este autor tivo que exiliarse da ex Iugoslavia, marchou para París, e Harold Bloom n'O canon occidental considera que este libro está entre as vinte mellores obras da historia. A Bloom ás veces non hai que facerlle caso, pero di algo del que se fixase nesta obra case descoñecida. Agora publicouna xa en España a editorial El Acantilado, do amigo Jauma Vallcorba.
E o seguinte título é dun autor que algúns comparan con Cunqueiro, Xuan Bello: Paniceiros, a gran obra da narrativa contemporánea en asturiano.
Para cando a páxina web?
Conto tela nunha semana. Tivemos un problema cos provedores pero está rematada.
E para cando unha reedición do esgotado Poemas: 1981-1991 de Lois Pereiro?
Teño pendente unha conversa coa irmá de Lois sobre isto, e tamén pensamos en rematar a reedición do seu Poesía última para fusionar os dous títulos e meternos a editar a obra completa.
Imos tirar tamén unha edición ampliada de Ronseltz. Eles publicaron moitos textos en revistas: en Animal un ben longo que logo non apareceu no libro, en Mono da Tinta, nunha revista reintegracionista que había en Ordes. Fixeron tres volumes dunha revista que se chamaba Ronseltz. Imos xuntar todo isto nun volume, quizais publicándoo tal cal saíu no seu momento, quizais todo nun sobre.