AUTOR DE TEATRO
Quico Cadaval: "O texto dramático nace para ser incompleto"
01-10-2007
Quico Cadaval actor, director, adaptador teatral e contacontos naceu en Ribeira, na Ría de Arousa, no ano catro a.m.m.m. (antes da morte de Marilyn Monroe) nunha taberna en que medrou. Na infancia conviviu con mariñeiros que extraían maxicamente bacallaus salgados do pantalón, quincalleiras que revelaban a berros a orixe da vida en canto devoraban carne asada e anciás que conseguían ouriñar de pé con precisión de cirurxiás. Dirixiu espectáculos de teatro coa presenza de orfas de fillos, quincalleiras, viúvas de carpinteiro, traficantes de pipos, palilleiras macho, inmigrantes ilegais e xitanas vingativas. Escribiu pezas de teatro protagonizadas por traficantes mudos, deusas, piratas (sexo feminino), ociosos, aristócratas pintores, músicos ambulantes e vendedoras de amor ao pormenor.
Que particularidades destacarías en relación con outros campos para a nosa literatura dramática?
O dramaturgo ten unha limitación importante: o dramático é un texto que nace coa vontade de ser incompleto, igual ca no caso da partitura musical. A compoñente depresiva que rodea de partida a alguén que escribe en galego, no caso dos textos dramáticos acentúase, porque se pensa que o texto non vai ser representado. Na miña escolma case non hai ninguén "normal" nese sentido. Guisán Seixas cando escribe Teatro para se comer conta o que fan os actores e tamén o que fai o público, resume os traumas do autor dramático. Noutros campos, temos a literatura dramática en lingua portuguesa, para nós invisíbel, e moi interesante por exemplo no Brasil ou en África.
En que situarías a febleza fundamental no que é a publicación de textos teatrais?
A publicación en por si non me preocupa; con internet, non debera haber problemas para publicar. Hai unha certa mitificación arredor de que un se fai real cos libros pero non se gaña diñeiro por isto senón porque se represente o texto. Téñoo discutido con xente da experiencia de Raúl Dans ou Xabier Picallo, que sostiñan que o libro prestixia. Considero que o que lle dá prestixio a un autor de teatro é o público.
Que cres que axudaría a superar a sensación de que por un lado están os espectadores e por outro os lectores, un arco
entre os especialistas e a xente do teatro?
Penso que iso está no terreo dos autores dramáticos. Se queres que un libro se lea tes que ofrecer un universo encamiñado cara ao pracer da lectura. E iso non sempre acontece no teatro contemporáneo. Calderón ou Shakespeare achegábanse moito máis á construción dun texto completo. Hoxe, lendo a Alfonso Sastre, precísase imaxinación teatral para chegar a ver se esa obra funciona. E quizais non abonde con bonitas acoutacións literarias para facer que unha peza de teatro estea completa, que deixa de ser, efectivamente, para especialistas.
Falamos da antoloxía? Tres pezas do tempo de Nós e un predominio notábel de autores contemporáneos.
Chameille 'Dez textos de teatro escritos por galegos en Galiza' pola exclusión dos textos escritos en portugués en calquera país do mundo ou en español por nativos galegos. A selección está determinada polos meus coñecementos e pola miña ignorancia, alén das formas caprichosas da memoria. Nalgúns casos o criterio é de interese dramático, noutros de influencia social ou de oportunidade histórica. Falta o meu admirado Cunqueiro porque creo que ten mellor teatro na obra narrativa e nalgún poema ca nas pezas que escribiu con forma dramática. Logo hai contemporáneos, xente que escribe para a súa compañía, como é o caso de Commedia e de Cociña económica. Non é o top ten pero si textos en que atopei valores de que non debera carecer unha peza. Podería dicirse que Noite de lobos é unha obra menor, pero posúe características comúns con Brecht. O Teatro de máscaras é brillante e radicalmente adiantado ao seu tempo.
Como ves o teatro galego hoxe, semella que algo máis lonxe da encrucillada entre a recuperación de pezas históricas e a atención ao contemporáneo?
O teatro é a canle máis contemporánea que existe se se coñecen os medios para poñer o texto en diálogo co público. Temos unha chea de profesionais moi bos, sobre todos actores, e non debera haber problema para traer directores de fóra. Penso que os actores necesitarían reconsiderar a súa relación coa lingua galega como instrumento fundamental e traballar a pronuncia para que as escollas non parezan as menos traumáticas para un castelanfalante. Susana Dans ou Pico son os paradigmas da oralidade, con quen non hai que pensar se van poder dicir ou non unha frase. Aquí dá o mesmo un éxito ca un fracaso cando a onde se mira é a Madrid ou a Lisboa. Pasamos de anos de fuxir do provincialismo a ver o perigo de volvermos a el. Deberamos tamén buscar o público, considerar que deber ser activo pero non facer todo o traballo. Non se trata de estar obsesionados coa comercialidade pero tampouco de usar a coartada de que facemos un produto cultural e os espectadores teñen que se amolar.
Imprimir