Entrevistas

PROFESORA E ESCRITORA

Teresa Moure: "A literatura feminina non ten que ver co corpo do escritor"

Teresa Moure 09-05-2007
Teresa Moure doutorouse en Lingüística Xeral e na actualidade exerce a docencia na Universidade de Santiago de Compostela. Ensaísta e autora de novelas, entre a súa obra científica aparecen títulos como La alternativa no-discreta en lingüística (1996), Universales del lenguaje y linguo-diversidad (2001), A palabra das fillas de Eva (2005) ou Outro idioma é posible (2005), e na de ficción, A xeira das árbores (2004) e Herba moura (2005). Por Daniel Salgado.
Na obra de Teresa Moure non se advirten as fronteiras. As ideas circulan sen ataduras entre os seus ensaios –A palabra das fillas de Eva ou Outro idioma é posíble– e as súas novelas –A xeira das árbores e Herba moura– e non se deteñen en ningunha raia. Teresa Moure está para editar o seu terceiro traballo narrativo, Benquerida catástrofe, mentres, ilusionada coa nova perspectiva creativa, dá forma a un roteiro cinematográfico para a produtora de Antón Reixa.

Existe unha narrativa feminina?
Coido que si existe. E a verdade é que a pregunta resulta controvertida porque tamén hai un gran debate en marcha sobre este asunto e tende a simplificarse. Existe unha literatura de muller ou feminina. Pero non ten que ver co corpo do escritor. Non todas as mulleres cando escriben fan literatura de muller, nin necesariamente a literatura feminina ten que er escrita por mulleres. Un home tamén podería adoptar ese punto de vista. A miúdo emprego unha provocación, que consiste en lle preguntar á xente cantos partos ten descritos nos andeis da súa libraría. Porque hai moi poucos partos na literatura. Se miras cantos asasinatos hai nos andeis da libraría, e se amais tes en conta que todos nacemos dun parto pero non todos morremos asasinados, atopas un poderoso argumento para dicir que boa parte das experiencias das mulleres, da cosmovisión das mulleres, non está recollida nos libros. E iso non ten nada a ver co corpo do autor. Tolstoi non estivo en ningunha guerra e escribiu Guerra e paz. Suponse que un escritor ten un oficio para contar cousas ou experiencias que non tivo.

Cando se pode falar dunha literatura feminina?
Para min, unha literatura é feminina ou de muller cando por fin incorpora unha voz disidente que non estaba no pensamento único que construíu unha arte literaria, a arte literaria dominante. Daquela, hai que incorporar ou ben experiencias propias de mulleres –por iso poño o exemplo do parto pero poderían ser outras– ou ben unha ollada de xénero, unha ollada reivindicativa ou disidente. Hai unha literatura feminina do mesmo xeito que hai unha literatura gai, unha literatura queer ou unha literatura negra ou poscolonial. E é preciso evitar o perigo de confundir a literatura feminina cunha literatura de rapazas para rapazas falando de cousas de rapazas, algo que promocionan moito as editoriais.

E en Galicia existe esa narrativa feminina?
Polo compromiso que teño con este tema, agardo poder dicir que si existe narrativa feminina en Galicia.

Cando decide escribir unha novela, hai detrás un programa feminista consciente e militante ou aparece inevitabelmente?
Hai ese programa, en efecto. Para min non sería lícito, por exemplo, utilizar os meus recursos de estilo, o posíbel interese do meu xeito de escribir, para contar máis do mesmo. Son unha persoa comprometida politicamente, ideoloxicamente, e non me gustaría nunca pensar en colaborar en que este mundo vire máis capitalista, máis consumista ou, neste caso que falamos, máis machista. Así que adopto un programa para que a literatura que escribo sexa feminista, de que por fin saian á luz as que até agora non saíran. E igual que digo feminista podería dicir outras cousas. Penso que toda a miña produción literaria é profundamente ecoloxista e quere amosar, quere visibilizar cousas ocultas.

Na súa obra, as lindes entre xéneros fican esluídas...
Si. Son unha persoa obsesiva. Aínda que as miñas obras se publicaron en pouco espazo de tempo, moita xente pensou que o tempo de traballo resultara máis longo. Pero en realidade tratouse dos mesmos meses ocupada polas mesmas cuestións. Eu, amais, non creo nos xéneros. Non creo para nada en límites nin en divisións. Así, cando escribín As palabras das fillas de Eva tentaba cortar o razoamento máis académico e irme a escribir contos. De feito, esa estratexia forma parte, un pouco, dunha deliberada falta de respecto. As mulleres non estivemos nos universos de poder e ás veces somos pouco respectuosas con esas xerarquías xenéricas. E encántame reivindicalo. Se eu vou dar unha conferencia, paro e boto un conto, un chiste, e paréceme moi válido.

A literatura é emancipadora?
Claro. A literatura ten vocación de subversión, de contar mundos alternativos, de que saiamos das nosas vidas que vivimos como podemos e de darnos liberdade. Ese é, para min, o único sentido da literatura. Non creo moito nas campañas institucionais de animación á lectura, dirixidas desde o poder, nas que se nos di "hai que ler, porque lendo tes fas máis culto, máis importante, un home de proveito". Porque en realidade ao poder non lle interesa que leamos. Porque ler fainos moi libres.

Por que escribe?
Non teño nin idea. Hai un personaxe en Herba moura, Christina, que di que non se pode imaxinar facer outra cousa que escribir. Escribo como unha paixón.

Imprimir

Ligazóns:

Xunta de Galicia. Consellería de Cultura e Deporte. Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural
Aviso Legal | Accesibilidade | Sindicación RSS| Contacto |