28-12-2007Carlos Lema, editor e tradutor, entra agora no campo poético con "O xeito de Freud".
Unha chegada serodia á poesía. Vívela así ou consideras que non é significativo logo de tantos anos na edición ou na tradución?
Serodia ha de ser polos anos, pero tiven sempre moita relación coa poesía como lector e como editor. Para min non hai unha liña que xebra edición e lectura. Sen ler non se pode editar nin escribir. Todo é un traballo continuo coa palabra e as barreiras ponas un mesmo cando decide se quere ser escritor ou non.
Xa que falas de barreiras, neste caso entre xéneros, con ese título, O xeito de Freud, colocas dalgún xeito o lector á expectativa dun ensaio.
O título explícase porque para a miña maneira de entender a poesía a reflexión é fundamental, aínda que non significa que sexa a única maneira, nin fale dun pensamento necesariamente lóxico. Tamén deben estar presentes o ritmo, a emoción, pero é necesaria a reflexión, así sexa con outra linguaxe.
O xeito de Freud, é o do texto central, un poema longo de case trescentos versos, no que Freud ten un papel simbólico, aparece como leit motiv. Non se trata propiamente dunha reflexión sobre a obra de Freud, á que non podería achegar nada. E si dunha reflexión sobre a linguaxe e a persoa, nunha especie de hermenéutica do suxeito, por dicilo en termos de Foucault, ou dunha certa inversión da hermenéutica porque finalmente ao que se chega é a que o suxeito, como tal, non se entende a si mesmo, ou enténdese só de maneira diversas.
Falaches de que o libro indaga na construción da linguaxe poética. Como foi o traballo?
Hoxe en día escribir literatura significa reflexionar sobre outra literatura, aínda que non sexa explicitamente. No traballo da escrita hai un proceso de reflexión sobre isto: como escribir, de que maneira, por que.
E desde o punto de vista da literatura como fenómeno social están inevitablemente todas as lecturas de un. Agora mesmo non concibo a miña vida sen a lectura, que ten unha presenza constante, tamén no meu traballo.
Que pensas da suposta proliferación excesiva de premios e como foi que decidiches presentar o teu libro ao Johan Carballeira?
Non penso que haxa tal proliferación. Non se trata dun andazo do noso sistema cultural nin é exclusivo, ocorre en Francia e en España igualmente e é consubstancial ao campo a existencia de premios, o que os críticos chaman instancias de canonización.
No meu caso pareceume a maneira máis acaída para que se dese a coñecer este poemario, unha maneira de ter lecturas alleas a min, de que se lese ese texto e se valorase da maneira máis neutra, non sentido que lle dá Barthes á palabra 'neutro'.
O xurado destacou do libro a riqueza no diálogo con outras voces. De que autores te sentes cerca cando escribes poesía?
Gústame esa anotación do xurado porque a multiplicidade de voces, aínda que poida resultar un concepto gastado, é algo que procuro. Para min a poesía é a maneira que ten un de achegarse a outros. Interéseme o feito de que na poesía entren voces, non xa de autores, senón de xente coa que un vive, a sensación de que o poema sae de un pero espállase, perde a centralidade.
No libro está Otero Pedrayo, non tanto a nivel léxico nin o poeta, pero si o pensador, tamén, aínda que poida quedar pretensioso, Eugenio Montale, a quen lin moito sobre todo o final da súa obra, os Diarios. Tamén Wallace Stevens, no seu ton reflexivo, case filosófico. Jhon Asbery, de quen hai unha referencia directa, Paul Celan, aínda que non é un poemario celaniano. Ingeborg Bachmann é outra autora que leo con frecuencia. E moitos outros, Guillén, Kafka, Sebald, Proust, porque tamén a narrativa que un leu está aí, Barthes, que para min é fundamental.
Tamén están poetas cos que teño unha relación de amizade, así Chus Pato ou Manuel Outeiriño, con quen comparto lecturas. Logo teñen que dicir eles se realmente pensan que o libro lles é próximo.